Nova vítima mortal de Crimea-Congo: que é, como se contaxia e como pode afectar a Galicia

O virus que causa a enfermidade da febre hemorráxica xa está a circular no territorio galego, segundo o último informe do laboratorio que realiza o seu seguimento

A febre hemorráxica de Crimea-Congo, unha enfermidade infecciosa xeralmente transmitida pola picada dunha carracha do xénero Hyalomma, deixa unha nova vítima mortal: un home de avanzada idade ingresaba o día 22 no Hospital público La Paz-Carlos III e falecía este sábado na unidade de illamento de máximo nivel da clínica. O Sistema de Alerta Rápida en Saúde Pública (SARSP) activara xa o pasado domingo a alerta por sospeita de febre hemorráxica de Crimea-Congo: o home de 74 anos acudiu a outro hospital da capital madrileña por febre e malestar xeral despois de pasar uns días na súa segunda residencia no municipio de Buenasbodas, en Toledo.

Finalmente, as mostras e a análise microbiolóxica confirmaron o positivo para Crimea-Congo, e xa son seis as persoas falecidas por unha enfermidade cada vez máis presente en España e que xa circula polo territorio galego, tal e como confirmou recentemente o último informe da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec). Que sabemos do virus, da súa transmisión e da gravidade desta situación sanitaria?

Publicidade

De todo, menos tropical

A febre hemorráxica de Crimea-Congo (FHCC) notificouse por primeira vez na península de Crimea no ano 1944. As primeiras persoas afectadas pertencían ás tropas soviéticas, que durmían na intemperie cunha exposición moi alta á picada da carracha H. marginatum. No ano 69 demostrouse que esta enfermidade era idéntica á ocasionada por un virus no Congo Belga, de aí a orixe do seu nome compartido.

A FHCC está causada por un virus da familia Bunyaviridae e o seu vector principal de transmisión son as carrachas Hyalomma marginatum. Considérase endémica nos territorios que se atopan por debaixo dos 50 graos de latitude norte como África, Oriente Medio e Asia, mais a súa presenza é cada vez máis común en Europa, ata en rexións moi ao norte, como Suecia. Sobre as causas que levan ao desprazamento da Hyalomma, o informe de ReGaViVec explica: “As alteracións antropoxénicas, os cambios socioeconómicos e o movemento de persoas e transporte de animais domésticos traen con eles unha maior dispersión xeográfica das carrachas, favorecendo a emerxencia e reemerxencia das enfermidades transmitidas por estas”.

Publicidade

No caso de Galicia a súa aparición deuse no ano 2019 e dende entón non fixo máis que aumentar a súa zona de influencia, chegando a quintuplicar a súa presencia no territorio en tan só un ano: mentras que no 2022 só se capturaron tres exemplares, no ano pasado Galicia xa rexistraba ata 15 carrachas da especie Hyalomma marginatum.

O virus salta aos animais de granxa

No mes de xuño, un informe publicado por ReGaViVec notificaba o que, para moitos expertos, era unha cuestión de tempo: o virus causante da febre de Crimea-Congo xa está presente en Galicia e ten a capacidade de saltar a animais de granxa, como cabalos ou vacas: “Mediante probas serolóxicas atopáronse animais seropositivos (con anticorpos fronte ó virus) practicamente en moitas das zonas nas que recolléronse exemplares adultos de hospedeiros, o que confirma que este patóxeno está a circular polo territorio”. Das 445 mostras analizadas durante todo o ano pasado, 13 animais deron positivo na proba para Crimea-Congo.

Os resultados amosaron casos de anticorpos en vacas e cabalos en varios concellos de Ourense, como Vilamarín (un cabalo), Verín (dúas vacas), Paderne de Allariz (un cabalo), A Veiga (dúas vacas) e Viana do Boló (una vaca), sendo San Xoán de Río o lugar onde máis positivos se deron, con catro vacas que amosaron anticorpos para este virus. Nas provincias de Lugo e Pontevedra só se atoparon dous resultados positivos, unha vaca en Folgoso do Courel (Lugo) e outra no Porriño (Pontevedra). 

Os investigadores que realizaron o informe invitan á cautela á hora de falar da posibilidade de ter casos de febre hemorráxica en humanos dentro da comunidade galega: “Non temos unha bóla de cristal, polo tanto non podemos predicir o que vai pasar no futuro, pero cos datos que temos e coa baixa circulación do virus, todo apunta a que polo momento non hai unha posibilidade real de que isto vaia ocorrer no corto prazo”.

Unha picada só non basta

Dende que se detectou o primeiro caso en España de FHCC en persoas hai 11 anos, Sanidade notificou ata 13 persoas infectadas, das cales seis finalmente faleceron. As cifras dan unha perspectiva da gravidade desta enfermidade infecciosa, a cal segundo a OMS ten unha taxa de mortalidade que vai dende o 10% ata o 40% dos casos. A sintomatoloxía é moi variada, mais a maior parte dos pacientes adoitan ter febre, dor muscular, rixidez no pescozo e hipersensibilidade á luz. Nos casos graves chegan aos fenómenos hemorráxicos. 

Porén, a probabilidade de contraer a febre de Crimea-Congo é moi baixa, segundo contan expertos de ReGaViVec, ao terse que dar unha serie de circunstancias pouco probables “Primeiro tenche que picar unha carracha Hyalomma, a cal vas ver rapidísimamente porque é xigante”. Pero só iso non basta: a carracha ten que ser portadora do virus que causa a febre de Crimea-Congo. “Aínda que se dera todo isto, a meirande parte das persoas non presentarían síntomas. Tan só o 30% van desenvolver un cadro clínico”.

A transmisión do virus non só se dá pola picada dunha carracha infectada, senón que tamén existe a posibilidade de contaxiarse a través do contacto coa sangue ou outros tecidos de animais infectados. É por iso que, un dos factores de risco para esta enfermidade está vencellado ao traballo no medio rural e no campo cando este inclúe o contacto con animais de granxa

Como evitar no posible o contacto coa ‘Hyalomma marginatum’

“A Hyalomma non é unha carracha que vaias atopar nun ámbito urbano. Polo xeral prefiren zonas con maior tranquilidade, e por iso o ser humano non é o seu hóspede máis idóneo”, explican os expertos de ReGaViVec. A mellor maneira de evitar á carracha transmisora da febre hemorráxica de Crimea-Congo é afastarse dos seus hábitats idóneos, que en rexións como a galega adoitan ser as zonas boscosas e húmidas como as carballeiras, “onde hai moita materia orgánica no chan e unha poboación de especies silvestres importante”. Con todo, hai contornas onde non é doado evitar á Hyalomma. Neses casos, o mellor é estar alerta e saber identificala, o cal é sinxelo tendo en conta o seu gran tamaño e a cor amarela das súas patas.

Ademais, a OMS comparte unha serie de recomendacións para aquelas persoas que se atopan en zonas rurales ou que se adican a traballos que incúen o contacto con animais silvestres e de granxa, entre elas:

  • empregar roupas protectoras como mangas ou pantalóns largos
  • empregar roupa de cores claras, o cal axuda a detectar a presenza das carrachas
  • evitar as estacións do ano nas cales estean máis activas (no caso da Hyalomma marginatum, trátase da primavera e o verán)
  • empregar protección cando se manipule calquera animal nas zonas onde o virus xa é endémico, tendo especial coidado nas matanzas ou sacrificios, sexan feitos en matadoiros oficiais ou na casa
  • someter aos animais á corentena ou tratalos con praguicidas dúas semanas antes da matanza

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do paraíso natural á extinción local: cando se perderon todos os esturións do río Miño

Seis décadas despois da desaparición dos sollos en Galicia, as administracións continúan sen aplicar un plan para recuperar a especie

Ter un peso adecuado pode ser máis importante que facer exercicio para evitar o risco de cancro

Un estudo da UVigo apunta a que a actividade física sería insuficiente para contrarrestar os efectos negativos de ter sobrepeso ou obesidade

Galicia prevé acabar coa hepatite C en 2026, catro anos antes da meta establecida pola OMS

O cribado galego implantado en xullo de 2023 permitiu a detección de 372 casos de infección activa e a realización de máis de 280.000 probas

O aire africano activa a alerta laranxa: Galicia roldará os 40 graos nestas zonas

O martes e o mércores serán os días máis cálidos, con temperaturas abafantes nos concellos limítrofes co Miño de Ourense e Pontevedra