Como protexernos das carrachas e das enfermidades que transmiten

*Un artigo de

Dar un paseo pola natureza na primavera e verán é reconfortante, sempre e cando tomemos as medidas adecuadas para evitar as carrachas. Estes ectoparásitos parentes das arañas e os alacráns aliméntanse de sangue humano e animal á vez que transmiten algunhas enfermidades especialmente graves en humanos, a miúdo incluso mortais.

Publicidade

De feito, os patóxenos transmitidos polas carrachas son responsables da maioría das enfermidades transmitidas por vectores nas zonas tépedas de América do Norte, Europa e Asia. Só nos Estados Unidos, as carrachas son responsables de máis do 95% dos casos de enfermidades transmitidas por vectores. Xa o di o refraneiro: Á res fraca todo se lle volve chinches e carrachas.

Novecentas especies de carrachas distintas

As carrachas abundan nos bosques de toda Europa desde principios de primavera ata finais de outono. Viven chuchando o sangue dos animais e, ocasionalmente, morden os humanos. Na actualidade, varios estudos evidencian que o cambio climático contribuíu á expansión de gran variedade de especies de carrachas, aumentando o risco potencial de expandir diferentes enfermidades a áreas onde os vectores anteriormente non podían sobrevivir.

Publicidade

De momento, foron descritas preto de 900 especies de carrachas, e todas elas pasan por un ciclo de vida que inclúe ovo, larva, ninfa e adulto (femia ou macho). Xeralmente, cada etapa posembrionaria require unha inxestión de sangue antes de mudar á seguinte etapa. E nese proceso, as carrachas adquiren patóxenos que despois poden transmitir cando volven alimentarse. De todos os vectores que inxiren sangue, son as carrachas as que transmiten a maior variedade de axentes infecciosos.

Habitualmente, os axentes infecciosos transmitidos por carrachas —virus, bacterias ou protozoos— circulan na natureza nun ciclo rutineiro de carracha-hóspede vertebrado-carracha. E aínda que o ser humano participa de forma esporádica e accidental nese ciclo, o número anual de picaduras de carrachas en humanos é moi alto, polo que as persoas ás que pican expóñense a perigosas enfermidades.

Encefalite, febre hemorráxica e outras enfermidades

Estas enfermidades notables, a miúdo mortais nunha porcentaxe significativa das persoas afectadas, inclúen a enfermidade de Lyme, a encefalite transmitida por carrachas (TBE), a febre recorrente transmitida por carrachas (TBRF), a tularemia, a babesiose, a febre por carrachas de Colorado, a theileriose, a enfermidade de Powassan, a rickettsiose por Rickettsia parkeri, a enfermidade do virus Bourbon, a enfermidade do bosque de Kyasanur, a ehrlichiose, a rickettsiose 364D, a enfermidade do virus Heartland, a febre maculosa das Montañas Rochosas, a anaplasmose granulocítica humana e a febre hemorráxica de Crimea-Congo, entre outras.

Na actualidade, a principal actividade de vixilancia de carrachas en toda Europa está relacionada cos riscos fundamentais que expoñen principalmente dúas especies. Por unha banda Ixodes ricinus, que transmite a enfermidade de Lyme e a encefalite transmitida por carrachas. Por outro, a especie Hyalomma marginatum, que habitualmente transmite a febre hemorráxica de Crimea-Congo.

Viven en bosques e breixeiras

As carrachas prefiren unha vexetación espesa e densa e, como resultado, atópanse xeralmente en hábitats naturais como bosques e breixeiras. Con todo, a cantidade de lugares onde as carrachas poden sobrevivir e prosperar está a medrar debido ao quecemento global, a migración dos animais e a urbanización descontrolada, que facilitan o aumento da densidade das carrachas, ao crear oportunidades de movemento e dispersión das poboacións anfitrioas.

En países como Canadá, as proxeccións climáticas mostran que as carrachas están a aumentar a súa área de distribución cara ao norte entre 35 e 55 quilómetros por ano.

O pico de actividade estacional das carrachas comeza na primavera e esténdese ata finais do verán e principios do outono. Se ten pensado pasear pola natureza, as formas preventivas máis efectivas de evitar as picaduras de carrachas inclúen usar pantalóns longos e camisas de manga longa, e aplicar repelentes na pel e a roupa. Convén que meta as camisas dentro dos pantalóns e os pantalóns dentro dos calcetíns para cubrir os espazos da roupa por onde poden entrar as carrachas. Tamén se recomenda usar roupa de cores claras para poder ver as carrachas máis facilmente.

A pel debe revisarse periodicamente en busca de carrachas adheridas. En caso de atopalas, deben eliminarse canto antes. E en caso de sufrir unha mordedura de carracha, é conveniente informar rapidamente o persoal sanitario correspondente e, se é posible, levar o animal portador, por se fose necesario determinar a especie ou realizar unha análise específica.

As carrachas quítanse con pinzas, non con lume

O procedemento correcto para quitar unha carracha é usar un xogo de pinzas finas e agarrar o animal o máis preto posible da pel. Non utilice lume nin cigarros acesos, esmalte de uñas, vaselina, aceite, xabón líquido, gasolina ou calquera outro axente irritante, porque poden excitar a carracha e facer que se comporte como unha xiringa, inxectando fluídos corporais na ferida.

A técnica adecuada para eliminar as carrachas inclúe o seguinte protocolo:

  • Utilice pinzas curvas para agarrar a carracha o máis preto posible da superficie da pel.
  • Tire cara a atrás suavemente, pero de maneira firme, exercendo unha presión uniforme e constante. Non sacuda nin vire ou torza o animal.
  • Non aperte, esmague nin perfore o corpo da carracha, xa que os seus fluídos corporais poden conter organismos infecciosos.
  • Despois de quitar a carracha, lave ben a pel e as mans con auga e xabón.
  • Se algunha parte da boca da carracha queda na pel, non interveña: será expulsada pola súa conta. Os intentos de extraer estas partes poden provocar un traumatismo cutáneo importante.
  • Garde a carracha extraída nunha bolsa de plástico con peche ou nun recipiente selado, por se os axentes sanitarios necesitan analizala e é oportuno levala ao centro médico. É útil que a persoa poida proporcionar información sobre o tamaño e a cor da carracha, se realmente estaba adherida á pel, se estaba conxestionada —é dicir, chea de sangue— e durante canto tempo.

Lembre que as carrachas representan un perigo claro e presente, polo que é prudente tomar precaucións para evitar que poidan orixinarnos un problema de saúde.


*Raúl Rivas González é catedrático de Microbioloxía da Universidade de Salamanca e membro da Sociedade Española de Microbioloxía.

Cláusula de divulgación: Raúl Rivas González non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

Raúl Rivas
Raúl Rivas
Catedrático de Microbioloxía na Universidade de Salamanca

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia é unha das zonas de España con máis carrachas transmisoras de Lyme

As masas de repoboación de eucaliptos son desfavorables para albergar altas densidades de 'Ixodes ricinus'

Tomas anticonceptivos orais? Estes son todos os seus riscos

A contracepción hormonal consiste na administración externa de hormonas sexuais, estróxenos e proxestáxenos, que evitan que a muller quede embarazada

O ciclo do sal nos océanos e o seu impacto no colapso da AMOC

Se o bucle de circulación Atlántico daría lugar a un arrefriado brusco do clima europeo

Cinco motivos para estar alerta ante a transmisión de gripe aviaria en humanos

México e a OMS anunciaron o 5 de xuño a morte dun home, de 59 anos de idade, infectado polo virus da influenza subtipo AH5N2