Martes 19 Marzo 2024

GCiencia gaña o premio máis prestixioso de información científica de España

O portal recibe o Prismas 2019 por "combinar xornalismo e divulgación científica desde Galicia, cunha linguaxe amena, popular e rigorosa"

O xurado dos Premios Prismas anunciou hoxe que GCiencia é a gañadora deste prestixioso galardón no 2019, o máis importante en información científica en España, na categoría de ‘novos medios’, salientando que este medio de comunicación “combina xornalismo e divulgación científica desde Galicia, cunha linguaxe amena, popular e rigorosa, comentando con regularidade todas as noticias máis importantes que se producen no mundo da ciencia”.

Os premios Prismas son convocados polos Museos Científicos Coruñeses e están considerados os de maior prestixio en España. O xurado estivo presidido por Lluis Montoliu, investigador científico do CSIC, e constituido además polos seguintes membros: Esther Rodríguez Belmonte, profesora titular da Universidade da Coruña; María José Rodríguez Malmierca, responsable de eLearning no Centro de Supercomputación de Galicia; Javier Salas Quesada, xornalista científico en Materia; Marta Palomo de Udaeta, investigadora e comunicadora científica, e César López García, responsable da unidade Fomento da cultura científica da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Publicidade

GCiencia xurdiu en novembro de 2013 como un desafío á dobre crise da economía e dos medios de comunicación cun proxecto esencialmente xornalístico. Coa vocación facer divulgación científica a través do xornalismo, o portal da ciencia galega é na actualidade un medio capaz de atraer a 360.000 usuarios únicos mensuais, cun tráfico superior aos dous millóns de páxinas vistas.

Iso fai de GCiencia, a pesar do seu carácter non xeneralista, o nativo dixital máis lido de Galicia e o quinto do total da comunidade autónoma, incluídos os tradicionais de información xeral con versión en papel.

A redacción de GCiencia, que cumpre en novembro seis anos dende a súa aparición no 2013.

Nestes seis anos que pronto se cumprirán, GCiencia tamén se converteu nun activo axente de divulgación científica a través de distintos medios, como conferencias, obradoiros para nenos, exposicións, publicacións en papel ou convocatorias de premios.

Ademais, ao longo da súa traxectoria GCiencia logrou o Premio de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o Premio Galicia de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017), o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización dá Lingua (2019) e o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña (2019), ademais de resultar finalista dos Premios da Crítica de Galicia ou da feira de actividades culturais Culturgal. Agora recibe o premio Prismas, que se engade a esta lista de recoñecementos.

Outro premio con acento galego foi o dedicado ao mellor libro de divulgación científica, que recoñece ao profesor da Universidade de Santiago José Edelstein pola súa  obra “Einstein para perplejos. Materia, energía, luz, espacio y tiempo”, editado por Debate Libros.

O premio ao mellor vídeo foi para “Desextinció: revivir una especie”, emitido en TV3. Esta reportaxe foi realizada por Pere Renom e Cari Pardo, e dirixido por Jaume Vilalta.

O Prisma ao mellor texto orixinal e inédito foi concedido a “La trastienda de la ciencia”, escrito de Miguel Ángel Sabadell. E o Prisma ao mellor artigo xornalístico foi para “No, el ser humano no se está volviendo más tonto”, de Sergio Ferrer, publicado na Axencia SINC.

O Prisma á mellor peza de radio foi gañado por “Ciencia Extrema: del Amazonas a la Antártida”, de Ciencia Cruda. E “El enigma Agustina” recibiu o premio ao mellor proxecto singular.

Para rematar, o Prisma Especial do Xurado foi por unanimidade para Rafael Bachiller García, investigador especialista en astronomía, polo “seu gran prestixio internacional, múltiples apoios e recoñecida capacidade de divulgar”.

3 COMENTÁRIOS

  1. Parabéns!!
    A ciencia pode ser explicada de xeito sinxelo sen perder rigurosidade, e vós demosrtádelo cada día.
    Seguide así

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores