Ciencia para todo

Miña nai regaloume a primeira Muy Interesante Junior. Tiña unha xirafa na portada e brilláronme os ollos cando a collín coas mans. Aí empezou unha viaxe fascinante que sementou en min o gusto pola divulgación científica (ou xa nacín con el?). Parte dos meus aforros ían destinados a mercar a revista cada mes para descubrir por que o ceo era azul, se existiron algunha vez os dragóns e que ciencia había detrás das películas de Harry Potter. Unha das miñas seccións favoritas era unha banda deseñada sobre historia da ciencia, coa que aprendín que Alexander Fleming descubriu a penicilina.

A paixón pola ciencia cultiveina dende ben cativa e probablemente desbloqueei estas lembranzas tras unha decepción. Hai un par de semanas participei nunha xornada organizada pola Asociación de Medios en Galego (Amega) na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. Cando comecei o meu relatorio, pregunteille ao alumnado cantos tiñan interese na ciencia e só dúas rapazas levantaron a man (e si, de forma moi tímida). Os demais miráronme con cara estrañada, como se me estivesen a dicir: “Ciencia? Para que”. E tiven ganas de responderlles imaxinariamente: “Ciencia para todo”. 

Publicidade

Ás veces, esta profesión é un pouco frustrante. Desmárcaste da actualidade e pos o foco en investigacións que se levan tecendo durante meses ou anos, que poden supoñer un avance no seu campo de estudo e que non sempre teñen unha aplicación directa. Non é doado transmitirlle ao público, e menos nun momento de absoluta inmediatez e morbo, que o traballo incesante no laboratorio é imprescindible para mellorar a súa calidade de vida. Para o fármaco que toman cada mañá para regular a tensión, ou para usar o móbil que os abduce durante horas.

Despois da decepción que levei en Pontevedra, esta semana sentinme especialmente esperanzada. A conta de Instagram de GCiencia acadou os 60.000 seguidores. Si, 60.000 persoas que consomen o noso contido; un contido moi definido: ciencia en galego. De parte de todo o equipo, grazas por axudarnos a medrar. A ti, que hoxe les este Ciencia en Confianza, tamén vai o noso agradecemento: por consumir ciencia, por ver o valor dunha información de utilidade, e por escoller facelo na nosa lingua.

Publicidade

Os retos son infinitos. Sen ir máis lonxe, estamos inmersas nun proxecto en colaboración co Concello de Pontevedra. Dende esta semana e ata finais de novembro, publicaremos sete vídeos en Instagram e TikTok sobre diversidade racial e de xénero. Malia que estou descubrindo historias fascinantes que aínda non vos podo contar, tamén está a supoñer un desafío. Como abordamos os nesgos de xénero na ciencia en tan só 90 segundos e sen simplificar? Sen reducir un asunto de tal calibre a tres stickers, catro tripografías e cinco efectos de son? Si, as redes sociais son un dos maiores retos da divulgación científica, pero debo recoñecer que tamén son boas aliadas.

Cada vez que teño entre mans unha reportaxe sobre historia, como a do concubinato que publicamos esta semana, penso nun dos proxectos que máis me achegou profesional e persoalmente. Raíñas de Galicia foi para min un bálsamo: permitiume descubrir historias fascinantes e pouco visibles de mulleres medievais galegas. Que sorte a miña de ter un traballo no que aprendo cada día. A Laura que lía a Muy Interesante Junior nin sequera o soñaba.

Pero sobre o que máis aprendín, fóra das historias particulares de dona Urraca ou Teresa de Távora, foi sobre a Idade Media; un período inxustamente xulgado e sobre o que pesan moitos estereotipos. A divulgación permitiume derrubar as ideas preconcibidas sobre esta etapa histórica. Aínda que falar de etapa… Foron dez séculos! Esta semana volvín lembrar que pouco sabemos do medievo e que importante sería revisar os relatos que herdamos para entender mellor o presente.

Por iso nesta semana aciaga creo que debemos informarnos e informarnos ben: en fontes fiables, oficiais e que desboten o morbo a favor do rigor. Como xornalista, está a ser moi difícil illarme das noticias, que me producen carraxe e dor a partes iguais. O meu bálsamo son a escritura e a ciencia. E talvez rebuscar na casa dos meus avós e abrir un número ao azar, a ver que aprendo.

Agora si, imos cos temas da semana!


⚫ Adeus, velutinas 🐝 A reportaxe que máis impacto tivo esta semana en redes sociais foi unha peza escrita por Andrea sobre o abelleiro europeo, unha ave rapaz que basea a súa dieta en avespas e abellóns. E por suposto, velutinas. O estudo do que se fixo eco a miña compañeira estima o impacto económico desta ave, capaz de eliminar ―por parella, iso si―, ata 80 niños por tempada. 

⚫ Tropicalización do mar 🌊 Sardinela lombuda e ermitán vermello grande. Estes son os nomes de dúas especies localizadas por primeira vez en Galicia, dado que son propias de augas cálidas. O estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) reforza a hipótese dun progresivo proceso de tropicalización no litoral do noroeste peninsular. Sobre esta tese, publicamos unha extensa reportaxe en marzo que vos animo a ler. Dá moito que pensar sobre o impacto do cambio climático.

⚫ Prohibido fumar 🚬 Non soporto o tabaco e sempre me cambio de sitio cando estou nunha terraza e alguén despide o fume cara a min. Esta reportaxe, que tamén escribiu Andrea, é moi interesante: a pesar de ser unha das comunidades autónomas con maior prevalencia no consumo, Galicia rexistra a maior exposición a fume de segunda man en interiores entre mulleres novas. Aquí che explicamos as claves.


Recomendación semanal 🪶

Un dos meus principais propósitos é reducir o tempo de exposición a redes sociais e desfrutar máis do analóxico. Non sempre o consigo, a pesar de poñer límites e desfrutar moito dalgunhas afeccións como a lectura. Así que, se vos pasa o mesmo que a min, déixovos unha recomendación que me entretén e me divirte a partes iguais: os cadernillos de actividades para adultos. Hai moitos, pero os meus favoritos son os de Blackie Books. Prometo que botaredes unhas risas!


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Deixar atrás o tabú

O desabastecemento de fármacos contra a menopausa afecta a 400.000 mulleres en España. Por Andrea Veiga

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

Viaxar no tempo

As últimas escavacións en Santa Clara sacan á luz un tesouro arqueolóxico. Por Laura Filloy