Teresa de Távora, unha gran estratega que foi moito máis que “a muller de”

Casou co célebre Pedro Madruga e actuou como mediadora de toda a familia Soutomaior ante as coroas de Castela e Portugal

Moi carismática, boa estratega e, sobre todo, unha muller de acción. Así era Teresa de Távora, a condesa de Caminha. A súa vida transcorreu na segunda metade do século XV. Foi unha nobre de grande influencia nas cortes de Portugal e Castela, tiña coñecementos bélicos que lle permitiron liderar a defensa das Torres de Pontevedra en 1477, xestionou un gran patrimonio e incluso impartiu xustiza ante as peticións dos seus vasalos. Unha muller con poder e carácter que non precisa máis etiquetas. Pero a historia non só a silenciou, senón que a agochou baixo o nome do seu marido: Pedro Álvarez de Soutomaior, popularmente coñecido como Pedro Madruga.

A historia de Teresa de Távora é unha historia de resistencia, de constantes negociacións, asedios, batallas e imprevistos. Unha vida itinerante, azarosa e chea de cambios aos que adaptarse que foi forxando unha personalidade indómita. Unha muller con nome propio que viaxou por gran parte da península e estableceu un contacto estreito con Isabel A Católica. Mais o inicio da súa brillante carreira cortesá hai que situalo no seu berce, en Portugal. Foi filla dun nobre importante, con vínculos directos coa Corte portuguesa. Foi alí, precisamente, onde coñecería o seu futuro marido, un home que transcendeu os libros de historia e que nutre a memoria popular do pobo galego.

Publicidade

Teresa e Pedro

“Pedro Madruga chega en 1468 a Portugal para pedirlle axuda a Afonso V para reconquistar as súas propiedades. Aí concerta o matrimonio con Teresa de Távora, filla do alcaide de Mogadouro. Únense cun obxectivo común: facer grande de novo a casa dos Soutomaior”, sinala Suso Vila, doutor en Historia da Arte e xestor cultural. Mais a vida de Pedro Madruga será axitada e moi itinerante, polo que Teresa de Távora estará á fronte das propiedades dos Soutomaior durante as longas ausencias do seu home. “É unha firme aliada do seu marido”, sinala Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da Universidade de Santiago (USC). As continuas viaxes de Pedro obrigaron a Teresa a poñerse á fronte da casa señorial que conformaron no reino de Galicia. Sempre resolutiva, práctica e determinante.

Exercer a xustiza señorial

Un dos episodios que demostran a posición que ostentaba a condesa de Caminha, e que en certo modo revela a confianza que o seu home depositaba nela como gardiá dos seus terreos, prodúcese en 1476. O conxunto da Coroa de Castela, e por tanto Galicia, estaba inmersa en plena guerra de sucesión tras a morte do rei Henrique IV. Unha guerra que gañou a súa media irmá, Isabel A Católica, pero que estivo disputada pola filla do monarca, Xoana —mal chamada A Beltranexa—, casada á súa vez co rei de Portugal. E precisamente neste último bando, o perdedor, foi no que se situou Pedro Madruga, que sufriría as consecuencias da súa decisión.

Durante as ausencias do conde de Caminha a causa das diferentes batallas da guerra de sucesión, á fronte do señorío estaba Teresa de Távora. Tal e como recolle a documentación da época, en 1476 pídeselle que tome medidas contra un “malfeitor” que, ao parecer, roubaba o gando. Os seus vasalos diríxense a ela como “señora vizcondesa”: “Ela é a que aplica a xustiza señorial dende Tui. Normalmente sería o marido ou os seus homes de confianza, pero neste caso é Teresa”. Así o explica Suso Vila, dando conta do seu poder e influencia.

Defensa de Pontevedra

Pero máis alá do seu rol de señora, está a súa faceta máis bélica. Aquela que defendeu con garras e dentes en 1477 durante o asedio ás Torres de Pontevedra. O suceso prodúcese no contexto dun conflito aberto entre o arcebispo Alonso II de Fonseca e Pedro Madruga, que eran acérrimos inimigos. Como este último estaba ausente, quen tivo que liderar a defensa da fortaleza, a estrutura defensiva máis importante da cidade naquela altura, foi Teresa de Távora. “Foi un asedio duro. Hai que imaxinar o escenario, co lanzamento de bólas de pedra. Os Soutomaior mantiñan as Torres e o mosteiro de San Francisco, onde se refuxiaron”, relata Suso Vila.

Os primeiros danos á fortaleza datada no século XII infrinxíronse, precisamente, nese ataque. Pese á súa defensa incisiva, Teresa perderá as Torres. Pero o resultado do conflito, di García-Fernández, non é o único que debería importar dende unha historia que se revisa con perspectiva de xénero: “Non me importa o fracaso nin o feito histórico concreto, senón que sexa unha muller a que lidere a defensa. Sen dúbida, é unha boa mostra de como na sociedade as mulleres tiveron un protagonismo activo, incluso en contextos bélicos e de conflitividade”.

Suso Vila engade que, ante unha situación límite como a que viviu Teresa de Távora en Pontevedra, a opción máis lóxica sería a fuxida cara a Portugal, coa súa familia de orixe. Mais ela resistiu, o que parece apuntar a que dispoñía de coñecementos bélicos e militares. “Hai que pensar que como codirixentes das casas señoriais, moitas mulleres tiñan un coñecemento directo e unha formación práctica en todo tipo de aspectos relacionados coa xestión e a administración dos señoríos”, apunta Miguel García-Fernández.

O seu papel como mediadora

Non cabe dúbida de que era unha muller indómita e entregada á defensa da liñaxe dos Soutomaior, pese ás situacións límite que farían perigar o inxente patrimonio da casa señorial. Pero unha das facetas máis fascinantes de Teresa de Távora, e o que demostra que era unha muller con poder e identidade propios, é o seu rol de mediadora. Non só será unha bisagra para o seu home, senón tamén para a súa descendencia. E non só actuará como grande estratega e negociadora con Isabel A Católica, senón tamén na Corte portuguesa, de onde ela era orixinaria. Todo iso demostra a súa grande influencia e a súa alta consideración nas últimas décadas do século XV en comparación co seu marido, un home caído en desgraza.

Un dos seus papeis máis destacados no seu rol como mediadora foi a súa negociación para revocar a súa excomunión e a de Pedro Madruga. Tras a sinatura do Tratado de Alcaçobas, que sentenza a paz entre Castela e Portugal, Teresa de Távora viaxa a Toledo para obter o perdón eclesiástico. “Tanto ela como o seu home estaban excomulgados. E aí vemos que, máis alá de recoñecer as culpas, a que negocia plenamente é ela. Despois diríxese á Corte castelá para asegurarse de que a paz con Portugal se conduza ben”, detalla Suso Vila.

Pero non só actuará a favor do seu marido, senón tamén polos seus fillos. “Ela media por todos os homes da familia”, sostén García-Fernández. Pero poderá facelo grazas á súa posición privilexiada nas cortes de Castela e Portugal. Non só pedirá favores aos reis, senón que tamén recibirá numerosas propiedades, rendas e incluso casas, algunhas en lugares tan afastados como o recén conquistado reino de Granada, por concesión de Isabel e Fernando. Pero o principal problema na súa relación coa monarquía era precisamente o seu home, Pedro Madruga, a quen Isabel “non podía nin ver”. Unha situación delicada que non impediu que Teresa, grazas ao seu nome e a unha posición propios, conseguira o que quería.

Reter o prestixio dos Soutomaior

O punto de inflexión na relación coa monarquía castelá chega cando Pedro Madruga secuestra o bispo de Tui nun intento desesperado por recuperar parte das súas propiedades. Un movemento de apropiación que funcionara para a casa señorial ata o momento, pero as regras do xogo cambiaran completamente dende que Isabel e Fernando estaban no poder. “Isto podía supoñer a aniquilación total da casa dos Soutomaior. Teresa vaille pedir directamente á raíña que sexa o seu fillo Álvaro quen asuma o cargo do seu pai”, detalla Suso Vila. Un paso ao lado dun belicoso Pedro Madruga. Pero unha actuación brillante de Teresa de Távora, consciente dos riscos que asumía a súa descendencia se a casa dos Soutomaior caía en desgraza, igual que o seu señor.

A decisión era de todo menos doada. E ante as circunstancias, o modus operandi habitual sería, precisamente, quitarlle as terras á liñaxe. Mais Isabel, que debía sentir unha profunda simpatía por Teresa, decide acceder aos desexos da condesa de Caminha e, daquela, o seu fillo Álvaro logra o cargo de señor de Soutomaior. Pero este non será o único polo que Teresa teña que mediar. Por exemplo, vai interceder por Cristóbal, para que viaxe a Inglaterra ao servizo do príncipe de Gales. E outro dos seus fillos, Fernando, non só nomea a Teresa como herdeira universal, senón que lle pide que interceda por el ante o rei de Portugal para obter o perdón.

Pedro, Álvaro, Cristóbal, Fernando… Estes son os homes da casa dos Soutomaior naquel altura, mais parecen ser homes completamente dependentes do poder incuestionable dunha soa muller: Teresa de Távora. “Vai estar sempre aí como unha figura maternal que defende e coloca os seus fillos e fillas”, salienta Suso Vila, e vai máis alá da imaxe batalladora que tamén perfilou Teresa ao longo da súa vida. A pesar dos feitos, as crónicas historiográficas, claramente androcéntricas, debuxan unha muller lonxe do que nos din os seus actos. Foi definida na época como unha “persoa moi débil polo seu sexo para facer fronte ás súas empresas”. Dificilmente se pode entender esta frase cunha revisión axeitada da historia de Teresa de Távora.

Un percorrido vital pola península

Xoana I de Castela

A súa vida non só estivo marcada pola súa infancia en Portugal e polo seu matrimonio con Pedro Madruga, o que a levaría a instalarse no reino galego. Cando o seu marido falece —ou, máis ben, cando deixan de aparecer referencias escritas a el en 1486—, Teresa comezará unha vida itinerante e intensa. Precisamente nese ano fará unha viaxe de máis de 400 quilómetros entre Alba de Tormes (Salamanca) e Córdoba. “Dona Teresa de Távora vai estar moi presente na corte castelá. Por exemplo, acompañará a outra nobre, María Enríquez de Quiñones, na súa viaxe. Vese claramente como a condesa de Caminha se relaciona coa máis alta nobreza e socializa con ela até integrarse plenamente nos espazos cortesáns máis relevantes da Coroa, incluíndo a corte rexia”, sinala García-Fernández.

A itinerancia das mulleres medievais é un aspecto ben estudado polo investigador do IEGPS, que reclama unha vida de fronteiras máis amplas das que recolleron ata o de agora os libros de historia. “Son señoras que viaxan con suma frecuencia e non necesariamente como acompañantes dos varóns. Neste caso en particular e grazas aos documentos conservamos, sabemos incluso que merendaron no camiño natas, touciño, pan e viño. Tamén o fixeron antes de entrar en Córdoba, cando comeron leituga, laranxas e pan”, sostén o investigador da USC. Pero esta non é a única viaxe longa que fará Teresa de Távora. Sábese que en 1500 estaba en Sevilla cos seus fillos e fillas. E que acompañará a Xoana I, a mal chamada Xoana A Tola, aos Países Baixos, onde se convertería en arquiduquesa.

Así é que Teresa viaxará a Flandes cun séquito de 11 mulleres nobres que acompañan a Xoana ao estranxeiro. A condesa de Caminha volve á península, cando se enterará de que a arquiduquesa está embarazada. E precisamente este dato é fundamental para entender as poderosas conexións sociais de Teresa de Távora, que lle escribirá unha carta directamente a Xoana: Bico as mans da súa alteza polos saúdos que me enviou na carta de Marina Ruíz e por facerme saber do seu embarazo […]. Perdoará que eu aquí, en todo o que a poida servir, fareino. E nas miñas poucas oracións vostede non é esquecida, e agora máis ca nunca, porque o Noso Señor a alumee.

Unha influencia incuestionable

“Esa muller é escoitada ao máis alto nivel pola monarquía. É unha mediadora. No momento en que lle dan rendas e beneficios en Granada é porque é alguén importantísimo e con boa consideración. Se a envías a acompañar a túa filla Xoana aos Países Baixos é porque confías plenamente nela”, subliña García-Fernández, poñendo énfase na situación privilexiada de Teresa de Távora na corte dos Reis Católicos. E sinala que para a Baixa Idade Media é difícil atopar outros casos nos que a nobreza galega tivese un oco tan destacado no seo da monarquía castelá, tendo en conta que a Corte estaba cada vez máis lonxe de Galicia.

Ás mulleres hai que reclamalas como suxeitos históricos, di García-Fernández. E Teresa de Távora é unha mostra. Defendeu a liñaxe dos Soutomaior e, polo tanto, á súa descendencia. Participou en guerras, asedios e batallas. Impartiu xustiza señorial e tivo un nome nas cortes de Castela e Portugal. Non se sabe como foron os últimos anos da súa vida, pero si podemos destacar o seu poder clave na convulsa política da época. E xa é hora de que esta muller de acción obteña xustiza histórica 500 anos despois. É dicir, reescribir a súa biografía para desmontar, con feitos, que o de “persoa débil” só se debe a un relato androcéntrico, cheo de misoxinia e ocultamento. E hoxe, por fin, Teresa volve ter nome propio.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular

Xoana Vázquez das Seixas: como a loita polo señorío de Chantada enfrontou a dúas mulleres

A nobre litigou coa poderosa Isabel de Castro, tomou a iniciativa de anular o seu matrimonio e deixou unha interesante pegada cultural

Ilduara Eiriz, a grande aristócrata galega do século X

Xestionou un inxente patrimonio de seu e fundou o mosteiro de San Salvador de Celanova, un dos máis importantes da Galicia medieval