Non sabemos o seu nome nin a súa idade. Tan só que vivía na Celanova do século X e denunciou o seu avó Tusto por violación. Un documento, coa voz do agresor en primeira persoa, certifica o seguinte: “Cometín adulterio coa filla da miña filla, isto é, a miña neta, e veu esta neta miña en presenza dos xuíces”. A declaración deixa claro que a rapaza, que debía ser moi nova, denunciou publicamente a Tusto. Fíxoo a través do mosteiro de Celanova dado que, naquela altura, as institucións eclesiásticas tamén impartían xustiza. Este é un dos casos que sacou á luz o investigador Abel de Lorenzo, doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago (USC).
“Ela elixiu a institución con maior poder local no momento para enfrontarse contra unha persoa da súa propia familia”, sinala o experto, que está a facer unha estadía na Universidade de Edimburgo. Fai especial fincapé no termo “resistencia” e no paso adiante que dá a rapaza de Celanova para poñer sobre a mesa a agresión sexual cometida polo seu avó. O mosteiro, encargado de impartir xustiza, creu a denunciante e Tusto foi condenado a entregar unha parte do patrimonio á institución relixiosa. “A denuncia supera calquera interese material para ela”, subliña De Lorenzo, poñendo énfase en como a neta renuncia ao patrimonio que lle tocaría por herdanza para poñer no centro da diana o seu avó.
Ximena
O investigador pon este caso como exemplo paradigmático das violencias sexuais na Alta Idade Media no noroeste peninsular. E faino a través dun artigo publicado na revista Murguía no que analiza as denuncias femininas contra a violación na Galicia dende o século XI ao XIII. Da neta de Tusto non conservamos o seu nome, pero hai outras mulleres en situacións similares das que si transcendeu máis que a súa historia. É o caso de Ximena, á que se coñece por un documento datado no ano 1070. “Xunto coa súa nai Ducidia, entrega unha propiedade a un home que a defendeu do seu agresor. Non coñecemos nada máis dela, pero non era nobre porque apenas posuía terras”, matiza o historiador da USC.
Douvos a oitava parte daquela igrexa por autoridade da miña nai Ducidia e na súa persoa, porque me ceibastes da man de Xoán Arias que quería abusar de min sen a miña vontade. Así quedou escrita a violencia sexual exercida contra Ximena, unha muller do actual norte de Portugal en pleno século XI. A diferenza do que acontecía coa neta de Tusto, aquí hai un testemuño en primeira persoa. Resoa a voz directa da agredida, quen deixa constancia do sucedido. Outra diferenza entre os dous casos estriba no tipo de axuda recibida: mentres a neta de Tusto avoga pola axuda eclesiástica, Ximena acode á laica, probablemente a algún mediador da elite local.
Como fuxir do agresor
Nin a neta de Tusto nin Ximena eran mulleres nobres. Iso tamén permite estudar estamentos sociais máis baixos e coñecer a vida, neste caso sucesos traumáticos, das clases sociais con menos recursos. Mais hai outro caso documentado por Abel de Lorenzo que permite seguir a traxectoria, ao longo de varios anos, dunha muller nobre que mostrou unha resistencia sen fisuras contra o seu agresor. Dela tampouco transcendeu o nome pero o suceso está datado en 1199, durante o reinado de Afonso VIII, o último rei de Galicia e León. É, ademais, un actor importante neste caso.
A protagonista desta historia casou sendo unha nena pero o seu home faleceu pouco despois, polo que se lle suxire un novo matrimonio. Como ela se opoñía a esta segunda unión, emprega un recurso que Abel de Lorenzo define como “moi intelixente”: “Alega que son familia e que non poden casar polo grao de consanguinidade“. Tras este rexeitamento inicial, decide facer voto de castidade e vai estar protexida por monxes agostiños durante dous anos, pero non nun mosteiro, senón na súa casa, ata que o rei e a súa familia a ameazan. O seu agresor asáltaa e dille claramente que se non casa con el, a vai matar.
“Sente unha gran presión polo matrimonio, probablemente porque tiña moito capital. Decide fuxir da súa casa e refúxiase unhas semanas cunha familia xudía. Despois agóchase nunha igrexa, pero non logra escapar do seu agresor. É un retrato de violencia evidente“, sostén o investigador da USC. A historia, de feito, non remata ben e ela é obrigada a casar pese ás reticencias mostradas nos anos anteriores. É máis, acaba tendo catro fillos con el. Non obstante, é un caso representativo porque xunta todas as estratexias das que dispoñían as mulleres medievais para fuxir das violencias: alegar consanguinidade, fuxir da casa, facer voto de castidade ou pedir axuda a terceiros, ben fosen laicos ou eclesiásticos. A ela non lle funcionou. Outras, como a neta de Tusto, lograron xustiza a través da denuncia.
Onde está o centro do debate?
Abel de Lorenzo centra a súa investigación na violencia e na xustiza da Alta Idade Media do noroeste peninsular. Pero o estudo das diferentes formas de agresión sexual tiveron unha inspiración con nome propio: María del Carmen Pallares Méndez. A primeira catedrática de Historia Medieval de España tamén foi profesora de De Lorenzo, e foi aí cando puido achegarse a unha investigación clave para a súa traxectoria: un estudo sobre as denuncias de agresións masculinas na Galicia do século XV. “As mulleres tiñan que performar para que as creran. A xustiza incluso entraba a valorar a brancura das pernas da agredida”, sinala o investigador, aludindo a casos recentes como o de La Manada, no que tamén se puxo en dúbida o testemuño da vítima.
Un dos últimos casos que estudou De Lorenzo está datado en 1260 en León. “Unha viúva inglesa foi agredida por dous eclesiásticos da catedral. O documento é moi explícito pero o tema principal non era a agresión, senón a loita de poder entre o concello e a Igrexa. Usárono como escusa para o enfrontamento público“, sinala o historiador. Un caso de hai 800 anos que atopa certas similitudes co presente: “Hoxe tamén se usan as vítimas para sacar tallada política”. E insiste no importante que é coñecer a historia, divulgala e ter constancia do precedente para evitar repetir unha e outra vez o mesmo patrón.
Principais limitacións
Non obstante, De Lorenzo recoñece que investigar as violencias sexuais na Idade Media non é unha tarefa sinxela. En primeiro lugar, polo contexto e as diferenzas evidentes entre sociedades. E, en segundo, polo tipo de terminoloxía empregada para definir as violacións. Non existe unha palabra que traspoña a violencia sexual de forma unívoca na linguaxe medieval. E por iso se guía por termos como adulterio, incesto ou rapto, que indican relacións sexuais non consentidas. “Só queda mergullarse nos documentos aínda que a información chegue de forma indirecta”, matiza, e lembra o caso de Ximena, que fai alusión á súa agresión mediante un texto de traspaso patrimonial.
Apenas hai nomes propios. E se os hai, é unha cuestión de puro azar. Pero aínda que non se poida mencionalas, si hai alternativas: contar as súas historias. Houbo mulleres que xa no século X marcaron un camiño de resistencia ante as agresións no seo familiar, pese ao estigma e ás dificultades. Houbo mulleres que puxeron na diana a quen as ameazou, as agrediu e as violou e é de xustiza rescatar a súa memoria. Como di Abel de Lorenzo: “Hai precedentes”.
Referencia: Concubare sine mea volumtate: denuncias y procesos por violación en el noroeste ibérico (siglos VIII-XII) (Publicado en Studia Historica. Historia Medieval)












