María Pimentel de Castro: denunciar o marido por maltrato en pleno século XV

Unha carta enviada aos Reis Católicos serviu para facer pública a violencia física e psicolóxica exercida contra ela polo seu home

María Pimentel de Castro respira con axitación. Os seus ollos choran bágoas de carraxe mentres ollan a Bernardino Pérez Sarmiento, o seu home, marchar do castelo onde a acaba de encerrar. Ela é unha vítima, como tantas outras ao longo da historia e incluso do presente, da violencia física e psicolóxica exercida polos seus maridos. Este non deixa de ser o escenario que recrea a imaxinación, pero que se apoia en feitos corroborados: Bernardino encerrou a María nun castelo, e ela non só solicitou a anulación matrimonial, senón que denunciou os abusos recibidos ante os Reis Católicos. A súa historia, sobre a que penden moitas lagoas, demostra que María tivo capacidade xurídica para expoñer publicamente os malos tratos recibidos. E todo isto en pleno século XV.

O matrimonio, pero sobre todo a separación entre Bernardino Pérez Sarmiento e María Pimentel de Castro, non é fácil de recrear. Os dous procedían de familias nobres e ben situadas na Galicia da época. E el, en concreto, era o fillastro doutra muller poderosa: Teresa de Zúñiga, a condesa de Ribadavia que foi brutalmente asasinada polos seus vasalos. O fillo ilexítimo que o marido de Teresa, Diego Pérez Sarmiento, tivera cunha escrava chamada Úrsula. Aínda así, Teresa recoñeceu a Bernardino e tratouno como un fillo. A historia entre ambos é ben fermosa. Ela nomea a Bernardino herdeiro, e el tena en conta en todo momento á mesma altura que o pai. Mais a dozura coa que se trata a figura do conde de Ribadavia na historia de Teresa de Zúñiga nada ten que ver coa realidade do seu matrimonio con María Pimentel de Castro, á que maltratou física e psicoloxicamente.

Publicidade

O inicio do matrimonio

María e Bernardino selaron a súa unión o 22 de maio de 1473, apenas tres anos despois da morte de Teresa de Zúñiga. Non se cumpriron os desexos da finada condesa de Ribadavia, que quería que o seu fillastro casara coa súa sobriña homónima, outra Teresa de Zúñiga, quen, pola súa parte, desenvolverá un papel esencial nesta historia, ao servir como pretexto. Mais as aspiracións da madrastra non se levaron a cabo e Bernardino casou con María sen que ningún dos dous, naquela altura, expresasen oposición algunha ao casamento. Por iso é cando menos sorprendente a sentenza de divorcio de 1487 outorgada polo bispado de Palencia e na que se certifica a anulación matrimonial.

Un casamento anterior?

“Teoricamente foi María Pimentel de Castro quen a solicitou. Alegou que o seu marido estivera casado por palabras de presente con Teresa de Zúñiga, sobriña da súa madrastra”, explica o investigador Miguel García-Fernández, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da Universidade de Santiago (USC). “Daquela, María solicitou o divorcio porque consideraba que o seu matrimonio non era válido. O sorprendente do caso é que xa transcorreran 13 anos dende o seu casamento con Bernardino, con quen xa tivera dúas fillas”, engade o experto. Ou ben María Pimentel de Castro se decata unha década despois dese matrimonio por palabras de presente, ou ben hai outros motivos detrás da separación. E precisamente esta última hipótese é a que defende García-Fernández.

Publicidade

As pezas non encaixan, o que leva a pensar nunha trama máis complexa do que recolle a propia sentenza de divorcio. Teresa de Zúñiga, a sobriña, levaba anos casada cun home doutra potente familia, Sancho Sánchez de Ulloa. E non parece que a anulación matrimonial de Bernardino e María, que implicaba directamente a Teresa, lle pasase factura á súa unión con Sancho, nin antes nin despois de 1487. Cabe pensar, entón, que este argumento se puido empregar como escusa para que se lle fora concedida a anulación matrimonial, pero que detrás desa solicitude de divorcio había algo máis.

Un documento clave

Hai outro documento clave que axuda a despexar algunhas incógnitas. En novembro de 1487, os Reis Católicos envían un requirimento a Bernardino. Nel aparece recollida a denuncia que María Pimentel de Castro envía á monarquía castelá para dar testemuño do maltrato sufrido e do encerro ao que foi sometida polo seu home. É dicir, ela ten plena capacidade xurídica para dirixirse á máis alta autoridade do momento e defender os seus dereitos. “Os reis pídenlle explicacións a Bernardino porque a súa muller lles comunicou que a encerrara na fortaleza, que a maltrataba e que fora el quen a obrigara a solicitar o divorcio”, apunta García-Fernández.

Retrato de Henrique VIII de Inglaterra por Hans Holbein en 1537. Foto: Wikipedia

Aquí está outra das claves: malia que María foi quen, oficialmente, solicitou o divorcio, todo apunta a que estaba coaccionada por Bernardino. A pregunta agora é: por que? “Hai uns anos asociei este caso coa mesma estratexia que usou o rei Henrique VIII de Inglaterra, que non tivo escrúpulos en disolver o seu matrimonio con Catalina de Aragón. Cales son as similitudes? Que tanto Bernardino como Henrique só teñen fillas. Talvez o conde de Ribadavia aspiraba a ter un herdeiro varón que non chegaba”, sinala o investigador do IEGPS e da USC. A súa hipótese, por tanto, defende que ante a falta dun neno co que continuar o seu legado, Bernardino exerceu a violencia cara á súa muller e forzou un divorcio para volver casar e intentar ter un herdeiro a toda costa.

Non obstante, hai un punto non aclarado neste caso. Cando o conde de Ribadavia outorga testamento en 1493 aínda recoñece a María Pimentel de Castro como a súa muller e, incluso, contempla a posibilidade de que poidan ter un fillo varón. Unha situación a todas luces estraña, dado que o divorcio se concedera seis anos atrás. “É certo que naquel momento, María Pimentel de Castro aínda se reivindica como condesa de Ribadavía, pero isto vai desaparecer a comezos do século XVI, cando herda o señorío de Manzaneda e de Castro de Valdeorras tras a morte da súa mai”, sostén García-Fernández.

Por outra parte, Bernardino non volveu casar e, en todo caso, ao final dos seus días foron as súas fillas Francisca e María as que herdaron os señoríos non só maternos, senón tamén paterno. “Novamente, mulleres que se converteron en ricas propietarias e en señoras con poder nos epígonos do reino medieval de Galicia”, insiste o historiador.

O testamento de María, esencial

Outra información reveladora está recollida no propio testamento de María Pimentel de Castro, outorgado en 1519. Neste documento nomea as súas fillas como herdeiras dos señoríos de Manzaneda e de Valdeorras, mais non só iso. Na parte de libre disposición, María designa como principal beneficiario da súa fortuna a Bernal Vaca, o seu segundo marido. Isto demostra que levaba anos separada de Bernardino e que, por tanto, a sentenza de divorcio si se levou a cabo. Non obstante, non hai información suficiente para reconstruír ou entender esta segunda alianza. “Vemos como perde a condición de condesa de Ribadavia pero exercerá o seu propio señorío en Valdeorras e Manzaneda. Sabemos que refai a súa vida con Bernal Vaca, do que apenas sabemos nada, pero ao que deixa moi beneficiado no seu testamento”, explica o investigador.

Outro dato curioso deste documento, e que Miguel García-Fernández subliña como anécdota histórica, é que lega as súas fillas uns gatos de algalia. “Estes animais teñen unhas glándulas onda o rabo que segregan almiscre. Extírpanse e úsanse para facer perfume”, aclara o experto. Por tanto, este dato tan aparentemente aleatorio ofrécenos unha visión máis completa, e incluso máis cotiá, de María Pimentel de Castro. Talvez posuía estes exemplares, precisamente, para darlles un uso no eido da perfumaría.

Plena capacidade xurídica

Máis alá das curiosidades e das anécdotas, o caso de María Pimentel de Castro é relevante porque demostra a capacidade das mulleres da Baixa Idade Media para reclamar a disolución matrimonial e recibila, sen que se tivera que esperar a un repudio masculino público. “O Dereito Medieval recoñece unha serie de marxes de liberdade e xustiza para as mulleres que hai que destacar”, indica, xa que non só existiron na teoría, senón que as mulleres tamén fixeron uso delas. María, por tanto, fai valer os seus dereitos. E malia que probablemente solicitou o divorcio ante as presións do seu marido, si tivo a capacidade de denunciar ante os Reis Católicos a situación vivida, os malos tratos físicos e psicolóxicos que exercera Bernardino contra ela. Ela tomou as rendas da súa vida con determinación e intentou que os delitos do seu marido non quedaran impunes.

Non, non houbo castigo para Bernardino

A parte máis escura tamén existe. Bernardino non obtivo ningún tipo de castigo tras o requirimento enviado polos Reis Católicos. E, de feito, nin sequera compareceu ante eles porque alegou que estaba enfermo. Non obstante, o caso de María Pimentel de Castro como muller maltratada non é, por desgraza, único. Moitas outras da súa época, das anteriores e das posteriores, sufriron o mesmo tipo de violencia machista. Sen ir máis lonxe, a raíña dona Urraca foi maltratada reiteradamente polo seu segundo marido, Afonso I de Aragón. Del chegou a dicir que non só a “deshonraba con torpes palabras”, senón que houbo claras acusacións de maltrato físico: “O meu rostro foi manchado coas súas sucias mans e eu fun golpeada co seu pé”.

Outro caso destacado, que menciona Miguel García-Fernández nun estudo publicado en 2012 en Revista de Estudos Históricos “Revista I+D”, é o de Teresa Gómez, tamén traballado pola pioneira na historia das mulleres medievais en Galicia, María del Carmen Pallares Méndez. En 1458 denunciou ante os rexedores da cidade de Ourense que un criado de Juan de Novoa intentou violala. A declaración dun cóengo da catedral, que detallou con precisión a resistencia da vítima ante o ataque, deu por válido o seu testemuño. Pero, por desgraza, este non foi un caso único. Nin sequera o é agora.

As clases baixas

Non obstante, é importante salientar que o caso de María Pimentel de Castro, unha muller nobre, de alto status social, non era a norma nas clases máis baixas. Ela puido denunciar o seu marido ante á máis alta autoridade rexia, puido defender a súa honra e os seus dereitos. E é importante subliñalo para derrubar, tamén, os estereotipos que aínda penden sobre as galegas do medievo. Pero a situación das mulleres de a pé, de serventas, criadas, ou incluso mendigas e mulleres que exercían a prostitución sempre foi ben distinta. A diferenza é que para a meirande parte destes casos non existe documentación; non sabemos como actuaron, como o viviron, que fixeron. Tan só o silencio e a certeza de que tamén foron vítimas.

Bernardino, sen ir máis lonxe, foi fillo dunha escrava do matrimonio Sarmiento-Zúñiga. Foi unha relación consentida ou a Úrsula non lle quedou outra opción que aceptar as esixencias, a violencia, de Diego Pérez Sarmiento, o seu señor? É unha pregunta sen resposta. Unha pregunta que se pode estender a tantas outras mulleres que tiveron que aceptar a violencia por temor, e coa seguridade de que os seus agresores non serían xulgados nin inculpados. Por iso, dentro deste escenario, María Pimentel de Castro, dende o seu estamento de privilexio, si puido tomar conciencia, si puido facer fronte ás agresións do seu marido e si puido denunciar.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular

Xoana Vázquez das Seixas: como a loita polo señorío de Chantada enfrontou a dúas mulleres

A nobre litigou coa poderosa Isabel de Castro, tomou a iniciativa de anular o seu matrimonio e deixou unha interesante pegada cultural

Ilduara Eiriz, a grande aristócrata galega do século X

Xestionou un inxente patrimonio de seu e fundou o mosteiro de San Salvador de Celanova, un dos máis importantes da Galicia medieval