Xoana Vázquez das Seixas: como a loita polo señorío de Chantada enfrontou a dúas mulleres

A nobre litigou coa poderosa Isabel de Castro, tomou a iniciativa de anular o seu matrimonio e deixou unha interesante pegada cultural

Non sabemos cando naceu nin cando morreu. Apenas hai información sobre a traxectoria vital de Xoana Vázquez das Seixas, máis alá de que viviu a cabalo dos séculos XIV e XV. Mais a falta de datos non pode ser unha escusa para non rescatar a súa memoria. Foi señora de Chantada por herdanza do seu pai, acabou perdendo o seu patrimonio tras litigar coa poderosa Isabel de Castro, muller do conde don Pedro, tomou a iniciativa para disolver o seu primeiro e único matrimonio e tivo no seu haber a Crónica Xeral Galega, un dos grandes legados da nosa prosa medieval. Catro aspectos únicos e fundamentais para entender a importancia de Xoana Vázquez das Seixas na nosa historia. E catro puntos clave para traela ao presente.

“Non vai ter descendencia, polo que a conservación da súa memoria vai ser moi limitada. Mais é unha figura moi interesante, sobre todo porque foi moi activa xudicialmente”, explica o historiador Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A de Xoana Vázquez das Seixas é unha historia que chega aos nosos días como un quebracabezas. É unha vida fragmentaria da que tan só hai retallos que historiadores como García-Fernández e o filólogo Ricardo Pichel, investigador na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), levan uns anos tratando de rescatar.

Publicidade

Xoana fronte a Isabel

Un dos capítulos máis apaixonantes da vida de Xoana Vázquez das Seixas é a súa encarnizada loita xudicial contra outra muller de armas tomar, Isabel de Castro. O motivo do conflito foron a vila e a fortaleza de Chantada, ambas as dúas en mans de Xoana por herdanza directa do seu pai. Vasco Gómez das Seixas recibira os dous bens por apoiar a Henrique de Trastámara na guerra contra o seu irmán Pedro I, marido da raíña galega Xoana de Castro e perdedor do conflito. Henrique II erixiuse entón como rei da Coroa de Castela e beneficiou a quen estivo ao seu lado para acadar o poder. E Vasco Gómez das Seixas era un deles. Tras a súa morte, a súa filla Xoana herdou todos os seus bens, dado que era a única herdeira. Entre eles, as disputadas vila e fortaleza de Chantada.

Mais unha muller doutra poderosa liñaxe reclamaba os mesmos bens e dicía que lle pertencían por tradición familiar. Isabel de Castro defendía que a xurisdición era dela porque así lla entregara seu pai, Álvaro Pérez de Castro, como dote polo seu casamento co conde don Pedro cara a 1385. No medio deste conflito, Isabel de Castro mandou a súa mesnada atacar a fortaleza de Chantada na que vivía Xoana Vázquez das Seixas. Esta última denunciou o suceso e saíu vencedora. A xustiza obrigou a Isabel a devolver todo o saqueado e pagar unha indemnización que ascendeu a 200.000 marabedís. Mais este tan só foi un dos asaltos do reiterado conflito entre ambas.

Publicidade

“É unha loita entre dúas mulleres por defender os seus dereitos. Cada unha ten os seus argumentos e as súas lexitimidades: unha por tradición familiar e outra porque recibiu a herdanza dun pai premiado tras a vitoria dos Trastámara. Isabel de Castro ten a capacidade de mandar homes para que recuperen a fortaleza e Xoana Vázquez das Seixas de investir grandes cantidades de diñeiro para reparala”, valora García-Fernández. As dúas son un bo exemplo do protagonismo feminino durante a Idade Media, de como defenderon o seu patrimonio ata as últimas consecuencias e de como xestionaron os seus bens de forma independente dos seus homes.

Catro anos despois do ataque á fortaleza de Chantada perpetrado por Isabel de Castro, sae a luz a sentenza definitiva. O documento, datado en 1401 e recuperado polo investigador Xosé Méndez Pérez, ditamina a favor de Isabel e en contra de Xoana, e defende que Chantada lle pertence á primeira por tradición familiar. A xustiza da época, por tanto, apoiou a lexitimidade de Isabel. Xoana perdeu así unha gran parte do patrimonio que xustificaba a súa posición social en Chantada. E isto debeu acontecer pouco antes da súa morte, dado que as pistas sobre ela pasaron a esvaecerse completamente tras este litixio.

O seu matrimonio con Fernán Eanes de Limia

“Ela tivo, nun momento dado, un importante aliado: o seu marido Fernán Eanes de Limia. Unha figura destacada porque procedía por liña paterna dos poderosos Limia e, por liña materna, dos Soutomaior”, sinala García-Fernández. Non sei sabe cando casaron nin canto durou o matrimonio, pero si se ten constancia pola documentación que chega ata hoxe que nos primeiros anos a unión Limia-Seixas exerceu o seu poder “sen ningún tipo de dificultades”. De feito, sábese que tanto Xoana como Fernán exerceron abusos contra varios mosteiros. Entre eles, o de Chantada e o de Chouzán. “O rei vailles pedir que volvan á orde. É un tema interesante porque se lles piden xustificacións tanto a el como a ela. Enténdese que as mulleres feudais tamén cometen excesos e son interlocutoras tan válidas como os homes para pedirlles que cesen os abusos”, sinala o investigador do IEGPS.

Un estudo publicado por Ricardo Pichel na revista Alicerces indica que xa Vasco Gómez das Seixas, pai de Xoana, fora reprendido polo rei Xoán I de Castela polos seus excesos contra os mosteiros de Chantada, Chouzán, Oseira e Ferreira de Pallares. De feito, en 1394 consta a doazón do couto de Belesar ao mosteiro de Chantada “como sinal de arrepentimento”. Unha estela que continuará a súa filla, quen recibirá a reprobación do rei Henrique III en 1395. Esíxelle tanto a ela como ao seu marido Fernán Eanes de Limia que cesen os “agravios e roubos” contra os vasalos e vasalas. De feito, solicitará unha investigación dos danos ocasionados polo casal Limia-Seixas sobre os coutos dos mosteiros de Chantada e Chouzán, así como noutros lugares.

Anulación matrimonial

O matrimonio entre Xoana e Fernán disólvese en 1398, tal e como testemuña un documento conservado hoxe no arquivo diocesano de Astorga. O proceso é iniciado pola propia Xoana Vázquez das Seixas, que achega dous argumentos para solicitar a disolución da súa unión con Fernán. O primeiro, que o seu home mantivera relacións sexuais con Maior Díaz, curmá de Xoana. En segundo lugar, que xa estivera comprometido por palabras de presente, é dicir, en firme, con outra familiardela, Tareixa Vázquez. “Parece que Fernán se resiste e alega contra a petición de Xoana, pero finalmente o divorcio dáse por válido e pronúnciase en 1398 a sentenza de disolución matrimonial”, explica García-Fernández.

Xoana Vázquez das Seixas e Fernán Eanes de Limia continúan os seus camiños por separado. O itinerario del é ben coñecido, dado que o seu apoio ao rei João I de Portugal lévao a trasladar o seu poder e influencia ao país veciño. Vai loitar co monarca nos cercos a Tui e Salvaterra, polo que recibirá terras en compensación e o seu patrimonio irá aumentando en Portugal, en detrimento do que xa perdera en Galicia. Sábese, tamén, que casou de novo con Teresa Gómez da Silva, coa que tivo descendencia. Polo que Fernán iniciou unha nova vida ao outro lado da raia. Pola contra, a pegada de Xoana desaparece, polo que se pensa que puido falecer pouco despois do seu divorcio e da sentenza de 1401 pola que se lle arrebatan os bens de Chantada.

Unha inestimable pegada cultural

Hai outro aspecto moi salientable da relación entre Xoana e Fernán antes do seu divorcio: o cultural. O artigo publicado por Pichel na revista Alicerces sinala unha nota escrita na Crónica Xeral Galega xusto antes do comezo do Liber regum. Neste apuntamento lese “Eu Fernando Yanes de Lymia” e, debaixo, “Eu Johana Vasques de Seyxas”. Por tanto, o investigador da UNED indica que a crónica debeu pertencer ao casal formado por ambos. O texto é un conxunto cronístico de importante valor, que está composto polas traducións da Estoria de España de Afonso X, realizada en tempos do seu fillo Sancho IV; así como pola Crónica de Castela. Pichel tamén pon sobre a mesa as sospeitas de que o Libro de Tristán pasou polas mans de Xoana Vázquez das Seixas.

“Posuír libros non garante que os leras, pero tampouco o exclúe. Cando se analizan marcas de propiedade dos homes presuponse que son libros que leron. Por que imos dubidar ou sospeitar o contrario cando as marcas de posesión son de mulleres? Asócianse a elas os libros de devocións, pero sabemos que accedían e posuían obras relacionadas, por exemplo, coa mitoloxía clásica e coa historia”, reivindica García-Fernández, quen trata de botar fóra os estereotipos. E pon como exemplos salientables a francesa Christine de Pizan, considerada a primeira muller que viviu da escrita; así como a “espectacular biblioteca” de Aldonza de Mendoza, que contiña unha trintena de volumes. “Xoana Vázquez das Seixas é unha figura moi interesante como bisagra, tamén para o cultural, e para explicar algúns dos grandes monumentos textuais que temos máis alá das cantigas”, apunta.

Onde está Xoana?

Chega a nós unha historia fragmentada da vida de Xoana Vázquez das Seixas. Iso é innegable. Pero os retallos aos que temos acceso e que investigaron García-Fernández e Pichel nos últimos anos son suficientes para imaxinar o poder que puido albergar e a realidade das mulleres nobres galegas da época: dese último tramo final do século XIV e os albores do XV. Xoana foi unha muller que cometeu abusos contra os seus vasalos e vasalas; e unha muller á que se lle esixiron as mesmas responsabilidades que o seu home. Loitou polos seus dereitos patrimoniais perante a xustiza, malia que perdeu. Tomou a iniciativa de disolver o seu matrimonio e sospéitase que tivo unha pegada cultural, cando menos, relevante.

Sempre se precisan máis datos, pero talvez estamos en condicións de reivindicar que, a pesar de non sabermos onde ficaron os restos mortais de dona Xoana, xa é moito o que Xoana Vázquez das Seixas nos axuda a entender o papel, protagonismo e poder das mulleres galegas no reino medieval de Galicia. 


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se executaba á xente hai 1.000 anos?

A Idade Media non inventou a pena de morte, un procedemento que xa existía no mundo romano e que perviviu ata non hai tanto en Europa occidental

Da forca á decapitación: as principais formas da pena de morte no noroeste ibérico durante o medievo

A investigación da USC de Abel de Lorenzo, recollida nun libro, documenta os perfís sociais de quen padece e executa este tipo de condenas e como se orixinan

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea