Unha maxestosa coroa engalana a cabeza pétrea de Xoana de Castro. As mans descansan sobre o seu peito ríxido, mentres o rostro se mantén serio e imperturbable. Xa pasaron sete séculos dende o seu falecemento, pero a súa condición de raíña permanece inexorable co paso do tempo. O seu sepulcro de pedra no interior da catedral de Santiago demostra que Xoana de Castro é eterna. Non obstante, a historia fálanos dunha muller do século XIV coñecida popularmente como A Desamada pola breve duración do seu matrimonio con Pedro I, rei de Castela, León e Galicia. Mais os poucos documentos escritos que fan alusión a ela desmenten a visión simplista e negativa dun adxectivo que non lle fai xustiza a unha raíña inmortal.
Dona Xoana, pola graza de Deus, raíña de Castela e León. Esta frase aparece recollida nun pergamiño medieval atopado no mosteiro de Santa María de Oseira. Está datado en 1357 e demostra que Xoana, pese a que había tres anos que se separara de Pedro I, continuaba a empregar o título de “raíña”. O seu matrimonio foi extraordinariamente efémero e as crónicas da época indican que ao día seguinte do casamento, o rei marchou e nunca máis se volveron ver. Máis alá das referencias temporais, e da imposibilidade de corroborar se o matrimonio durou unhas horas ou uns días, certamente a unión foi breve. Pero iso non impediu que Xoana, que obtivera o título de raíña por casamento, non o continuase empregando ata a fin dos seus días.
Unha cuestión de estratexia
Mais o uso do título, pese a non ser raíña de facto, non debe lerse como un acto de resistencia, senón como unha estratexia para garantir a súa seguridade. “En liñas xerais, unha raíña só consegue ser raíña por matrimonio. A unión pode non chegar a bo porto, pode que non haxa convivencia, que non manteñan relacións sexuais… Pero o matrimonio, entendido como un contrato, dá acceso directo á muller a converterse en raíña”, indica Diana Pelaz, profesora de Historia da Universidade de Santiago (USC). Para protexerse ante os caprichos, os cambios de opinión dos reis ou os movementos políticos inesperados, elas precisaban unha garantía: “É unha maneira de darlles seguridade. Se non, a muller podía quedar presa do repudio e do esquecemento”. Talvez ese foi o motivo polo que Xoana de Castro empregou o título de raíña na escasa documentación que se conserva sobre ela. E o porqué dun sepulcro monumental nun centro de tal magnitude relixiosa como a catedral de Santiago, un espazo moi ligado tamén á súa propia familia.
Os Castro, unha familia con poder
Máis alá do seu efémero casamento co monarca Pedro I de Castela, a destacada posición de Xoana cómpre entendela dentro da súa pertenza á familia dos Castro galegos, quen ostentaban unha posición privilexiada no seo da pirámide nobiliaria galega. O seu pai foi Pedro Fernández de Castro, alcumado o da Guerra, que tivo grande influencia tanto na coroa de Castela como no reino de Portugal. E, de feito, a popular Inés de Castro era media irmá de Xoana. Tamén casada cun Pedro, esta vez rei do país veciño, é coñecida pola lenda que asegura que reinou despois de morta.
Pouco máis se sabe sobre a infancia de Xoana de Castro, como acontece con tantos outros personaxes —tanto homes como mulleres— da Idade Media. Talvez os seus primeiros anos transcorreron nalgúns dos numerosos territorios que posuían os Castro ao longo e ancho do Reino de Galicia. Parece que Xoana tivo un primeiro matrimonio do que enviuvou sen descendencia, e cara a 1354 únese a Pedro I, coñecido como O Cruel ou O Xusticeiro, dependendo a quen se lle pregunte. O cronista Pedro López de Ayala deixou por escrito que o rei abandonou a raíña ao día seguinte do casamento: “Nunca máis viu a dona Xoana de Castro, coa que entón casou; mais deulle a vila de Dueñas, e alí viviu moito tempo, e chamouse sempre raíña, aínda que iso non lle pracía a El-Rei”.

O testemuño de Ayala mostra, sen matices, que Pedro I non estaba conforme co uso que Xoana de Castro facía do seu título de raíña. Pero ela non deixaba de selo de pleno dereito, tal e como aseguraba o seu contrato matrimonial, aínda que a unión non fose a máis. En canto ao motivo da separación, non existe unha explicación claro, malia que todo apunta a unha cuestión política. “Non se sabe moi ben o porqué pero probablemente estivo relacionado cos movementos dos Castro, tanto en Castela como en Portugal. Nas súas aspiracións por ocupar un papel político destacado en ambas as monarquías, os Castro enfrontáronse aos seus monarcas e participaron activamente nas cambiantes alianzas e conflitos entre a nobreza e a monarquía”, sinala Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da USC.
Un matrimonio lexítimo?
Máis alá dunha duración breve e dun final abrupto, o matrimonio entre Xoana e Pedro ten unha lexitimidade cuestionable. “O rei casou cara a 1353 con Branca de Borbón pero acabou rexeitando o matrimonio pese ás advertencias do papado de que esa era a súa muller lexítima”, explica García-Fernández. Ao parecer, e debido a este antecedente, Xoana de Castro dubidou en aceptar a proposta de Pedro I, pero a declaración de nulidade matrimonial asinada polos bispos de Ávila e Salamanca levaron a galega a aceptar. Dúas alianzas efémeras das que Pedro I acabou renegando. De feito, anos despois afirmou que a súa primeira muller e, polo tanto, a lexítima, era María de Padilla, coa que tivo descendencia. Mais era unha unión que non aceptaba a Igrexa.
Un fillo en común?
Outro dos puntos máis conflitivos da historia de Xoana de Castro é a existencia de descendencia. No testamento outorgado cara a 1362 por Pedro I —que foi asasinado a mans do seu medio irmán, Henrique de Trastámara—, faise mención ao infante Xoán: “O meu fillo e de dona Xoana de Castro”. Non obstante, pénsase que o documento foi falsificado ou modificado. “Son escéptico. A pesar do que se divulga sobre un posible fillo de Xoana e Pedro hai moitos indicios que apuntan a que o documento presenta algunhas alteracións nalgunhas das súas partes, como a que afecta o nome da nai deste fillo do monarca. Parece, pois, que neste punto hai unha construción da memoria dos séculos posteriores e non tanto unha realidade histórica”, indica o investigador do IEGPS e da USC.
Malia que non se cuestiona que Xoán existise e fose fillo de Pedro I, dubídase de que Xoana fose a nai. Probablemente os descendentes deste mesmo infante foron os que, séculos despois, falsificaron o documento para reivindicar a súa liñaxe, xa que a maternidade de Xoana podería ligalos directamente a unha raíña e non a unha concubina ou amante rexia. Unha estratexia, talvez, pero de momento non pode ser confirmada nin refutada.
Unha historia deturpada
A pouca información sobre Xoana, sobre a posibilidade dunha descendencia e sobre a súa relación con Pedro I pode explicarse a través da tumultuosa vida do rei, asasinado polo seu medio irmán, que dará lugar á dinastía dos Trastámara, á que pertencía Isabel A Católica, quen reinaría un século despois. “No caso de Pedro I hai unha damnatio memoriae brutal. Moita da documentación expedida pola chancelería do rei vai ser sistematicamente aniquilada para condenar a Pedro ao esquecemento e, así, facer máis doado o acceso ao trono para a seguinte dinastía. Dependemos moito do que quixeron contar e de como o quixeron contar, de aí que teñamos poucos rexistros sobre Xoana de Castro”, apunta Diana Pelaz, que chega a definir a crónica de Pedro López de Ayala como un “biopic malintencionado”.
O sepulcro pétreo da catedral
Na historia de Xoana apenas hai luces pero agóchanse moitas sombras. Unha das evidencias máis incontestables do seu poder e do seu status de raíña é o sepulcro pétreo da catedral de Santiago, onde está enterrada. “Na furna funeraria están os escudos dos Castro e os de Castela e León. Ademais leva unha coroa, polo que tanto a epigrafía como os símbolos heráldicos mostran a reivindicación de Xoana como raíña ata a fin dos seus días“, salienta García-Fernández. En Santiago, na catedral, tamén estaba enterrado o seu pai Pedro Fernández de Castro mais ela non é soterrada con el, senón nunha capela na que estaba situado o panteón rexio. Outra boa mostra da reclamación do seu título de raíña e da súa posición de poder, incluso máis alá da súa morte.
Sobre o resto da vida de Xoana pouco máis se sabe. Pode que tivese unha existencia relativamente tranquila e que se centrase en exercer como señora feudal. Obtivo varios territorios na conca do Douro froito das arras matrimoniais, onde talvez pasou o resto dos seus días, aínda que finalmente decidise descansar en Santiago. Unha historia, a de Xoana de Castro, marcada pola incógnita. Onde naceu? Por que se separou de Pedro I? Tivo descendencia? Non volveu casar, iso si. E está enterrada na catedral, cunha enorme coroa de pedra sobre a súa cabeza. Esas son dúas das grandes certezas. Talvez a mensaxe que intentou transmitir foi precisamente esa: a de Xoana de Castro como raíña, pero non só por un día, senón para toda unha eternidade.
Inés de Castro, raíña despois de morta
Pedro Fernández de Castro tivo unha grande pegada e influencia na corte portuguesa, onde fora criado. E, de feito, a súa filla Inés de Castro, media irmá de Xoana, ten outra historia para a posteridade. Segundo declarou o infante Pedro de Portugal, futuro Pedro I, Inés e el casaran mais un ano despois foi brutalmente asasinada por mandato do seu sogro, Afonso IV, quen non vía con bos ollos a unión entre ambos e quen consideraba que os Castro podían ser unha ameaza para a coroa portuguesa.
Conta a lenda que Pedro, profundamente doído e namorado, expuxo o cadáver de dona Inés para que os vasalos bicasen as súas mans, e así reclamar a súa lexitimidade como raíña. En todo caso, e mais alá das verdades e das ficcións, Miguel García-Fernández salienta o papel das mulleres da familia Castro: “Foron pezas esenciais na política señorial e no poder rexio do seu tempo. Esa si é unha certeza, como a necesidade de reler todo o século XIV tamén como un tempo de mulleres, de mulleres con poder, e mesmo de mulleres coroadas”.















