Un libro lembra a figura de Fernando Calvet, Científico Galego do Ano

A publicación presentouse na facultade de Química na USC para enmarcar os actos de homenaxe ao pioneiro da industria farmacéutica galega

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) continúa cos actos de homenaxe ao químico Fernando Calvet i Prats, recoñecido como Científico Galego do ano 2025. Este venres 3 de outubro tivo lugar na Facultade de Química da Universidade de Santiago, centro onde foi profesor, a presentación do libro Fernando Calvet i Prats. Modernizador da química e promotor da industria farmacéutica en Galicia.

A obra, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega e producida por GCiencia, percorre a traxectoria vital e profesional deste persoeiro ilustre, subliñando a súa contribución á modernización da química e á implantación da industria farmacéutica en Galicia. O acto contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez; e a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo.

Publicidade

O libro inclúe limiares do presidente da RAGC, da presidenta do Consello da Cultura Galega e do coordinador da publicación, o académico Pedro Merino. Ademais, recolle artigos de Ricardo Gurriarán, doutor en Historia Contemporánea pola USC; Joan Cuscó, profesor da Universitat de Barcelona; os académicos da RAGC Manuel Freire e Luís Castedo; os membros da Real Academia de Farmacia de Galicia Francisco Díaz-Fierros e Manuel Puga; o presidente de Zelnova e do Grupo Zendal, Pedro Fernández; Xosé L. Pastoriza, doutor en Filosofía da USC; e a xerente de Bioga, Loli Pereiro.

Durante o evento celebrouse tamén unha mesa redonda coa participación de varios dos autores, que analizaron o labor científico de Fernando Calvet e o seu impacto na evolución da química galega e na súa transferencia á industria. Intervirán Pedro Merino, Manuel Freire e Francisco Díaz-Fierros.

Publicidade

“Galicia non sería o que é no mapa biofarmacéutico”

No tempo que viviu en Galicia, Calvet compaxinou o seu labor docente coa súa actividade investigadora no Instituto Bioquímico Miguel Servet e, posteriormente, en 1939, como un dos impulsores e director científico da empresa Zeltia. Tal como destaca no libro o presidente do Grupo Zendal, Pedro Fernández, “Calvet non só foi un científico brillante; foi un visionario que entendeu antes que ninguén que o coñecemento aplicado podía ser motor de desenvolvemento para unha terra con talento, pero sen estruturas. Hoxe, cando empresas como Zendal lideran o panorama biofarmacéutico internacional desde Galicia, a súa figura emerxe con máis forza que nunca: foi el quen puxo a primeira pedra”.

Fenández incide no feito de que nun tempo en que o termo «biotecnoloxía» apenas se coñecía, Calvet xa utilizaba derivados orgánicos na creación de solucións sanitarias. “O seu legado non só foi empresarial, senón tamén humano: xerou comunidade científica, impulsou redes e dotou de sentido estratéxico a presenza de Galicia no mapa nacional da investigación. Galicia non sería o que é no mapa biofarmacéutico europeo sen a súa audacia e o seu empeño por industrializar a ciencia”, salienta o presidente de Zendal.

Pioneiro da industria química e farmacéutica galega

O libro ofrece unha visión completa da figura de Fernando Calvet, salientando a súa modernidade, o seu impulso decisivo á investigación quí­mica na Universidade de Santiago e o seu papel pioneiro na creación dunha industria química e farmacéutica en Galicia, materializado na fundación de Zeltia.

Tras licenciarse en Química na Universitat de Barcelona, Calvet con­verteuse nun dos principais impulsores da química orgánica e a bioquímica moderna en España. A súa vocación transformadora levouno a buscar referentes nos mellores centros internacionais: realizou a tese de doutoramento en Oxford e ampliou estudos en Múnic, Esto­colmo e Edimburgo. En cada estadía non só incorporou novas técnicas e metodoloxías, tamén entrou en contacto cos grandes nomes da ciencia do momento. Todo o aprendido no estranxeiro procuraba aplicalo en Galicia.

En 1929, con tan só 26 anos, accedeu por oposición á cátedra de Quí­mica Orgánica e Bioquímica na Universidade de Santiago, dende a que puxo en marcha un grupo de investigación moderno e de referencia estatal. Impulsou liñas de traballo innovadoras, promoveu a presenza das mulleres na ciencia e organizou servizos técnicos como o de semimicroanálise elemental, que se converteron nun apoio esencial para outras universidades e empresas.

A súa pegada final

Co estalido da Guerra Civil foi destituído da súa cátedra, acusado de catalanismo, separatismo e ideas comunistas. Aproveitando unha bolsa da Fundación Rockefeller, exiliouse en Estocolmo e despois en Edimburgo, onde continuou investigando sobre alcaloides e colaborando con grandes científicos. Ao regresar a Galicia, foi encarcera­do e apartado da docencia universitaria. 

Instalado en Vigo, incorporouse á dirección científica dos Labora­torios Zeltia, fundados en 1939 no Porriño. Desde esa posición puxo en marcha un proxecto industrial pioneiro, baseado na aplicación práctica da ciencia ao territorio: aproveitou recursos galegos (flora medicinal, subprodutos de matadoiros…) para a creación de medicamentos, abrindo camiño á industria farmacéutica moderna en Galicia.

Comprometido con Galicia

No libro ponse de relevo que as actividades de Fernando Calvet non se limitaron ao campo científico-tecnolóxico, senón que tamén se mergullou na sociedade galega e mesmo mantivo unha certa actividade política. Así, ademais de ser socio protector e colaborador económico no mantemento do Seminario de Estudos Galegos, actuou como representante catalán no Consello Galego de Galeuzca, foi un dos asinantes do manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1933 e participou na redacción do Estatuto da Universidade de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

A bordo do hantavirus

O gromo dunha enfermidade potencialmente mortal en alta mar. Por Laura Filloy

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados