Lady Holland, a aristócrata británica que retratou a Galicia do século XIX

A través dos diarios de Elisabeth Vassal Fox, María Jesús Lorenzo Modia, catedrática en Filoloxía Inglesa da UDC, analiza a sociedade e cultura galegas

A comezos do século XIX, España convertérase un destino de moda para a aristocracia europea. Quen podía permitirse viaxes longas e custosas escollía o país tanto pola súa relevancia política e cultural, como polo exotismo que transmitía aos ollos estranxeiros e pola súa posición estratéxica nas rutas cara a América. Dende o Reino Unido, mulleres e homes de fortuna embarcaban rumbo a Galicia, porta de entrada ao mundo hispano, dispostos a coñecer os segredos dunha terra que combinaba tradición e modernidade, ademais de erudición.

Foi así como chegou á Coruña Elisabeth Vassal Fox, coñecida como Lady Holland polo seu matrimonio co terceiro barón Holland, político liberal e hispanista de renome. Porén, a relevancia non residía tanto na figura do seu esposo como na pegada que ela mesma deixou a través do The Spanish Journal of Lady Holland, un volume publicado en 1910 polo Earl of Ilchester que recolle as súas impresións e aventuras na península.

Publicidade

“Nese momento, Galicia tiña unha importancia estratéxica fundamental”, lembra María Jesús Lorenzo Modia, catedrática de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña e estudosa do itinerario de Lady Holland. “Era habitual que os viaxeiros entrasen en España a través de Galicia, pois existía unha liña marítima regular que unía Inglaterra co porto da Coruña”, engade.

Non era unha elección casual: a chegada a Galicia coincidía cun tempo convulso, marcado polos primeiros compases da Guerra da Independencia española (1808-1814) contra o exército napoleónico. Os británicos, aliados da causa española, utilizaban a costa galega como punto de desembarco e contacto. Pero Galicia ofrecía moito máis ca estratexia militar: nas cidades e vilas residían comerciantes influentes, cónsuis e intelectuais, convertendo a rexión nun espazo de intercambio cultural e político.

Publicidade

A rexente de Holland House

Neste escenario, Lady Holland percorreu os camiños fascinada polos contrastes da paisaxe e decidida a rexistrar cada experiencia a través de cartas. Á súa mirada londiniense, Galicia semellaba un territorio exótico, diferente, afastado do ruído e da modernidade da metrópole. Foi ese motivo o que levou o matrimonio a viaxar por España entre 1802 e 1805, e máis tarde, en novembro de 1808, xa en plena guerra contra os franceses.

Se algún día visitas Holland Park, ao oeste do centro de Londres, podes imaxinar o barrio no que vivía Elisabeth Vassal Fox. A mansión en ruínas, Holland House, foi o epicentro das súas reunións, onde congregaba ás grandes mentes políticas e literarias do Reino Unido. Cada estranxeiro de interese intelectual era benvido, e entre os visitantes atopábanse Walter Scott, Lord Byron, Charles Dickens e Benjamin Disraeli.

Representación de Holland House en 1812, por John Buckler
Representación de Holland House en 1812, por John Buckler. Foto: Wikimedia Commons

A súa inclinación hispanista levouna a interesarse pola cultura, a xente e a sociedade española. Na península agardábanlle contactos entre as elites gobernantes e intelectuais. Como sinala María Jesús Lorenzo, España consolidábase entre os séculos XVIII e comezos do XIX como unha potencia de primeiro nivel. Aristócratas como os Holland non só se interesaban pola cultura: “Tamén querían falar español, pois tiñan que relacionarse intelectual e politicamente”, comenta a filóloga. Así, á súa casa chegaban tamén exiliados españois, entre eles figuras como Gaspar Melchor de Jovellanos ou José María Blanco White.

Deste xeito, como lembra Lorenzo, “habería que estudar quen non foi recibido no salón literario de Lady Holland”. Elisabeth Vassal prolongaba así a tradición dos salóns franceses do século XVII, como os de Madame de Sévigné ou Madame de Lafayette. Estas mulleres, coñecidas como salonnières, abrían as súas casas para ler obras de teatro e compartir ideas, creando centros de cultura.

Unha muller intelectual do século XIX

No seu libro Holland House: A historia do salón máis celebrado de Londres, Linda Kelly subliña a importancia de Lady Holland como rexente do seu salón. “Tiña moito coñecemento do que pasaba no mundo porque recibía moitas visitas”, explica María Jesús Lorenzo. As viaxes da aristócrata británica non se limitaron a España: tamén percorreu outros países do sur de Europa, atraída polos climas cálidos, como Italia.

Pero o seu interese non quedaba só nas visitas ou nas viaxes, tamén se involucraba activamente nas actividades culturais, especialmente no teatro. O seu esposo publicaba escritos sobre dramaturxia clásica, centrados en autores como Lope de Vega ou Calderón de la Barca. Non só leu esas obras, senón tamén Don Quijote de la Mancha. En Inglaterra, a novela parecéralle monótona e burlesca; tras visitar España, o seu entendemento cambiou: “Agora, comprendíano dunha maneira distinta”, comenta María Jesús Lorenzo.

Nunha época na que non estaba ben visto que as mulleres acudisen a pubs ou outros lugares públicos do mesmo estilo, María Jesús Lorenzo explica que os salóns culturais ofrecían unha alternativa refinada. Eran invitados homes e mulleres interesados na cultura e política.

O porto da Coruña

Na primeira viaxe a España, Lady Holland chegou á Coruña, onde permaneceu quince días. A cidade destacaba entón polo seu porto e polas conexións comerciais con América. “Non só había circulación de mercancías, senón tamén de ideas”, sinala María Jesús Lorenzo. Nos seus diarios, A Coruña aparece como unha cidade liberal, receptiva a novas influencias, grazas á confluencia de viaxeiros procedentes de distintos lugares do mundo. Así, Lady Holland centraba os seus relatos nos encontros con transfundo intelectual.

Existe tamén unha suposta motivación de saúde que xustificaría a viaxe: “Alegan razóns de saúde porque viaxan cun entourage, explica Lorenzo. O matrimonio desprazábase co seu fillo pequeno, médicos e serventes, aínda que se descoñece o motivo concreto de saúde que os levou ata Galicia.

Durante a súa estancia, Lady Holland foi recibida polo cónsul británico da cidade e pola familia da escritora Emilia Pardo Bazán. As súas cartas mostran tamén visitas frecuentes a industriais e comerciantes británicos nas localidades polas que pasaban, así como asistencia a bailes, espectáculos taurinos e casas de campo.

Aínda que non se documentan máis viaxes dentro de Galicia, infírese que percorresen outras localidades durante as súas viaxes a cabalo. “Dende o noroeste da península, descendían cara ao sur: Jerez de la Frontera, Cádiz ou Granada“, relata a catedrática da UDC. En Cáidz volveron coincidir con Jovellanos tras a súa estancia en Holland House.

Paisaxe, historia e tradicións

Outros feitos históricos tamén conectan os británicos coa Coruña. Como explica María Jesús Lorenzo, durante a invasión napoleónica, as tropas inglesas trataban de escapar dende Castela cara ao norte. A intención era chegar a Vigo, pero por motivos de intendencia e estratexia remataron na Coruña, onde se desencadeou a Batalla de Elviña, coñecida popularmente como a Batalla da Coruña.

As tensións deses meses a finais de 1808, xuntos cunha complicación coas mareas, provocaron que a viaxe de Lady Holland a España atrasase. Nesta ocasión, a parella desembarcou nunha fragata británica, en lugar do habitual “barco correo”.

Os hoteis e pensións eran humildes e os teatros estaban en malas condicións. Con todo, nos diarios de Lady Holland, analizados por etnógrafos e historiadores, a británica mostrábase sorprendentemente xenerosa. “Dicía que non había nada que envexar respecto a outros lugares que vira”, comenta María Jesús Lorenzo.

Lady Holland comparaba as paisaxes grises de Galicia coa súa Inglaterra natal, de bosques frondosos e verdes. Na Coruña, visitou igrexas, xa que “probablemente non tiñamos museos abertos nese momento”, apunta a investigadora. Así, puido contemplar os frescos dos edificios eclesiásticos e mergullarse na tradición galega.

Interese na Inquisición

O interese de Lady Holland pola cultura estendíase tamén ás institucións eclesiásticas. Un dos aspectos que máis lle chamou a atención foi a Inquisición, aínda activa durante a súa viaxe.

Nos seus escritos relata a visita ao cárcere do Santo Oficio en Murcia, onde puido contemplar instrumentos de tortura de ferro e un sambenito, descrito como “unha gorra de cartón con debuxos de serpes, escorpións e demonios vomitando chamas”.

Este episodio resultoulle especialmente relevante para documentar nos seus diarios. Con todo, Lady Holland non puido visitar todas as estancias, xa que nese momento os membros do Tribunal do Santo Oficio estaban reunidos.

A visión vívida e real dunha muller británica

Segundo María Jesús Lorenzo, “Lady Holland aportou unha visión vívida e real das súas viaxes por Galicia e o resto de España. Moitos viaxeiros chegaban a estes lugares, pero falaban deles dende a distancia. Eran aventureiros que podían esperar 20 días a que o mar calmase para poder cruzar en barco a un novo destino, só co propósito de coñecer novas culturas e paisaxes.

A través deste tipo de viaxe, Lady Holland ofrecía unha perspectiva única de Galicia, amosando como vivía a xente daquela época e como diferentes grupos sociais convivían nun mesmo espazo. O valor histórico dos seus escritos é especialmente relevante. “Non hai tantos estudos, sobre todo dende a visión dunha muller viaxeira”, afirma Lorenzo.

Lady Holland, aristócrata, non compartía experiencia de viaxe con outros tipos de mulleres, pero, en calquera caso, “merece recoñecemento e estudo pola cantidade de información que recolle sobre a situación do país”. Grazas a ela, podemos reconstruír aspectos da vida en Galicia no século XIX, un contexto anterior ao incremento de mulleres viaxeiras que comezaron a escribir diarios no século XX.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O desprazamento do chorro polar fará caer as temperaturas na fin de semana en Galicia

Meteogalicia advirte dun tempo cambiante con bochorno e risco de tormentas, e os modelos europeos prevén un descenso térmico a partir do venres

Un equipo da Coruña crea un modelo en 3D para entender a endometriose e mellorar o seu diagnóstico

O obxectivo é comprender as características moleculares da enfermidades para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores que axuden na súa detección

Un método creado na UDC predí a liberación de fibras nos téxtiles para reducir o seu impacto ambiental

A tese de Mercedes Pereira analiza 25 estruturas elaboradas con poliéster, algodón, la, viscosa e elastano en escenarios próximos á vida real

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia