Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

A excelencia investigadora en Galicia leva anos manifestándose en figuras como Ángel Carracedo, Sonia Villapol ou Mabel Loza. Con todo, cada vez máis mozos e mozas estanse a abrir paso na elite da ciencia galega e española —e, nalgúns casos, tamén internacional—. É o caso de Laura Castro Santos, do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), que se atopa entre as galardoadas co Premio Nacional de Investigación Ángeles Alvariño para Mozos de 2026, sendo distinguida na área de Ciencias e Tecnoloxías dos Recursos Naturais. “É un recoñecemento ao traballo de moitos anos; non só meu, senón de moita máis xente”, declara a investigadora; un recoñecemento pola súa labor arredor das enerxías renovables mariñas e o impulso de tecnoloxías orientadas á transición enerxética.

É un triunfo para Laura Castro, pero tamén para a procura dunha mellor viabilidade técnica, económica e ambiental da eólica mariña. “Despois da invasión de Ucraína, comezouse a ter en conta a autosuficiencia enerxética“, apunta; así, o recoñecemento chega nun contexto de máximo interese para o seu eido de investigación, nun ano especialmente importante para Castro Santos. A galega tamén recibiu o Premio RAGC-UIE para Investigadoras e Investigadores Novos 2026 e converteuse na primeira catedrática de Construcións Navais da UDC —e a segunda de España—. “Este premio chega na metade da miña carreira; é un impulso para seguir meténdome en máis líos”, conta a investigadora entre risas.

Publicidade

Por iso, a modalidade na que Laura Castro recibiu o seu galardón dende o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) distingue as contribucións científicas sobresaíntes do persoal investigador cunha carreira aínda en consolidación, dotados con 30.000 euros cada un. Con todo, no momento da entrevista, a catedrática aseguraba non saber aínda que facer especificamente coa cantidade, pero cun destino claro: investila en novos proxectos.

De WHINDY a 3E Partnership

Agora, Laura Castro atópase entre tres deses “líos” dos que fala en forma de tres proxectos de investigación, dous deles de relevancia europea: WINDHY, 3E Partnership e SEAPLAN —de carácter nacional—.

Publicidade

O proxecto WINDHY, dentro das Marie Curie do Programa Horizon Europe, está relacionado coas enerxías renovables mariñas e ten o obxectivo de obter hidróxeno verde a través da vertiente eólica. É unha investigación que se iniciou no ano 2026 e que aínda está dando os primeiros pasos. Por outra banda está 3E Partnership, un proxecto europeo de colaboración Erasmus+ —concretamente con Ucraína, Azerbaiján e Xeorxia— onde os países do leste de Europa tratan de aprender sobre a eficiencia enerxética de Italia, Bélxica e España, a fin de imitar os seus modelos.

Mentres, SEAPLAN trata de deseñar unha ferramenta para planificar o almacenamento enerxético procedente de fontes de enerxía renovables mariñas en España, incluíndo tanto a península como as illas. A través deste proxecto, a investigadora, incluída na World’s Top 2% Scientist List da Universidade de Stanford, enche as súas liñas de investigación abertas mentres exerce como docente na UDC.

A falta de referentes enxeñeiras

Un dos aspectos máis interesantes da traxectoria de Laura Castro é a súa condición como pioneira dentro da enxeñaría naval como primeira muller catedrática no ámbito da Construción Naval nun contexto pola loita da igualdade no sector: “Necesitamos máis referentes mulleres; na nosa escola hai moitas menos ca homes estudando, tanto no grao como no mestrado”. Con todo, engade que é unha tendencia que se percibe en todas as enxeñarías, dende a industrial ata a mecánica. Para ela, a solución é a visibilidade nos medios de comunicación e noutras plataformas, como as redes sociais: “As nenas poden pesar: ‘Ao mellor isto é interesante'”, sinala a galardoada.

A eólica mariña: unha oportunidade para Galicia

A investigación desta Premio Nacional céntrase, sobre todo, na eólica mariña e a eólica flotante, dous tipos de enerxía que resoan moito para unha futura aplicación en Galicia pola súa situación estratéxica, ás portas do océano Atlántico. Dende o punto de vista técnico, aportado por Laura Castro, sinala que a comunidade ten unha grande oportunidade para a instalación de parques flotantes. “Podemos ser un referente”, subliña. Pola contra, sinala que a instalación ten que vir acompañada dun consenso cos grupos de influencia, como os pescadores ou mariscadores: “Temos que falar para que, nos planes de ordenación do espazo marítimo, estean de acordo todas as partes”.

A instalación, a debate

O debate sobre a aplicación da enerxía eólica mariña en Galicia nace pola coincidencia de dous intereses: por unha banda, o potencial para desenvolver este tipo de tecnoloxía, xa que o territorio concentra arredor do 43% da superficie española declarada como Zonas de Alto Potencial para o Desenvolvemento de Enerxía Eólica (ZAPER); e, por outra, existe a necesidade persistente de protexer os ecosistemas, como os corredores empregados polas aves. Con todo, Laura Castro sinala que estes intereses “son compatibles“.

“Toda a tecnoloxía ten o seu impacto, pero deberiamos analizar a enerxía de principio a fin”, explica a catedrática da UDC. Por exemplo, unha planta nuclear non emite contaminación durante o seu ciclo de vida, pero cando se quere pechar, o desmantelamento é complicado a causa dos posibles residuos que poidan quedar. Así, a vida da eólica mariña comeza coa construcción das plataformas nun estaleiro, normalmente fabricadas con aceiro ou formigón; despois, transpórtanse en barcos ou con remolcadores ata a plataforma continental. Para Galicia, a eólica flotante sería a máis axeitada e as plataformas estarían paradas. A fin do ciclo de vida sería tamén o desmantelamento, como calquera parque terrestre, ou o repotenciado, unha tendencia aínda non aplicada nos parques eólico mariños: quítase un número determinado de aeroxeneradores e auméntase a potencia dos restantes. “Reduciría o impacto visual”, afirma, contemplándoo como unha posibilidade.

Os ‘pros’ e os ‘contras’

Os recentes e numerosos estudos centrados no impacto ambiental da enerxía eólica mariña describen, sobre todo, as consecuencias dos sistemas fixos sobre os flotantes. Isto ocorre porque apenas existe esta tecnoloxía no mundo, polo que a investigación ao seu redor é escasa. Con todo, a galega galardoada co Premio Nacional de Investigación sinala que, a pesar de que se debería agardar á opinión dos expertos —o punto de vista de Laura Castro é máis técnico—, comenta cales considera que son as principais vantaxes e inconvenientes deste tipo de eólica.

Primeiro, sinala que a variante mariña extrae máis enerxía, xa que no mar hai máis vento e evítase o rozamento coa superficie. O material necesario para a súa fabricación son o aceiro e o formigón, dous elementos altamente accesibles, con espazos especializados onde tratalos. Pero, sobre todos os argumentos, un álzase sobre o resto: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes“. España non conta con extraccións propias nin de petróleo nin de gas, coa gran vantaxe de que “é unha península e temos illas; estamos rodeados de mar”.

Con todo, tamén existen dificultades que inflúen na sociedade, como a intervención noutros usos do mar, como a pesca. “Hai que analizar se son renovables, porque tal vez esteamos a explotar o medio en exceso”, sinala Castro Santos. Pero, afondando nesta cuestión: segundo a investigadora, o principal impacto é o ruído cando se instalan os sistemas fixos —no caso de Galicia non existiría este problema, xa que deben ser flotantes— e tamén poden existir certas consecuencias sobre cetáceos e aves. “É mellor coñecer o impacto dos sistemas, pero se temos que tomar decisións, volver á Idade de Pedra é complicado“, apunta, pero sempre buscando as alternativas que impacten menos sobre o medio ambiente.

Un futuro cara ás renovables

A aplicación da eólica mariña en Galicia semella non ser unha realidade a curto plazo, sobre todo pola gran cantidade de factores que entran en xogo. Con todo, baixo a visión dunha experta como Laura Castro, “imos ver instalados parques en Galicia nos vindeiros anos”. En canto a futuras investigacións, sinala que as renovables mariñas van ir cara aos sistemas undimotrices, un eido no que aínda falta consenso e non acada a eficiencia enerxética. Así augura a galega galardoada co Premio Nacional de Investigación Ángeles Alvariño os próximos dez anos na contorna de Galicia, que busca estar cada vez máis vinculada ás enerxías renovables, pero con límites.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. Beneficios para Galiza??? Máis ben para empresas de sabedios que países, ás que pouco importa o medio ambiente e algo que xa leva anos producindo beneficios e postos de traballo: a nosa industria pesqueira. Como pasou en Pontevedra coa celulosa. Eólica mariña no litoral galaico? Non, grazas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Do picapeixe á cegoña branca: as aves (galegas) que poderían aparecer nos próximos billetes de euro

As seis especies escollidas polo Banco Central Europeo teñen presenza, habitual ou ocasional, no territorio, dende as montañas do interior ata o litoral