A UDC participa nun proxecto europeo para impulsar a eólica mariña flotante no Arco Atlántico

Persoal investigador do CITENI e do CITEEC lidera o estudo das necesidades tecnolóxicas para a implantación de parques experimentais deste tipo de enerxía no océano

A eólica mariña flotante ofrece unha solución viable para xerar electricidade en augas profundas, onde non é posible ancorar aeroxeradores ao leito mariño mediante estacas (tamén coñecidas como pilotes) ou outras cimentacións fixas. Esta tecnoloxía resulta especialmente adecuada para o Arco Atlántico, unha zona con alto potencial enerxético eólico, pero tamén con condicións oceánicas complexas que dificultan as solucións tradicionais.

Co obxectivo de avanzar na implantación deste tipo de infraestruturas, a Universidade da Coruña colabora no proxecto europeo Atlantic Offshore Tech (AOFFTECH), unha iniciativa internacional centrada en impulsar o desenvolvemento da eólica flotante neste espazo marítimo. A institución participa nela a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), ambos cunha ampla traxectoria no ámbito das enerxías mariñas.

Publicidade

Coordinado polo Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime), o proxecto conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns —un 75 % do total— están cofinanciados polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER). A UDC será responsable de xestionar unha partida de 243.750€ dentro deste financiamento.

Tecnoloxía, sustentabilidade e coñecemento

A institución coordina unha das tarefas principais do primeiro paquete de traballo (WP1), orientada a promover a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e de investigación do sector eólico flotante na eurorrexión atlántica. Esta acción impulsa o intercambio de coñecemento e o desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas, como as plataformas multiuso e o hidróxeno verde. Ademais, busca favorecer o desenvolvemento sostible e a convivencia con actividades tradicionais de sectores como a acuicultura, o turismo e a monitorización de ecosistemas, co obxectivo de garantir impactos positivos e mitigar posibles efectos nas comunidades locais.

Publicidade

Dentro deste labor, o CITENI, a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), lidera a análise das barreiras técnicas que dificultan o despregamento de parques eólicos experimentais flotantes. Para iso, define unha folla de ruta tecnolóxica e desenvolve ferramentas para avaliar o comportamento destas infraestruturas a medio e longo prazo, ademais da súa repercusión a nivel socioeconómico e industrial. Pola súa banda, o CITEEC achega a súa experiencia en enxeñaría civil aplicada a infraestruturas marítimas e enerxéticas.

“AOFFTECH permítenos achegar desde a universidade solucións reais para que a enerxía eólica mariña flotante deixe de ser un horizonte e se converta nunha infraestrutura experimental viable”, explica Vicente Díaz, investigador principal do proxecto por parte da UDC. “Desde o CITENI, estamos a analizar as barreiras técnicas actuais para que as plataformas experimentais poidan comezar a operar no menor tempo posible”.

Consolidación e salto tecnolóxico

AOFFTECH consolida e amplía os logros do proxecto predecesor, AOWINDE: Atlantic Offshore Wind Energy, centrado en fortalecer a cadea de valor da eólica mariña na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Mentres que AOWINDE estableceu unha base sólida de colaboración institucional e planificación estratéxica, AOFFTECH dá un paso máis na dimensión tecnolóxica, ambiental e territorial; e estende o seu alcance a cinco países do Arco Atlántico.

O obxectivo do proxecto é desenvolver unha estratexia común para acelerar a implantación da eólica mariña flotante, reforzando ao mesmo tempo a cohesión territorial, a sustentabilidade ambiental e a transferencia de coñecemento. En liña cos obxectivos do Pacto verde europeo e a estratexia de descarbonización do continente, AOFFTECH promove unha acción coordinada baseada no desenvolvemento tecnolóxico, o diálogo coas comunidades costeiras e a mellora da planificación reguladora, co fin de situar o Atlántico como un espazo chave na transición enerxética europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

A Coruña reunirá a elite da cosmoloxía mundial na semana da eclipse total de Sol de 2026

O congreso ‘New Frontiers in Cosmology’ atraerá 250 especialistas procedentes de centros de referencia como Harvard, Brekeley ou Princeton

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período