A UDC crea nanofibras que se montan e desmontan á vontade e controla como se adhiren as células

A científica Elena Pazos lidera unha investigación que aborda un dos retos do deseño de biomateriais: conseguir estruturas ordenadas que poidan modificarse mediante sinais químicos

Un equipo do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña (CICA-UDC) creou unhas nanofibras que poden montarse e desmontarse mediante estímulos químicos. O traballo resolve unha das dificultades que presenta o deseño de biomateriais: conseguir que as súas moléculas se organicen de forma precisa e, ao mesmo tempo, que esa organización poida modificarse desde o exterior. A investigación, dirixida por Elena Pazos e publicada na revista Cell Reports Physical Science, demostra que as fibras poden desfacerse e volver formarse sen alterar as moléculas que as compoñen. Os investigadores tamén comprobaron que estes cambios inflúen na maneira en que as células se adhiren a un material.

Controlar a estrutura das nanofibras mediante sinais químicos

Para fabricar as nanofibras, o equipo deseñou dous péptidos, pequenas cadeas de aminoácidos, os compoñentes básicos das proteínas. Ao unirse, forman estruturas helicoidais que se enlazan unhas con outras ata crear fibras extremadamente finas e alongadas. Unha das novidades do traballo radica na forma na que se produce esta unión. Os resultados indican que unha propiedade eléctrica que xorde da forma de hélice destes péptidos, coñecida como macrodipolo, favorece que as unidades se unan sempre no mesmo sentido, de maneira que a fibra medra de forma ordenada. Os investigadores propoñen así un novo papel ata agora non descrito desta propiedade: guiar a formación de materiais a escala nanométrica.

Publicidade

O equipo tamén conseguiu que as fibras respondesen a dous tratamentos químicos opostos, un que separa as unidades que as forman e outro que volve unilas. En ambos os casos, os péptidos conservan a súa forma de hélice, de maneira que as nanofibras poden montarse e desmontarse á vontade.

Do control á adhesión celular 

Para comprobar se esta capacidade permitía controlar o comportamento das células sobre un material, o equipo investigador incorporou as nanofibras a soportes porosos de óxido de grafeno e cultivaron células sobre eles. Observaron que as células se adherían en maior número e se estendían máis cando o soporte contiña as fibras. Despois aplicaron o tratamento que desmonta as fibras e comprobaron que a adhesión celular diminuía. Os ensaios de control confirmaron que o tratamento, por si só, non producía ese efecto sobre o soporte sen nanofibras.

Estes resultados mostran que a adhesión celular a un material pode modificarse actuando sobre a súa estrutura. Aínda que os experimentos se realizaron en cultivos celulares de laboratorio, o traballo ofrece unha nova vía para deseñar biomateriais que respondan a estímulos externos e permitan regular a súa interacción coas células.

Elena Pazos e QuimBio: investigación de excelencia desde o CICA-UDC 

O estudo realizouse integramente no CICA-UDC por Esteban Suárez-Picado, Manuel Vázquez Sulleiro, Iván Montes de Oca, Valentina Gauci, Agustín Sánchez-Temprano e Elena Pazos, do grupo de Química Biolóxica (QuimBio). Pazos dirixe este grupo desde 2017 e é investigadora do programa Oportunius da Xunta de Galicia. Recibiu dúas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC): unha Starting Grant en 2019, relacionada con esta liña de traballo, e unha Proof of Concept en 2025, destinada ao proxecto PEPTOC. A investigación contou con financiamento europeo, estatal e autonómico.


Referencia: Macrodipole-directed hierarchical assembly of stimulus-responsive coiled-coil nanostructures (Publicado en Cell Reports Physical Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Intelixencia artificial contra os discursos de odio

Os investigadores do CITIC Paloma Piot e David Otero participan no novo episodio de O Descodificador

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie