A galega Elena Pazos recibe 1,5 millóns do prestixioso programa Starting Grant

A científica da Universidade da Coruña é a segunda muller galega seleccionada para a prestixiosa liña de financiamento do Consello Europeo de Investigación

O Consello Europeo de Investigación (ERC) anunciou este martes a relación de beneficiarios do seu programa Starting Grant, unha das maiores apostas pola investigación de excelencia a nivel comunitario. E dous investigadores galegos lideran cadanseu proxecto entre os 408 (20 en España) seleccionados polo organismo europeo. Ademais do traballo do arqueólogo do Incipit Jorge de Torres, unha científica da Universidade da Coruña, Elena Pazos (1983), desenvolverá durante os vindeiros cinco anos un importante proxecto grazas aos 1,5 millóns dos que disporá. Elena Pazos convértese así na segunda científica galega que recibe esta prestixiosa axuda, despois de Elena Ojea, que traballa actualmente na Universidade de Vigo.

Será o proxecto SENSE (acrónimo de Supramolecular Engineering of biologically iNSpired peptide nanostructurEs), enmarcado nas liñas de traballo nas que Elena Pazos leva anos afondando. O equipo desta investigadora da UDC, graduada en Química pola USC (2006), está centrado no desenvolvemento de ferramentas químicas para o seu uso en biomedicinas, como poden ser as plataformas de péptidos. O grupo de Pazos está centrado especialmente na creación de sensores luminescentes e intelixentes que poidan detectar a presenza de marcadores de doenzas, como o cancro ou o Parkinson.

Publicidade

Despois de licenciarse en Química, Elena Pazos realizou a súa tese de doutoramento en Santiago baixo a dirección de José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez, cun traballo sobre sensores para detectar proteínas implicadas no cancro. Durante o desenvolvemento da tese, realizou estadías no Trinity College de Dublin e na Universidade de Illinois.

En 2012, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié, comezou a traballar no equipo do profesor Samuel I. Stupp na Northwestern University, e posteriormente traballou na empresa Medcom Advance durante un ano. Entre decembro de 2015 e xuño de 2017, traballou no equipo de Ramón A. Álvarez-Puebla no Centre Tecnològic de la Química de Catalunya.

Publicidade

Foi entón, en xullo de 2017, cando regresou a Galicia grazas ao programa InTalent UDC, financiado por Inditex, sendo unha das dúas investigadoras elixidas entre máis de 120 solicitudes. Na actualidade, dirixe un equipo no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Coruña, con arredor dunha decena de estudantes e investigadores.

As axudas Starting Grant están destinadas a científicos que se atopan nas primeiras etapas da súa carreira, e que contan con entre 2 e 7 anos de experiencia dende a realización da súa tese de doutoramento, e que demostren cunha traxectoria con grandes expectativas de progreso.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O físico Antón Baleato incorpórase ao IGFAE: “Quero axudar a construír rede e cultura científica en Galicia”

O cosmólogo creará o seu grupo de investigación no centro para impulsar o proxecto ACCELENS, beneficiado cunha Starting Grant

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente

O galego Antón Baleato logra unha Starting Grant para entender por que se acelera a expansión do universo

O cosmólogo incorpórase ao IGFAE para desenvolver o proxecto ACCELENS, que analizará datos procedentes do fondo cósmico de microondas e a distribución das galaxias

Imprimir directamente na boca: un proxecto galego busca acelerar a rexeneración ósea dental

Investigadores do CICA desenvolven un biopen portátil para reproducir enxertos en 3D adaptados ao desperfecto de cada paciente