Luns 2 Decembro 2024

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Un xesto, unha ollada, os trazos dunha persoa ou simplemente a súa voz. Calquera destes pequenos detalles pode espertar en nós unha atracción física, sexual ou emocional provocada polas nosas hormonas que, unha vez en acción, pódennos levar a sentir desexo, amor e cariño. Cada unha das fases da relación entre dúas persoas está asociada cunha parte do cerebro, desde o máis primitivo ata o máis racional, e é resultado do efecto de diferentes substancias químicas. 

A atracción física ou sexual aparece cando, grazas aos nosos sentidos, as nosas hormonas reaccionan ante algún elemento determinado que é do noso agrado.

Publicidade

“Existen moitos estudos sobre o que nos atrae das persoas. Algo moi curioso é que, en xeral, o noso canon de beleza está relacionado con todo o que xa coñecemos. Tamén é curioso que moitas veces nos gustan aquelas persoas que se nos asemellan, porque tamén é o que mellor coñecemos. A vista identifica iso inmediatamente, ademais doutras características como pode ser a simetría dun rostro. Quizais esta sexa a orixe dos canons gregos e a proporción áurea e por iso a xente que ten simetría é considerada, acotío, fermosa. Pero tamén é certo que certas asimetrías prodúcennos unha especie de xogo mental desafiante que tamén nos pode atraer moito”, cóntanos Ana García Deibe, catedrática de Química Inorgánica na Universidade de Santiago de Compostela. 

A fea que nos fai perder a cabeza

Se a atracción física se alimenta dalgún tipo de contacto entre dúas persoas e a satisfacción e o benestar se confirman, entra en acción unha molécula que nos levará a experimentar síntomas que non enganan: excitación, felicidade, falta de apetito e ata certa obnubilación. Esta molécula de nome feniletilamina e alcume “a fea”, polas súas siglas, desencadéase grazas a substancias como a dopamina ou a serotonina. Un cóctel do que é difícil desengancharse.

Publicidade

“Ten un efecto aditivo, porque a FEA, a feniletilamina, é unha anfetamina. De feito, os mecanismos e as tonas do cerebro que se excitan con este tipo de moléculas son as mesmas que se excitan co xogo ou coas drogas, son moi parecidas. Por iso o amor tamén é, en certa maneira, aditivo, e por iso botamos de menos alguén e se crea dependencia dunha persoa. Os niveis de dopamina e de serotonina e esa felicidade que sentimos, fan que cada vez teñamos máis gana de ver a esa persoa, sentir a excitación e as descargas de adrenalina que aceleran o corazón e fan que nos súen as mans. Iso de que o amor é cego é verdade, porque esas reaccións químicas fan que se nos obnubile a zona do cerebro que é máis racional. A feniletilamina tamén está presente en moitos alimentos,  o máis coñecido é o chocolate. Por iso, cando hai unha ruptura amorosa e sentimos a falta desta molécula, abusamos del”, explícanos a científica da USC.

A oxitocina, a verdadeira hormona do amor

Se a FEA sempre foi considerada como a “molécula do amor”, García Deibe defende que ese título debe pertencerlle á oxitocina, unha hormona que tamén está presente no apoxeo do desexo, pero que permanece no tempo garantindo outra fase da nosa relación coa outra persoa, a do cariño, a do apego, a do amor sereno e duradeiro. 

“Cando a FEA deixa de facer o seu efecto, cando o tempo de apoxeo se acaba, o que tes é que sentir máis vínculos coa outra persoa. Xa non funciona só a atracción física. Esa atracción ten que verse reforzada por outras cousas. Nese momento entran en acción outras moléculas e a máis coñecida delas é a oxitocina. Esta molécula é a que se libera cos abrazos ou cos bicos. A feniletilamina é coñecida como a molécula do amor, certo, pero realmente a hormona do amor é a oxitocina, porque é a que permanece no tempo e a que nos dá satisfacción non só co contacto sexual, senón tamén co contacto en xeral, con todas as persoas. Por iso dicimos que seguramente na pandemia botábamos tanto de menos os abrazos da xente. É iso, é o contacto. A oxitocina é a hormona do amor e a FEA, a feniletilamina, a molécula da exacerbación amorosa”, subliña a profesora de Química. 

Amor con data de caducidade?

Aínda que algúns estudos neurolóxicos aseguran que o amor, no seu cénit, dura menos de tres anos, García Deibe insiste en que este só remata se non se crearon outros vínculos. É dicir, o amor constrúese, evoluciona e, ás veces, funciona.

“Estas moléculas son de metabolización rápida, por iso as reaccións no noso corpo aparecen e desaparecen. Todo son ciclos e iso está moi ben porque se non fose así,  estaríamos todo o día afogados, colorados, non teriamos outra vida, non comeriamos, non durmiriamos, non fariamos nada. Pero chega un momento no que o corpo xa di, necesitamos facer outras cousas. É o cerebro réptil que di que hai que comer e beber, non só reproducirse. É certo que algunhas investigacións datan o amor en tempos curtos, pero tamén se fixeron traballos neurolóxicos que estudaron as reaccións dalgunhas parellas vinte e cinco anos despois de coñecerse, e seguían sentido excitación, pero grazas a mecanismos diferentes aos do principio”, afirma.

Agora que xa sabemos que a expresión “ter química con outra persoa” non é só unha frase feita, senón que reflicte perfectamente a nosa natureza, a profesora da USC asegúranos que a parte máis evolucionada do noso cerebro tamén é capaz de discernir e controlar, se é necesario, os estímulos que provocan no noso corpo as hormonas. 

Para rematar, García Deibe non pode ofrecernos a fórmula máxica do amor sereno e duradeiro, pero insiste en que o apego e o cariño que nos ofrece a oxitocina xogan un papel moi importante para poder gozalo:

“É evidente que hai xente coa que te sentes especialmente cómoda, senón as amizades non durarían o que duran. Hai xente coa que te atopas vinte anos despois e segues encontrándote tan cómoda como a primeira vez. Pero é porque nos ofrecen outras cousas, non é só porque nos producen sempre unha felicidade exacerbada. Con iso non se vive, quizais un tempo, pero ten que haber outras cousas. E esas son as que crean o noso cerebro máis evolucionado”, finaliza a catedrática.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Jaime Martín, o científico vasco que investiga en Galicia as células solares orgánicas

O investigador da UDC estuda a maneira de evitar a degradación dos materiais para poder utilizalos en ventás que xeren corrente eléctrica

O Consello de Europa pide que se permita ensinar física, matemáticas, química ou tecnoloxía en galego

Segundo o informe, España estaría incumprindo algúns dos compromisos adquiridos coa Carta Europea en materia de protección das linguas minoritarias e cooficiais

Amor pola túa mascota, parella ou familia? Así é como os afectos estimulan o cerebro

Un equipo de Finlandia comproba que a vinculación paternal e romántica impulsa intensamente o sistema de recompensa
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural