O misterio das nubes “tóxicas” de Sogarisa: unha polémica ambiental en mans da fiscalía

Veciños e ecoloxistas levan á xustiza os fumes provocados pola ‘inertización' de residuos con cal vivo que se repiten desde 2021

Acontece sempre de noite. As fontes consultadas falan de explosións e incendios, contan que perciben ruídos e cheiros estraños e apréstanse a gravar vídeos cos seus móbiles para que quede constancia do que ninguén lles acaba de aclarar. Que son esas densas nubes grises que fumean a un quilómetro escaso das súas vivendas, e que xa estuda a Fiscalía de Medio Ambiente? Os veciños das Somozas, onde está ubicada a planta de Sogarisa, están alarmados. Queren saber. 

Malia as vantaxes de carácter socieconómico que poida supoñer residir nun dos polos industriais máis importantes de Galicia, semella que esta inquedanza é un dos custos que hai que pagar por vivir a carón dunha planta de tratamento de residuos tóxicos. Sogarisa é a única compañía deste polígono inaugurado hai tres décadas adicada ao tratamento de residuos de natureza perigosa. A empresa é dende 2016 concesionaria da explotación, mantemento e conservación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública de titularidade da Xunta e explotada en réxime de concesión por unha unión temporal de empresas. 

Publicidade

Cal vivo dende 2021

Dende o ano 2021 a compañía leva a cabo nunha das súas naves un proceso de ‘inertización’ dos residuos tóxicos a partir dun tratamento con óxido de calcio (cal vivo). Este procedemento consiste na utilización de gases inertes que impedirían a formación de mesturas de carácter explosivo, evitando deste modo a emanación de vapores contaminantes cara a atmosfera. Pero non é un procedemento libre de riscos, para levalo adiante teñen que adoptarse as medidas de seguridade oportunas, ademáis de contar con persoal cualificado. De non seguirse estes requerimentos, poderían producirse explosións se eses vapores inflamables entrasen en contacto co osíxeno do aire. 

Son esas explosións as que alarman aos veciños? Que conteñen en realidade esas “nubes tóxicas”? Os grupos ecoloxistas manifestan o seu temor a que as emanacións conteñan metais pesados, constituíndo así un risco para a saúde e o medio ambiente. Din que o acceso a esa información é un dereito cidadán. Fins Eirexas, secretario técnico de Adega, organización ecoloxista que leva 12 anos denunciando distintos episodios de contaminación no parque empresarial somocense, sostén que tanto a Xunta como a empresa aseguran que esas emanacións conteñen só vapor de auga e son de carácter inocuo. Fontes de Sogarisa evitaron comentar as denuncias, mentres que a Consellería de Medio Ambiente garantiza que a planta de tratamento cumpre con todos os requisitos de seguridade.

Os ecoloxistas, mentres, aseguran contar con fontes que apuntan ao contrario. Despois de facer algunas análises, outras empresas do polígono denunciaron a Sogarisa por danos e prexuízos e ese proceso está actualmente abertosegundo os ecoloxistas. Eirexas láiase da “permisividade secular da Xunta con Sogarisa debida aos vencellos entre a administración e a empresas”. E afirma: “O tratamento de residuos é un gran negocio”. 

No PRIGA 2016-2022 (Plan de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia) hai unha única mención a este proceso de eliminación de residuos. Sinala que “os residuos sólidos e pastosos son sometidos a procesos de estabilización, ‘inertización’ e/ou solidificación, mediante a adición de reactivos, antes da súa eliminación no depósito de seguridade do CTRIG”. O documento afirma tamén que “esta liña de tratamento permite reducir a perigosidade e a cantidade de residuos a eliminar no depósito”. Se cadra a clave está precisamente no verbo reducir. Non existe risco cero

As organizacións ecoloxistas consultadas aseguran que hai traballadores doutras empresas e veciños deste municipio de escasos 1.000 habitantes aqueixados de problemas respiratorios, afeccións cutáneas e alerxias. Sábese dun veciño afectado polas emanacións dende marzo de 2021, cando sufriu un primeiro episodio serio de alerxia que resultou ser ao dicromato potásico. Relata que dende entón tivo que acudir 14 veces a Urxencias. Di vivir preto do recinto da empresa e sufrir estes brotes alérxicos especialmente cando “están caleando a só un kilómetro e azouta o nordés, que trae as nubes tóxicas cara a vila”. Despois de moitas xestións, conseguiu que a súa enfermidade sexa recoñecida polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), pero denuncia que a súa vida se viu limitada e encarecida porque ese tóxico está presente en multitude de produtos de uso diario, e sostén que a única opción que lle queda é marchar do concello. Tras non recibir resposta da empresa e as institucións, denunciou a Sogarisa. 

Roberto Vilela, de Ecoloxistas en Acción, asegura que as terras se están a ver afectadas. Cita o caso dun veciño que ten unha pericial aberta porque se lle queimaron os pastos, que conta cun informe técnico que advirte que baixo ningún concepto lle dea de comer esa forraxe ao gando, por ser altamente contaminante. Tanto a súa organización como outros grupos ecoloxistas estanlle a dar seguimento ao tema dende que no verán de 2022 se deu o primeiro episodio de contaminación producido polos traballos de ‘inertización’, que provocou nubes de vapor que, aseguran, contiñan compostos en suspensión e afectaron a fincas veciñas e empresas. 

O 30 de marzo de 2023 Adega solicitou información á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático “para coñecer os resultados dos controis periódicos realizados pola Administración en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada (AAI)”. Inicialmente, esta Dirección Xeral comunicoulles que dada a complexidade e volume do material requerido, a resposta á súa solicitude demoraríase máis alá do prazo legalmente establecido. Finalmente, aseguran, este órgano “denegou o acceso á información por interferir nun proceso xudicial actualmente aberto e porque entregala poría en risco a confidencialidade de datos de carácter comercial e industrial”. 

Novo episodio de contaminación

O pasado mes de xaneiro repetíronse as protestas veciñais por un novo episodio de contaminación. Ante a negativa do Goberno autonómico a proporcionar os resultados dos controis ambientais, Adega decidiu denunciar ante o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) “irregularidades na actividade da empresa, relacionadas coa contaminación provocada e a negativa da Xunta a suministrar os datos analíticos de control da actividade”. Nun comunicado difundido a semana pasada, a organización critica “o obstrucionismo e escurantismo da Xunta ao negarse a facilitar información analítica sobre as nubes tóxicas procedentes desta empresa”. 

Na denuncia, admitida a trámite polo Ministerio Público e xa remitida á Fiscalía de Ferrol por tratarse da súa área de influencia, refírense “reiterados episodios de contaminación” no CTRIG. Segundo recolle o auto da Fiscalía estes feitos poderían constituír indiciariamente un delito ambiental por parte da compañía e outro delito de prevaricación por parte da Xunta. E esta non é a única demanda á que se enfrontan a empresa e o Executivo autonómico. A semana pasada, Ecoloxistas en Acción e a Asociación de Consumidores de Galicia (Acouga) presentaron no xulgado de instrución de Ferrol outra denuncia conxunta por delito contra o medio ambiente e afección á saude da poboación. Nela trasladan as queixas da veciñanza por “continuos episodios de emanación de gases tóxicos”.

Demanda colectiva

Vilela asegura que Sogarisa incumpre de forma reiterada a normativa de Prevención e Control Integrados da Contaminación (IPPC). A organización que representa celebra xuntanzas asiduas cos veciños e segundo comenta, despois desta primeira acción, o seguinte paso será “presentar unha demanda colectiva coa veciñanza afectada e outra popular con Acouga e seguramente co Sindicato Labrego Galego”.

Na súa web, Sogarisa asegura ter un forte compromiso co medio ambiente e o benestar da poboación do concello. Un portavoz da compañía limitouse a sinalar: “Dese tema nós non imos dicir nada”. Vilela, pola súa banda, di que temen que o problema sexa moito máis grave do que se pensa. Adega urxe a que se depuren “as responsabilidades dos cargos da Xunta cuxa inacción e permisividade convertíu ás Somozas no ‘buraco negro’ da xestión dos refugallos industriais en Galicia”.

1 comentario

  1. Pois eses disque “vapores de auga” que emiten cheiran a 15 quilómetros… Que pregunten aos veciños!!! Xa estamos cansos de cheiros e de fumes que saen desa porcallada.
    Non a podían levar para outra parte…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas