O Congreso dos Deputados deu o 31 de marzo luz verde definitiva á Lei de Residuos e Chans Contaminados para unha economía circular, que fixa novos obxectivos de redución e prohibe a venda de produtos de plástico dun só uso, entre outros cambios. A norma entrará en vigor unha vez se publique no Boletín Oficial do Estado e substituirá á de residuos vixente desde 2011.
Esta nova lei é a peza principal do paquete normativo en materia de economía circular e residuos, onde ademais de actualizar a normativa de residuos, abórdase un dos principais retos ambientais da actualidade: os plásticos dun só uso. “Vén completar o traballo realizado ao longo da lexislatura, na que, ademais da Estratexia Española de Economía Circular e o seu Primeiro Plan de Acción, aprobáronse xa seis reais decretos en materia de residuos”, destacou a vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, en declaracións recollidas pola Agencia SINC.
A lei actualiza a normativa de residuos, e aborda un dos principais retos ambientais da actualidade: os plásticos dun só uso
Nova xestión de refugallos
A nova lei establece novas indicacións para a xestión de refugallos. Por unha banda, deberanse establecer novas recollidas separadas obrigatorias para biorresiduos, téxtiles, domésticos perigosos, aceites de cociña usados e voluminosos para o seu posterior tratamento diferenciado, ben mediante preparación para a reutilización ou mediante a reciclaxe. Ademais das xa existentes para o papel, os metais, o plástico e o vidro, a nova lei introduce un calendario de implantación desta división de residuos para a súa preparación para a reutilización, reciclado e valorización, segundo indica o Miteco nun comunicado.
Así, os biorresiduos de orixe doméstica deberán recollerse separadamente a partir de xullo de 2022 nas entidades locais con poboación superior a 5.000 habitantes; e a partir de xaneiro de 2024 para o resto das entidades locais. No caso de residuos téxtiles, aceites de cociña usados, residuos domésticos perigosos e os voluminosos, a súa recollida separada deberá estar implantada a partir de 2025.
Limitacións aos plásticos dun só uso
A nova lei pon coto ao uso de plásticos dun só uso, con medidas enfocadas á redución deste material en envasados, a sensibilización, o marcado e o fomento do ecodiseño. Tamén restrinxirá a fabricación e uso de determinados produtos de plástico non reutilizables, como cubertos, pratos ou canas, entre outros.
A norma introduce un imposto estatal aos envases de plástico de usar e tirar
Neste sentido, a norma introduce un imposto estatal aos envases de plástico de usar e tirar, para avanzar en prevención e na redución da súa utilización no territorio español. Tamén reforza as accións destinadas a trazar a xestión de residuos deste material, desde que é xerado ata o seu completo tratamento.
Outras novidades da lei
Esta nova normativa tamén incorpora unha revisión do réxime sancionador, que inclúe novas infraccións, como o abandono de lixo disperso (littering), a queima non autorizada de residuos agrarios e silvícolas, e o non establecemento de recollidas separadas. Por último, existe unha disposición específica sobre o amianto, que obriga aos concellos para elaborar un censo de instalacións e emprazamentos con amianto cun calendario para a súa retirada. Ademais, establécese un imposto —cuxa aplicación dependerá das comunidades autónomas— á incineración e depósito de residuos en vertedoiro.














