Un estudo revela o impacto dos grandes plásticos nos bancos de mexillón da ría de Vigo

As bolsas comerciais e as sedelas de pesca poden modificar procesos fisiolóxicos clave e a estabilidade estrutural do molusco

Persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), as universidades de Málaga e Cádiz e outros organismos internacionais realizaron un estudo que demostra que os residuos plásticos, mesmo en pequenas cantidades, modifican a estrutura e o rendemento fisiolóxico do mexillón (Mytilus galloprovincialis), un organismo clave na costa galega.

A investigación, desenvolta no litoral de Galicia, mostra que a presenza de macroplásticos, concretamente películas de polietileno (similares a bolsas comerciais) e filamentos de nailon (sedela de pesca), pode modificar procesos fisiolóxicos clave e a estabilidade estrutural dos bancos de mexillón.

Publicidade

En particular, os tratamentos con alta concentración de filamentos de nailon provocaron unha redución significativa das taxas de respiración e filtración dos individuos, procesos esenciais para o seu metabolismo. Ademais, aínda que pequenas cantidades de plástico poden axudar a que os mexillóns formen estruturas máis complexas, unha acumulación excesiva conduce a unha perda de estabilidade, restrinxíndose a mobilidade dos mexillóns e a súa capacidade para formar estruturas tridimensionais cohesionadas. En comparación, as películas de polietileno mostraron efectos máis moderados sobre os parámetros analizados.

Mellora de xestión ambiental

“Os achados deste traballo subliñan a necesidade de incorporar os macroplásticos bentónicos na xestión e avaliación ambiental e de abordar a contaminación por plásticos desde unha perspectiva ecosistémica, que contemple non só a biodiversidade, senón tamén os procesos funcionais que sosteñen a estabilidade e produtividade dos ecosistemas costeiros”, sinala Eva Cacabelos, coautora do estudo e técnica no Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC.

Publicidade

Este traballo enmárcase no programa internacional GAME (Global Approach by Modular Experiments), coordinado polo centro alemán GEOMAR Helmholtz Centre for Ocean Research Kiel. O programa en 2020 estivo dedicado a avaliar o impacto da contaminación plástica mariña sobre organismos bentónicos e procesos ecosistémicos asociados. A execución do experimento en Galicia foi acollida polo IIM-CSIC en Vigo, coa participación de Eva Cacabelos do IEO, José Fernández Babarro do IIM-CSIC e Ignacio Gestoso do Instituto Universitario de Investigación Mariña da Universidade de Cádiz (INMAR-UCA) como investigadores colaboradores.


Referencia: Entangled ecosystems: the impact of macroplastic litter on Mytilus galloprovincialis communities in northwestern Spain (Publicado en Frontiers in Marine Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os segredos das augas profundas de Galicia: descubren tres novas especies de peixes para a ciencia

As campañas oceanográficas do IEO-CSIC documentan tamén dúas especies rexistradas por primeira vez no territorio español e un peixe exótico no Cantábrico

Limpeza voluntaria de praias: unha actividade altruísta fundamental para conservar as nosas costas

Galicia, con 130 limpezas detectadas en redes sociais, é a comunidade que reflicte maior mobilización cidadá

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea

En busca das tobeiras do lagostino: investigadores do IEO actualizan o censo no noroeste de Galicia

A campaña percorreu 61 estacións para estimar a abundancia da especie con tecnoloxía de imaxe submarina e complementar os datos pesqueiros