Os segredos das augas profundas de Galicia: descubren tres novas especies de peixes para a ciencia

As campañas oceanográficas do IEO-CSIC documentan tamén dúas especies rexistradas por primeira vez no territorio español e un peixe exótico no Cantábrico

Os rexistros de especies de peixes raros son cada vez máis importantes para a ciencia: ademais de enriquecer os inventarios, melloran o coñecemento taxonómico e proporcionan evidencia dos cambios que se producen nos mares. A través do monitoreo a longo prazo, un equipo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), formado por investigadores de Santander e Vigo, presenta os rexistros recentes de especies novas para a ciencia e para augas españolas, xunto a unha especie non indíxena, atopadas en augas galegas e cantábricas. Os resultados foron presentados no XI Congreso de Ictioloxía, celebrado en Vila Real (Portugal).

Concretamente, rexistráronse tres especies novas para a ciencia (Gaidropsarus gallaeciae, Notacanthus arrontei e Neoscopelus serranoi), mentres que outras dúas especies apareceron por primeira vez en augas españolas (Lyconus brachicolus e Lipogenys hyalovelanum). Por outra banda, un exemplar de Diapterus brevirostris, nativo da costa tropical e subtropical do Pacífico de América, identificado fronte a Asturias, dentro da boca dun peixe nativo. A causa do seu pequeno tamaño e a proximidade do porto comercial de Xixón, considérase a auga de lastre como vector máis posible para a súa introducción no mar Cantábrico. Algunhas das especies foron atopadas no Banco de Galicia, un monte submariño situado a pouco menos de 200 quilómetros de Fisterra, e tamén no litoral.

Publicidade

“Son especies de augas profundas que viven arredor dos 800-1.000 metros de profundidade”, sinala o investigador do Centro Oceanográfico de Vigo Rafael Bañón, un dos autores do estudo. Explica que son especies que sempre existiron a eses niveis pero que non se descubriron ata agora: “Non son abundantes, como a sardiña ou o xurelo, nin van en bancos; son especies solitarias de pequeno tamaño”. Ademais, engádese un risco na súa identificación, xa que son especies que se asemellan a outras que viven en diferentes partes do mundo, polo que o investigador indica que é fácil equivocarse e pór un nome que non corresponde.

O Banco de Galicia

Os peixes atopados foron recollidos durante enquisas anuais de arrastre de demersal realizadas polo IEO na plataforma continental do norte de España, así como durante dúas enquisas multidisciplinarias realizadas no Banco de Galicia en 2010 e 2011. As tres especies novas foron atopadas nas costas galegas, nas augas profundas e no talude da plataforma continental. Mentres, unha das novas especies notificadas para España, Lipogenys hyalovelanum, foi rexistrada fronte á ría de Vigo. Así, a importancia destes achados reside na biodiversidade mariña, sobre todo ao descubir especies novas ou non citadas no territorio estudado.

Publicidade

Morfoloxía e código de ADN

Todos os exemplares recollidos pasaron por un estudo dobre no que se baseou a súa identificación, un enfoque taxonómico integrador que combinou o exame morfolóxico e os análises moleculares.

Por unha banda, o estudo morfolóxico emprégase sempre para identificar a especie, e que, segundo explica Rafael Bañón, van dende medidas biométricas ata exames hematolóxicos.

  • 'Neoscopelus serranoi'. Foto: Rafael Bañón
  • 'Notacanthus arrontei'. Foto: Rafael Bañón
  • 'Lipogenys hyalovelanum'. Foto: Rafael Bañón
  • 'Gaidropsarus gallaeciae'. Foto: Rafael Bañón

Por outra, estúdase a codificación de barras COI, secuencias estandarizadas do ADN que se empregan para describir especies de peixes. Son únicos de cada unha delas e poden ser utilizados como un marcador universal para recoñecer determinadas especies: “A nivel molecular, as especies de peixes diferéncianse nun 2%; analízase só unha parte do xen”, explica o investigador. Desta forma, facilítase o recoñecemento, a conservación e o manexo de especies en perigo de extinción.

A importancia das campañas oceanográficas

Unha das conclusión principais deste estudo foi a importancia dos estudos oceanográficos a longo prazo co obxectivo de detectar peixes raros e de augas profundas como os rexistrados no norte peninsular. Non só iso, senón tamén o papel da colaboración cidadá, dos pescadores e observadores na documentación da biodiversidade. Por exemplo, a especie exótica localizada na costa de Asturias foi identificada por un pescador deportivo. O resto dos achados foron froito de campañas científicas do IEO. Este traballo é o legado de proxectos como LEMGAL, que inventariou 6.381 especies mariñas en augas atlánticas. “Cada vez vanse descubrindo máis cousas; debería facerse unha actualización da biodiversidade mariña de Galicia de forma periódica”, sinala Bañón.

Ademais, tendo en conta que Galicia vive en gran medida do mar, é interesante saber que cambios se están a producir nel. O investigador do IEO de Vigo explica que as especies que se pescan habitualmente son crecidas, e que algunhas das novas que chegan co cambio climático son comerciais. “Cando comezan a ser abundantes, teñen interese comercial”, engade. Con todo, na súa maioría, as notificadas neste estudo son especies de augas profundas e, por tanto, ocasionais.

A longo prazo, segundo Rafael Bañón, hai tres retos para a investigación en Galicia das especies mariñas. En primeiro lugar, hai que detectar exemplares, e a través do monitoreo pódese detectar o antes posible a chegada de especies exóticas e novas. En segundo lugar, manter o estudo implicando a novos axentes como confrarías, pescadores, cidadáns e técnicos, xa que, tal e como comenta o investigador, “Galicia ten 1.500 quilómetros de costa e o estudo non debería depender só dos organismos de investigación”. En terceiro lugar, pero non por iso menos importante, notificar os cambios: “Canta máis xente, maior evolución poderemos observar”, conclúe.


Referencia: Recent Records of Newly Described, Rare, and Non-Indigenous Fishes in Galician and Cantabrian Waters (Northern Spain) (Publicado en Proceedings)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol