As costas de Galicia supoñen un importante paso oceánico no camiño das tartarugas mariñas que, procedentes das áreas de cría do Caribe, se distribúen polo Atlántico ao longo da súa longa vida para retornar reproducirse nas praias de orixe. Despois do inverno, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) acolleu múltiples animais mariños que quedara varados nos primeiros meses do ano. Entre esas, atópanse as tartarugas Tanxil e Noetiña, que agora volven ao océano.
O tren de borrascas invernais que, a principios de ano, azoutou durante semanas a península ibérica e boa parte da costa occidental europea, especialmente as costas de Galicia, provocou a aparición de numerosos exemplares de fauna mariña varada. Durante esta primeira metade do ano, a CEMMA rexistrou: 100 cetáceos, 4500 aves mariñas e 19 tartarugas mariñas, case todas elas abeiradas e varadas entre xaneiro e marzo.
A subida do mar provocada por mareas sen precedentes non permitía que nada quedase varado nos areais, mais ao amainar o temporal puideron detectarse algúns dos exemplares aínda con vida. Este é o caso das tartarugas mariñas que se atopan de paso nesas augas: de súpeto, entran en contacto con augas frías, polo que deixan de comer e de nadar, quedando a expensas dos ventos e correntes. O CEMMA explica que ese é o motivo de que cheguen á costa.
A recollida das tartarugas
O CEMMA resalta a importancia de recoller todas as tartarugas mariñas que sexan detectadas na costa e permanezan varadas ou aboiando sen moverse. “A súa situación é crítica, con hipotermia e inanición, a súa vida pende dun fío”, explica a coordinadora. Declaran que só unha acción coordinada de recollida, evacuación e rehabilitación pode devolvelas sas e salvas de novo ao océano.
O labor de recollida é fundamental, dado que cando están varadas as gaivotas e outros animais terrestres poden causarlles graves danos. A recollida, sinala a organización, é moi simple, pois non precisan auga de xeito inmediato: un ambiente húmido e quente é suficiente para proceder á rápida evacuación cara ás Unidades de Coidados Intensivos-UCIs da CEMMA.
As tartarugas na UCI
Durante o inverno foron recollidas vivas, e para recuperación nas UCIs, as tartarugas comúns (Caretta caretta): Moza (Mozarrón) varada praia de Morazón, Sada, o día 14 de febreiro, de 45 cm de lonxitude total e que presentaba múltiples úlceras na cuncha, plastrón e cabeza. Tamén Pega: varada na praia de Barrañán, Arteixo, o día 14 de febreiro, de 25 cm lonxitude total. Ambas foron liberadas no mes de xuño a bordo do Chasula, por fronte da Ría de Arousa.
A tartaruga Tanxil, varada na praia de Tanxil, Rianxo, o 18 de febreiro, con baixa condición corporal e debilidade. Pesaba 0,565 kg no ingreso e mide 21cm de lonxitude total. A CEMMA explica que presentaba lixeiras abrasións e feridas, mais pouco importantes. E tamén Noetiña, observada aboiando inmóbil en superficie pola embarcación de pesca “Noeta primero” a poucas millas de Cabo Fisterra. A tartaruga foi recollida a bordo e entregada no porto. Pesou 1,438kg no ingreso e mide 29,3cm de lonxitude total. Traía a cuncha cuberta de algas pola inmobilidade en superficie, presentaba a amputación dunha aleta posterior, por causa de depredadores ou captura accidental, así como pequenas abrasións e feridas, mais pouco importantes, como informa a CEMMA. Agora, a organización procederá á súa liberación fronte á Ría de Vigo na embarcación ‘Novo ollo do mar’.
A última en ingresar foi Nabia, varada en Muros en marzo, e que permanece aínda recuperándose dunha afección pulmonar grave. Ademais das cinco mencionadas, foron detectadas, ou morreron na operación de evacuación, nove tartarugas comúns (C. caretta), catro tartarugas de coiro (Dermochelys coriacea) e unha tartaruga non identificada, ata un total de 19 exemplares.
Ameazas sobre as tartarugas
Ademais do varamento por causa da hipotermia e inanición, como resultado das condicións ambientais e consideradas causas naturais, existen outras ameazas sobre as tartarugas mariñas, como son as artes de pesca e as redes fantasma que poden atrapar exemplares e causarlles graves amputacións ou a morte por asfixia.
Na recuperación, os exemplares mantéñense na UCI de tartarugas mariñas de Nigrán, que a CEMMA ten instalada dentro da estrutura da Rede de Varamentos de Galicia, onde son atendidas polo equipo veterinario da coordinadora, que procura un bo diagnóstico clínico e aplica os tratamentos para cubrir as necesidades dunha axeitada rehabilitación.
A CEMMA declara que, dende hai anos, todas as tartarugas ingresadas defecan restos plásticos durante as primeiras semanas de rehabilitación, o que os leva a reflexionar sobre a perda de calidade do medio mariño a causa do lixo, que afecta toda a súa columna de auga e que os animais mariños confunden con alimento.
Para liberalas de novo ao mar, unha vez recuperadas, precísase que as condicións sexan axeitadas. Entre os meses de maio e setembro danse as mellores condicións para que as tartarugas poidan retornar ao seu camiño oceánico cara ao Caribe de novo. “Un 70% das tartarugas ingresadas conseguen voltar ao mar con éxito“, conclúe a CEMMA.

















