As costas de Galicia supoñen un paso oceánico no camiño das tartarugas mariñas procedentes das áreas de cría do Caribe que se distribúen polo Atlántico ao longo da súa vida, para voltar a reproducirse nas praias de orixe. Con todo, o violento tren de borrascas que azoutou durante semanas á Península ibérica provocou a aparición de numerosas aves mariñas abeiradas, especialmente nas costas de Galicia. Agora, co amainar atopámonos que esas masas de auga oceánica empuxadas cara a costa, e que traen a fauna mariña asociada, están a impactar en Galicia. Deste xeito, os exemplares de tartarugas mariñas que se atopan nestas augas atópanse en contornas máis frías, polo que deixan de comer e nadar, quedando a expensas dos ventos e correntes. Este é o motivo de que cheguen á costa.
Dende a CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) sinalan que é moi importante recoller a todas as tartarugas mariñas que sexan detectadas na costa e permanezan varadas ou aboiando sen moverse. A súa situación é crítica, con hipotermia e inanición. Só unha acción coordinada de recollida, evacuación e rehabilitación pode devolvelas sans e salvas de novo ao océano.
Recollida de exemplares
O labor de recollida é fundamental, dado que cando están varadas as gaivotas poden causarlles graves dano, xunto a outros animais terrestres. A recollida é moi simple:non precisan auga de xeito inmediato. Un ambiente húmido e quente é suficiente para proceder á evacuación cara ás UCIS. Neste momento a CEMMA con catro exemplares ingresados na UCI de tartarugas mariñas de Nigrán, procedentes de: Sada (púxoselle de nome: Mozarrón), Arteixo (de nome: Pega), Rianxo (de nome: Tanxil) e Muros (de nome: Navia).
Recuperación pola CEMMA
Na súa primeira fase da recuperación, as tartarugas mantéñense na UCI que a CEMMA ten instalada dentro da estrutura da Rede de Varamentos de Galicia. Alí son atendidas polo equipo veterinario, que procura un bo diagnóstico e aplica as necesidades para unha axeitada rehabilitación. Dende hai anos, todas as tartarugas ingresadas defecan restos plásticos durante as primeiras semanas. Isto fai aos profesionais reflexionar sobre a perda de calidade do medio mariño.
Na segunda fase de rehabilitación, a recuperación levarase a outras instalacións máis amplas como no IGAFA, contando coa colaboración do equipo de profesorado e alumnado do centro. Para liberalas de novo ao mar, unha vez rehabilitadas, precísase que as condicións sexan axeitadas, así entre maio e setembro danse as mellores condicións para que as tartarugas poidan retornar ao seu camiño oceánico cara o Caribe de novo. Un 70% das tartarugas ingresadas conseguen voltar ao mar con éxito.














