Bili, Arou e Afortunada: a historia das tres tartarugas liberadas en Sálvora

Os exemplares pertencentes á especie Caretta caretta voltaron ao mar despois de estar un ano recuperándose nas instalacións do CEMMA

O sancibrense Moncho Rivas, que leva anos colaborando co CEMMA, recibía hai un ano unha chamada alertando sobre unha tartaruga varada nunha praia de Barreiros, na Mariña Lucense. Dous rapaces atoparon e chamaron Bili ao réptil, que foi entregado á ONG galega para a súa recuperación. O que máis impresionou a Rivas, segundo lembra, foi o baixo peso da tartaruga. Este martes Bili voltou ao mar xunto con outros dous exemplares, Arou e Afortunada. Todas elas pertencen á especie Caretta caretta e son individuos moi novos, de 2 a 3 anos de vida. 

Animais de sangue frío

Mentras que Bili e Arou vararon nunha praia, Afortunada foi atrapada polas artes de pesca dun mariñeiro na costa de Fisterra, quen chamou de inmediato ao persoal do CEMMA. A práctica totalidade das tartarugas que chegan á costa galega son Caretta caretta, unha especie que viaxa dende a zona do Caribe e suca o Atlántico a través da corrente do Golfo. Noutros casos tamén chegan dende a costa de Cabo Verde.

Publicidade

Unha das tartarugas da especie Caretta Caretta. Créditos da imaxe: Pablo Covelo, CEMMA.

Pablo Covelo, biólogo mariño do CEMMA, explica: “É moi difícil que só haxa unha causa para un varamento. A tartaruga é un réptil e, por tanto, ten sangue frío. Cando as augas baixan dos 10 graos, corta por completo o seu metabolismo, co cal non é quen de nadar e déixase levar polas correntes”. Aínda así, esta ano a temperatura media do mar foi máis quente, pero seguen a producirse varamentos nas costas galegas e, segundo o CEMMA, nalgúns casos as tartarugas aparecen moi delgadas e con pneumonía: “Estamos vendo por primeira vez varamentos nas costas de Cantabria e de Euskadi, mais non sabemos a causa. Pode ser que hai dous anos naceran moitas tartarugas, e que estean chegando agora a Galicia, ou pode ser que algo estea a mudar nas correntes”.

Unha capacidade sorprendente para se recuperar

Porén, Covelo lanza unha mensaxe de tranquilidade: “As tartarugas son bastante resistentes. En torno ao 85% dos exemplares que recuperamos indrodúcense de novo sen maior problema. Incluso os animais que presentan grandes feridas ou que perden algunha parte do corpo son capaces de voltar ao mar”. A clave para a recuperación da maior parte das tartarugas, di, é sinxela: auga quente, comida para coller un peso óptimo e tranquilidade.

Publicidade

En canto aos casos de pneumonía, o biólogo mariño aclara que non se trata dunha epidemia similar a casos coma o do virus da influenza, que afectou a outros animais mariños nas costas de Brasil o ano pasado: “Estamos a falar dunha enfermidade individual, como a que podería ter algún de nós. Polo menos nos casos que atopamos ata agora non é nada transmisible”.

Tartaruga en recuperación
Unha tartaruga recupérase nas instalacións do CEMMA. Crédito da imaxe: Pablo Covelo, CEMMA.

En total e, segundo as cifras oficiais do CEMMA, no que vai de ano apareceron nas costas galegas 19 exemplares de Caretta caretta. Das 10 tartarugas que se atoparon vivas, nove foron ingresadas para se rehabilitar. Nestes intres, permanencen nas instalacións da ONG catro tartarugas que aínda se atopan nun proceso de recuperación. O CEMMA tamén atopou este ano unha tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) e unha tartaruga pequena (Lepidochelys kempii), ambas mortas.

O preocupante aumento de varamentos en Galicia

En canto aos varamentos totais de animais mariños, Covelo destaca un aumento preocupante de casos que rematan nas costas galegas: “Dende os anos 90 a media de varamentos en Galicia é duns 240 individuos. Houbo un pico no 2019, onde se produciron uns 300 casos, pero no ano pasado chegamos a unha cifra de 620 animais mariños, a cal triplica a media”. En canto ás posibles causas, o biólogo explica: “Sabemos que en torno ao 40% dos cetáceos morren por capturas accidentais nas artes de pesca, pero para o resto dos casos non sempre temos unha historia tan clara”.

A Rede de Varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica, mediante o proxecto REVARGAL que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ollo na costa ante a chegada de tartarugas: que facer se nos atopamos con algunha

Cada ano chegan ás nosas praias ducias de caretta caretta, que nunca deben ser devoltas ao mar directamente porque adoitan atoparse nu estado crítico
00:00:39

Gravan unha moto de auga molestando arroaces na ría de Vigo

O vídeo, captado desde o peirao de Soutomaior, xa están en mans da Garda Civil para que investigue un posible delito

As asombrosas imaxes de falsos percebes adheridos a unha lámpada e á coiraza dunha tartaruga

A Coordinadora para os Estudos dos Mamíferos Mariños retirou 59 cirrípedos do animal, que apareceu nunha praia de Fisterra

A metade dos cetáceos varados en Galicia presentan altos niveis de contaminación

O arroaz é a especie que mostra concentracións máis elevadas de compostos químicos procedentes de maquinaria industrial