A esclerose múltiple golpea Galicia: as causas da alta prevalencia revelada por un novo estudo

A investigación apunta á deficiencia de vitamina D e á maior susceptibilidade xenética herdada dos normandos como algúns dos factores que elevan a incidencia da enfermidade

A cantidade de casos de esclerose múltiple a nivel mundial incrementouse de forma substancial nos últimos anos. Porén, non se distribúen de forma equilibrada por territorios, senón que hai diferenzas relevantes dunha rexión a outra. En España estas variacións poden apreciarse entre as comunidades autónomas, como analiza un novo estudo que sinala Galicia como unha das rexións de España onde a prevalencia da esclerose múltiple é maior.

O artigo, Prevalence of multiple sclerosis in Spain. Estimates from the Primary Care Clinical Database (BDCAP), foi publicado recentemente na revista Neurology e nel participaron catro investigadores do Hospital Severo Ochoa (Madrid), a Universidade Loyola (Sevilla), a Universidade de Alcalá (Madrid) e a Área de Xestión Sanitaria Sur de Sevilla. Na investigación analízase a edición de 2021 da Base de Datos Clínica de Atención Primaria (BDCAP), que recolle información clínica codificada e normalizada deste primer nivel de atención, para disgregar por sexos e por comunidades autónomas a prevalencia da enfermidade e establecer unha comparativa nos territorios. Para o conxunto, o estudo cifra en 123,5 casos por cada 100.000 habitantes a taxa de prevalencia. Pero hai importantes matices.

Publicidade

As comunidades autónomas da metade norte, á cabeza en casos

Unha das principais conclusións do artigo é o establecemento dun patrón norte-sur, onde as comunidades da metade norte teñen taxas significativamente máis elevadas da enfermidade. Segundo a taxa de prevalencia bruta (número de casos por cada 100.000 habitantes), Galicia é a terceira comunidade con máis casos en homes e a cuarta en mulleres. Iso si: a taxa é moito máis elevada cando se conta en feminino. En concreto, o dato entre mulleres é de 205,1 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que nos varóns é de 115,7. Nas mulleres, a taxa de prevalencia bruta máis elevada atópase en Castela e León, con 247,1 casos por 100.000 persoas, seguida de Madrid (230,1), Asturias (229,5) e Galicia. Cando se trata de homes, por diante de Galicia sitúanse Asturias e Madrid, cunha taxa de 149,6 e 127,8 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente.

Risco relativo e sexo

O estudo engade outras variables na análise do patrón xeográfico da prevalencia, como o indicador de risco relativo, mediante o que establecen en que rexións se considera que hai un exceso de risco significativo de padecer a enfermidade. Esta estatística corrobora o gradiente norte-sur detectado. Entre as mulleres, hai sete comunidades nas que se detecta este risco, todas da metade norte do país: Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia e Madrid. Entre homes son as mesmas, agás Cantabria e Cataluña.

Publicidade

Prevalencia de esclerose múltiple segundo comunidade autónoma. Canto máis escura é a cor, máis casos por cada 100.000 habitantes. Á esquerda os datos en homes e á dereita en mulleres.
Prevalencia de esclerose múltiple segundo comunidade autónoma. Canto máis escura é a cor, máis casos por cada 100.000 habitantes. Á esquerda os datos en homes e á dereita en mulleres.

A maior prevalencia en mulleres que en homes é unha das estatísticas que habitualmente chaman a atención cando se analizan os datos sobre a esclerose múltiple. No estudo establécese de forma xenérica unha relación muller/home de 2,0; isto é, dobre de posibilidades de desenvolver a enfermidade se se é unha muller. Porén, ao ir ao detalle por idades, esta relación cambia. Así, en determinados rangos increméntase, chegando case a triplicarse entre os 50 e 55 anos para a mostra analizada, mentres que a partires dos 70 anos se iguala. Hai tamén cambios segundo comunidades autónomas: por exemplo, mentres que en Castela-A Mancha unha muller ten tres veces máis posibilidades de padecer a enfermidade que un home, en Asturias esta relación é de 1,5.

Posibles elementos detrás destas diferenzas

Destes datos, a investigación avanza que podería haber diferenzas xenéticas, medioambientais ou de prácticas sanitarias que “xoguen un papel na distribución xeográfica das taxas de prevalencia”. Pese a que se incide en que o estudo é de natureza descritiva (e, por tanto, só se pode “especular nesas diferenzas”) a interacción entre distintos factores pode contribuír á “susceptibilidade e gravidade da enfermidade” e ao patrón xeográfico na incidencia. Entre eses factores cítase a deficiencia de vitamina D, a infección polo virus Epstein-Barr ou o hábito de fumar. Asemade, as variacións entre rexións tanto nos recursos destinados á enfermidade como na súa abordaxe valóranse como un potencial factor: “Non podemos descartar que as diferenzas na prevalencia estean relacionadas con diferenzas nos recursos en coidado da saúde entre comunidades”.

O estudo párase en Galicia como unha das rexións cun “exceso significativo de casos”. “Ten un clima chuvioso, con poucas horas de luz solar por ano e baixa exposición a raios UV; ao respecto, comprobouse que unha elevada proporción da poboación galega presenta deficiencia de vitamina D”. Asocia tamén ao incremento das taxas “unha diminución da mortalidade e, en consecuencia, unha supervivencia prolongada”, así como o factor xenético. “Cómpre sinalar que esta rexión xeográfica estivo historicamente exposta a varios asentamentos e invasións viquingas, así como a outras invasións normandas, o que provocou unha alta susceptibilidade xenética á EM”, subliñan.

Factores xenéticos e ambientais na esclerose múltiple

Sobre a situación en Galicia José María Prieto, presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía e xefe do servizo de neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, alude á realización de distintos estudos, separados no tempo, e expón que “en Galicia, por razóns de tipo xenético e medioambiental, a enfermidade é máis prevalente”. Isto esténdese ás diferenzas entre comunidades, facendo fincapé na dieta como un dos factores que pode ter influencia.

Dentro de Galicia, a cidade de Ourense é un dos puntos de maior prevalencia en EM en España e así foi analizada en diversos estudos. En relación a isto, o doutor alude a investigacións nas que participou e matiza a relación entre o déficit de vitamina D (“que non é vitamina, é unha hormona”) e a enfermidade, posto que “utilizar a vitamina D como explicación creo que é unha maneira moi simplista de facer unha explicación de calquera cousa”. Insiste nesa combinación de factores medioambientais e xenéticos, incluíndo á posible relación co virus de Epstein-Barr e sempre aludindo á necesidade de afondar nas investigacións.

Mellor detección e supervivencia

O estudo considera que hai ampla evidencia do incremento de esclerose múltiple no país nas últimas tres décadas, que vincula, canda menos en parte, á mellora nos mecanismos de detección. O doutor Prieto abunda nisto. “Posiblemente hai casos que antes tiñan un primeiro episodio e xa; eses casos perdíanse e hoxe en día diagnostícanse como esclerose múltiple”, sinala. A esta explicación parcial engade outros factores. “A xenética, obviamente, cambiou pouco, pero o que si cambiou foi o medio ambiente, é dicir, o que comía a miña avoa e o que comemos nós non é o mesmo, e a relación co medio ambiente que tiña unha persoa hai 50 anos e a que ten hoxe en día tampouco é a mesma”. Para Prieto, isto podería explicar o aumento das enfermidades autoinmunes en xeral.

Na investigación apúntase tamén a unha mellor supervivencia á enfermidade, en parte polo avance nos tratamentos. “Gañáronse entre 10 e 15 anos funcionais e unha esperanza de vida que hoxe en día é a mesma que a poboación xeral”, sinala o doutor Prieto. “Temos ata 15 formas terapéuticas de tratar a enfermidade”, destaca. “Aquí en Galicia dispoñemos de todos ese fármacos sen ningún tipo de limitación, cousa que non moitas autonomías de España teñen”. O futuro pasa, di, por investigar tratamentos máis eficientes e menos tóxicos.

Máis estudos sobre a esclerose múltiple

Aquí poden xogar un papel relevante estudos descritivos como o presente, que defende o seu papel para o desenvolvemento de futuras investigacións. “Ao adoptar un enfoque sistemático para analizar os datos e desenvolver hipóteses fundamentadas”, sinala, “podemos comezar a desvelar os complexos mecanismos subxacentes ao patrón xeográfico observado e abrir o camiño para estudos analíticos máis completos que poidan verter máis luz sobre as diferenzas xeográficas observadas”.


Refencia: Prevalence of multiple sclerosis in Spain. Estimates from the Primary Care Clinical Database (BDCAP) (Publicado en Neurology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lúa chea de Cervo iluminará os ceos de xullo este domingo

Aínda que o plenilunio producirase na mañá do 21 de xullo, o fenómeno da superlúa poderase contemplar nas noites previas e posteriores

“A circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”

Investigadores da USC admiten que o salto do patóxeno a persoas é “cada vez máis posible” no territorio galego, pero chaman á calma

O virus hemorráxico Crimea-Congo salta por primeira vez a 13 animais de granxa en Galicia

A carracha 'Hyalomma marginatum' quintuplica a súa presencia no territorio galego e transmite o patóxeno a outras especies en ata oito concellos distintos

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro