O grupo Zendal lanza ao mercado a primeira vacina para previr o virus da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), serotipo 8. Faino tras recibir esta semana a autorización temporal de uso da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS) que permite a súa administración na especie bovina.
O serotipo 8 do virus da EHE foi diagnosticado por primeira vez no suroeste de España en novembro de 2022. Posteriormente, detectouse a difusión desta enfermidade que afecta especialmente os ruminantes en todo o territorio nacional. Iso si, agás os territorios insulares de Baleares e Canarias.
Segundo trasladan dende a sede do Porriño do grupo biotecnolóxico, o obxectivo é “facilitar o acceso do sector gandeiro a este novo produto”. Tamén, priorizar o mercado español no seu plan de vendas da vacina. Para iso levará a cabo unha primeira fase de produción de dous millóns de doses. Serán comercializadas por Vetia Animal Heath, filial dedicada á saúde animal.
Outros tratamentos
Nos últimos meses, desde o grupo Zendal estívose traballando de “maneira intensa” para chegar á obtención dunha vacina que puidese previr esta enfermidade que está a afectar á gandería. Así, chegouse á obtención desta vacina inactivada do virus. Administrarase por vía subcutánea en dúas dose cun intervalo de tres semanas.
A área de saúde animal do grupo Zendal xa desenvolveu outras vacinas. Por exemplo, as destinadas á Paratuberulose do gando bovino, ovino e caprino; contra a Brucelose en ruminantes; e fronte a E. coli en porcos. Tamén se suma a esta nómina as vacinas Bluevac contra a enfermidade da Lingua Azul fronte a diferentes serotoripos do virus. En 2008, Zendal proveu a Europa con máis 100 millóns de doses desta vacina en 2008.














