Venres 19 Abril 2024

Medio cento de varamentos en Galicia en tan só 23 días

As condicións climatolóxicas adversas das últimas semanas favoreceron a chegada ás nosas costas de especies mariñas mortas ou en mal estado

Case dous ao día. Ou o que é o memo: preto de 50 varamentos en pouco máis de tres semanas. No que levamos de ano, máis de 45 animais chegaron mortos ou en mal estado ás costas galegas e espérase que o número continúe aumentando nos próximos días. O principal motivo detrás deste repunte son as adversas condicións climatolóxicas que experimentou o mar nas últimas semanas. “Non significa que o temporal mate os animais pero algúns individuos teñen mala saúde e veñen varar á costa”, explica Alfredo López, biólogo e voz da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (Cemma).

Malia que o tempo inestable é un factor clave, non é o único. Os movementos dos cetáceos á hora de entrar na costa tamén son determinantes. “Cando todos estes elementos coinciden non tempo prodúcense o varamentos múltiples. É dicir, a aparición de moitos animais nun prazo de tempo curto e nun espazo delimitado, pero con distintos graos de descomposición e diferentes causas de mortalidade”, continúa indicando o experto. A Lanzada e Doniños son as praias galegas onde máis varamentos se rexistran, por estar en mar aberto e pola influencia do vento.

Publicidade

Cambio de tendencia

No que respecta ao factor temporal, a época do ano na que aparecían máis animais mortos ou en mal estado nas costas era entre os meses de febreiro e abril. Porén, nos últimos anos estase a detectar un cambio de dinámica, adiantándose a temporada ao mes de xaneiro. O 2023, polo que parece, non é unha excepción. “Estamos na mesma onda que os últimos anos, cun pico moi alto a principios de ano e logo un descenso progresivo”, argumenta López. Antes, tamén era habitual que o número de varamentos diminuíse considerablemente durante o verán. Pero o patrón dos últimos anos tamén está a alterar esta tendencia.

“Nos últimos anos estase a producir un pico moi alto en xaneiro e logo, un descenso progresivo”

ALFREDO LÓPEZ, biólogo e voceiro do Cemma

“Estase a producir un cambio na dinámica das poboacións. O golfiño común sempre viviu nas nosas costas e percíbese unha alteración do seu patrón”, engade o experto. Como cada vez é máis difícil que atope comida, a interacción coa pesca aumenta considerablemente e, polo tanto, a mortalidade desta especie. Segundo di López, antes esta era a situación propia da primavera pero agora prodúcese un pico en inverno e tamén en verán. Aínda que, segundo matiza, os animais chegan á costa en todas as épocas do ano. “Podemos controlar algúns elementos pero non os movementos dos animais. Facemos moitas campañas pero ás veces están limitadas polas propias condicións do mar”, di o investigador do Cemma, dando conta do complicado que é reducir o número de varamentos.

Golfiños, tartarugas e lobos mariños

Polo de agora, máis do 50% dos individuos que apareceron nas costas galegas foron delfíns; unha cifra habitual e semellante a outros anos. A especie máis rechamante talvez sexa o zifio de Cuvier, co varamento dun exemplar en Ferrol a mediados de xaneiro e coa identificación doutro en moi mal estado este mesmo luns. López cualifica de “moi rara” a aparición destes individuos nas praias, posto que viven lonxe da costa e nas grandes foxas submariñas. É dicir, a máis de 1.000 metros de profundidade. “Veñen de lugares tan afastados que cando chegan á costa están moi descompostos ou deteriorados”, asegura o biólogo do Cemma.

“Os individuos superviventes progresan ben pero precisan dun longo período de recuperación”

ALFREDO LÓPEZ, biólogo e voceiro do Cemma

Ademais destas especies, tamén se detectaron varamento de dous lobos mariños e tres tartarugas. A diferenza dos cetáceos, estas correron mellor sorte e logrou sobrevivir un exemplar de cada especie. No caso dos lobos mariños, López advirte que son moi agresivos. Polo tanto, é preciso ter moito coidado e avaliar se precisan descansar para volver ao mar ou unha intervención máis urxente. Un consello que non é aplicable para as tartarugas: “Hai que recollelas sempre. Non se poden devolver ao mar. Ademais, hai que facer seguimento porque o 100% das que recollemos pasa toda unha semana expulsando plásticos”. Actualmente, o lobo mariño supervivente está nunha instalación temporal do Cemma en Nigrán e a tartaruga no Instituto Galego de Formacion en Acuicultura (IGaFA) na Illa de Arousa. “Progresan ben pero precisan dun longo período de recuperación”, confirma López.

Finalmente, o biólogo do Cemma pide sentido común á hora de notificar os varamentos. Aconsella que todas aquelas persoas que se atopen cun animal morto ou en mal estado nunha praia chamen directamente ao 112. “Moitas veces publícanse fotos en redes sociais sen especificar a localización. Un día tivemos que percorrer máis de 15 quilómetros para atopar o individuo”, lamenta o biólogo. De igual modo pide paciencia á poboación posto que durante o inverno non é habitual que se retiren os animais mortos das praias con tanta premura como no verán.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar

A rede ambiental máis grande do mundo declara as rías galegas como área importante de mamíferos mariños

A IUCN destaca o valor da poboación dos cetáceos que viven nas costas de Galicia, especialmente dos golfiños
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos