Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación

Galicia pecha o ano 2025 con 377 varamentos de diferentes especies mariñas. A maior parte deles corresponde a cetáceos, que representan o 85,9% do total, segundo os datos da Rede de Varamentos de Galicia. Estas cifras proceden do traballo de revisión e cribado realizado polos técnicos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). Ademais dos cetáceos, rexistráronse tamén varamentos de tartarugas mariñas (4%), lobos mariños (1,3%), lontras (3,2%) e grandes peixes, como espadas, atúns e quenllas (5,6%).

Por concellos, Ribeira continúa a ser o que rexistra varamentos con máis frecuencia, cunha cifra próxima aos 40 rexistros anuais. Séguenlle, con entre 15 e 20 exemplares, Muros, Sanxenxo, Porto do Son, O Grove, Carnota e Fisterra. Outros concellos que superan os 10 varamentos ao ano son Vigo, Bueu, A Coruña e Ferrol. Trátase, en xeral, de localidades orientadas a mar aberto ou situadas nas bocas das rías, mentres que cara ao interior destas o número de varamentos diminúe progresivamente.

Publicidade

Aínda que estas cifras non acadan os valores rexistrados dos últimos anos, cando se superaron os 700 exemplares, seguen a ser moi altas e sitúanse por riba da media anual, establecida en 270 exemplares no período comprendido entre 1990-2022.

O golfiño común

A maioría dos exemplares varados corresponden ao golfiño común (Delphinus delphis), que representou máis do 59,7% dos rexistros, seguido do arroaz (Tursiops truncatus), cun 8,8%. Pola contra, outras especies como o caldeirón (Globicephala melas) e o arroaz boto (Grampus griseus), relativamente frecuentes no pasado, apareceron varadas cunha incidencia moi baixa, inferior ao 1,2%. Ademais, o 4,2% dos exemplares non puido ser identificado debido ao seu avanzado estado de deterioración ou á imposibilidade de seren examinados.

Publicidade

Na maior parte dos casos, os cetáceos apareceron varados xa mortos e, en moitos deles, o avanzado estado de descomposición impediu determinar a causa da morte. Un 9,1% dos varamentos correspondeu a exemplares vivos; no caso dos golfiños, un total de 34 individuos foron reintroducidos no mar, sobrevivindo na maioría dos casos. Pola súa banda, as tartarugas mariñas foron recollidas e trasladadas a centros de medio artificial controlado para a súa rehabilitación, co obxectivo de seren devoltas ao mar unha vez recuperadas.

Máis do 30% presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras e mesmo algúns foron entregados a Rede de Varamentos para o seu estudo, no caso do golfiño común esta proporción ascende ata o 50%. Outros exemplares presentaban indicios de mortalidade a causa de enfermidades naturais.

Arroaces solitarios

Durante o ano 2025, a CEMMA continuou coa monitorización do arroaz solitario Confi, que chegara a Ferrol en decembro de 2024. Lamentablemente, o exemplar apareceu morto no mes de xuño nun dos diques de Navantia, sen que a empresa permitise a realización do correspondente exame para determinar as causas do falecemento.

Por outra banda, levouse a cabo o seguimento de dous exemplares de arroaz que viven afastados da manda na ría de Arousa; unha nai e o seu cachorro, como Ladeira e Ladiña.

Falta de financiamento

O remate do proxecto REVARGAL, a non continuidade do financiamento por parte do MITECO e a ausencia da recuperación do financiamento por parte da Xunta, pon nunha situación moi delicada a asistencia á fauna mariña varada en Galicia. Na actualidade, a CEMMA non conta con fondos para atender ás ducias de cetáceos varados semanalmente.

Hai que lembrar que a Xunta financiou a Rede de Varamentos de Galicia con 100.000€ anuais entre os anos 2006-2009, mais neste momento os importes anuais non superan os 15.000 €, un 72% menos que cando comezou o apoio da Xunta á Rede de Varamentos no ano 1999.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia