Comezan a chegar lobos mariños a Galicia: que facer no caso de atopar un?

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños recomenda non achegarse, manter aos cans afastados e avisar ao 112 para que os expertos valoren a situación

No mes de decembro comeza a chegada de lobos mariños cincentos (Halichoerus grypus) á costa galega. Así o explica Alfredo López, a voz máis coñecida da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA), quen sinala que esta presenza se debe á dispersión dos cachorros como mecanismo de supervivencia: os lobos mariños cincentos nacen a partir de setembro no norte de Europa e, un mes despois, prodúcese a separación das nais. A medida que pasan as semanas, os cachorros que naceron antes están mellor alimentados, mentres que os últimos xa non atopan suficiente alimento. É nese momento cando comezan a desprazarse en todas as direccións.

“Algúns diríxense cara ao sur, e por iso chegan a Galicia”, explica o biólogo mariño. Poden abranguer dende Euskadi ata Xibraltar, aíndía que todo depende da zona de nacemento: os que proceden da Bretaña adoitan chegar a Euskadi; os do sur de Inglaterra, a Cantabria; e os do oeste de Irlanda, a Galicia. “Aquí aliméntanse durante un tempo e despois regresan ao norte”, engade López.

Publicidade

Os lobos mariños que chegan a Galicia son exemplares moi novos, de menos de tres meses, e nalgúns casos apenas dun mes de vida. Moitos deles aínda non saben alimentarse correctamente, polo que perden unha gran cantidade de peso. “Cando se separan das nais pesan arredor de 20 quilos, pero ao chegar poden pesar só nove”, detalla López. Isto provoca que algúns rematen varados, sen forzas e incluso con enfermidades, moitas delas respiratorias, como pneumonías ou pulmonías. “Este é o motivo polo que os vemos nas praias”, explica.

Un lobo mariño cansado ou varado?

“Non todos os lobos mariños precisan ser recollidos”, explica Alfredo López. A decisión depende do estado do animal, do seu comportamento e de se presenta ou non feridas visibles. Algúns simplemente chegan para descansar tras navegar durante 15 días seguidos. Despois de recuperar forzas, regresan ao mar. Porén, hai ocasións nas que quedan varados e xa non logran volver ao norte.

Publicidade

Por exemplo, o día 21 de decembro apareceron tres exemplares na costa galega. Un deles varou nunha praia e dende o CEMMA realizouse un seguimento durante varias horas, pero coa subida da marea regresou ao mar polos seus propios medios. Outro dos lobos mariños foi avistado nadando con normalidade. O terceiro, pola súa banda, entrou cara ao interior da praia para descansar río arriba, pero ao chegar os equipos de intervención volveu ao mar, o que levou aos especialistas a sospeitar que podía presentar algún problema.

O motivo desta preocupación ten que ver co comportamento propio da especie. Os lobos mariños cincentos, a diferenza dos lobos mariños comúns, nacen nas dunas, na parte alta da praia. Por iso, cando se atopan en problemas, repiten o comportamento aprendido das súas nais: buscar refuxio nas zonas elevadas. Cando un exemplar se afasta do mar e fuxe á duna, adoita ser un sinal de que non se atopa en boas condicións e evitar volver á auga. Deste xeito, é o equipo veterinario quen avalía o comportamento do animal e decide se é necesario recollelo ou se pode continuar o seu ciclo natural sen intervención.

Presenza irregular: dos 40 aos tres exemplares

Os lobos mariños e as tartarugas non teñen unha presenza regular na costa galega, xa que non se reproducen en Galicia. Con todo, Alfredo López explica que dende hai 30 anos rexístrase unha presenza de lobos mariños practicamente cada ano, aínda que cunha incidencia variable. Esta realidade vese reflictida nas cifras: segundo datos do CEMMA, en 2024 só se observou un exemplar no mar, pero en 2014 se rexistraron arredor de 40 lobos mariños, sumando tanto os exemplares avistados como os recollidos.

Trátase dun fenómeno que depende de múltiples factores. “A súa presenza está relacionada coas circunstancias climatolóxicas e oceanográficas“, sinala López. As baixas temperaturas do norte favorecen a chegada destes animais ás costas, do mesmo xeito que a sucesión de temporais moi fortes incrementan a probabilidade de que aparezan máis exemplares.

O cambio climático tamén é un factor clave. O aumento das temperaturas globais provoca un maior desxeo e o derretemento dos glaciares. En consecuencia, medra a posibilidade de que lobos mariños circumpolares cheguen ás augas galegas.

Que facer cando avistamos un lobo mariño?

Dende o CEMMA, a primeira advertencia ten que ver cos cans: “Non ir á praia cos cans e, no caso de facelo, nunca levalos soltos”, explica Alfredo López. Os cans adoitan atacar aos lobos mariños varados ao identificalos como algo estraño e, ademais, tenden a defender ao seu dono ante o que perciben como un perigo. “Moitos dos lobos mariños que ingresamos nos últimos anos traen este tipo de feridas”, sinala o biólogo mariño.

Cando unha persoa localiza a un lobo mariño, o primeiro paso é chamar ao 112 para alertar da situación. Ao usuario solicitaráselle que envíe imaxes e que describa o comportamento do animal: se se move, se permanece quedo ou se regresa ao mar. En ningún caso se debe achegar ao exemplar. “Son animais moi agresivos, deféndense e poden botar a boca”, advirte López.

Coa información facilitada polo usuario, actívanse os protocolos correspondentes. Avalíase se é necesario desprazar un equipo, recoller o animal ou simplemente realizar un seguimento. Este seguimento adoita facerse, en moitas ocasións, coa colaboración de voluntarios ou de Protección Civil. En xeral, o comportamento dun exemplar san adoita ser previsible: cando a marea está alta ou ao caer o Sol, sobe á praia para descansar; coa saída do Sol, regresa de novo ao mar.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla