Galicia decreta a primeira veda total do salmón: “É unha medida imprescindible, pero insuficiente”

A comunidade científica insiste na necesidade de incorporar a creación de refuxios térmicos e o control da calidade da auga

O Consello Galego de Pesca Continental acordou este mes implantar unha veda total do salmón en todos os ríos de Galicia a partir da próxima tempada. A decisión chega tras analizar os últimos datos de abundancia da especie, que confirman un descenso acusado nas poboacións reprodutoras. A Xunta de Galicia avanzou ademais que reforzará o seguimento científico, ampliando a rede de contadores automáticos xa presentes nos ríos Ulla, Eo e Landro a outros ríos como o Lérez e o Tea, co obxectivo de avaliar con maior precisión a evolución da especie nos próximos anos. 

Para Daniel García Souto, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) dentro do proxecto ATRAE, a veda total “é unha medida imprescindible, pero insuficiente”, xa que recoñece oficialmente que a situación é crítica e elimina a mortalidade directa por pesca recreativa. Cada femia que chega ao río leva consigo milleiros de ovos e a súa captura faría perder unha xeración completa. “A veda evita esa perda directa e inmediata nun momento especialmente delicado para a especie”, subliña o investigador.

Publicidade

Con todo, o experto lembra que esta prohibición debe entenderse como unha resposta de emerxencia e non como unha solución definitiva. A recuperación real, advirte, dependerá de actuacións máis profundas e estruturais que aínda están pendentes, e que determinarán se o salmón pode recuperarse ou non nos ríos galegos. Nesta liña, o doutor Carlos García de Leaniz Caprile, investigador distinguido no programa ATRAE na Universidade de Vigo (UVigo), engade que o paso clave non é a veda como tal, senón garantir “unha protección legal estrita”, porque sen esa catalogación “hoxe existe a veda, pero mañá pode levantarse”.

A veda é só o primeiro paso 

A recuperación do salmón galego esixe actuar máis aló da veda. Non se trata só de conservar unha especie, senón de protexer o estado dos propios ríos. Como sinala García de Leaniz, o salmón funciona como “o canario dos ríos”: un indicador moi preciso da saúde fluvial. Por iso, as medidas illadas adoitan ter pouco efecto se non se encadran nun plan de restauración integral que aborde as causas reais que están reducindo a supervivencia da especie dende hai décadas.

Publicidade

Un dos factores clave é o aumento da temperatura e o impacto do cambio climático. Aínda que a mortalidade no mar tamén é significativa, os investigadores subliñan que é nos ríos onde se pode actuar con maior eficacia. Entre as accións prioritarias está a de conservar e recuperar a vexetación de ribeira, que funciona como refuxio térmico, evitando que os ríos se quenten en exceso nos veráns, á vez que reduce a chegada de sedimentos e contaminantes agrícolas que asfixian ovos e crías. “O único que se necesita é manter a vexetación de ribeira, polo que é unha medida moi beneficiosa e sinxela de implementar”, explica García de Leaniz.

A isto engádese outro factor decisivo: os caudais ecolóxicos. Nos meses do verán, cando os ríos acadan o seu nivel máis baixo, é cando máis presión humana soportan pola demanda de auga ligada ao aumento de poboación estacional, sobre todo en zonas turísticas. “É unha moi mala combinación, porque multiplicamos a poboación que necesita beber no momento do ano no que os salmóns precisan máis estabilidade”, afirma o doutor. Non é un problema fácil de resolver, pero o experto insiste en que é necesario recoñecelo e integralo na xestión dos recursos hídricos para garantir un mínimo de supervivencia para os salmónidos e outras especies que dependen do río para sobrevivir.

A conectividade tamén aparece como un elemento central nas demandas dos investigadores. Nos tramos altos dos ríos, onde a temperatura é máis baixa e as condicións máis favorables, é onde os xuvenís pasan os seus primeiros anos. Con todo, moitos adultos non poden chegar a estas zonas debido a presas e barreiras sen función ecolóxica nin social clara. Eliminar obstáculos obsoletos ou instalar pasos eficaces permitiría que os salmóns recuperen os seus tradicionais espazos de desove, mellorando a súa supervivencia e permitindo que as poboacións se reforcen de forma natural, tal e como xa se observou noutros territorios do Estado español como Euskadi ou Navarra.

Neste contexto, os expertos coinciden en que as repoboacións non poden ser a ferramenta principal. A experiencia científica demostra que introducir peixes criados en catividade non mellora as poboacións e incluso pode prexudicalas, ao reducir a diversidade xenética e introducir liñas pouco adaptadas ao medio natural. “A prioridade non debería ser crear diversidade artificialmente, senón evitar que a poboación siga perdendo a súa diversidade natural”, explica García Souto.

Tanto el como García de Leaniz coinciden en que, se os ríos non ofrecen boas condicións, nin os salmóns salvaxes nin moito menos os de piscifactoría sobrevivirán. Por iso, a prioridade debe centrarse en conservar a diversidade natural, favorecer a chegada dos reprodutores ás zonas de desove e restaurar o hábitat. “Se se recupera a conectividade e os tamaños efectivos, a migración natural pode introducir variación de forma gradual e máis segura que intervencións artificiais, pero require actuar xa e manter o esforzo no tempo”, conclúe García Souto.

Salvar o salmón: cada acción conta

A pesar do escenario crítico, os especialistas coinciden en que aínda existe marxe de recuperación se se actúa con rapidez, coordinación e vontade política. Daniel García Souto lembra exemplos de éxito doutros programas de conservación, como o do lince ibérico, e subliña que “o tempo para actuar é limitado, pero aínda existe marxe se se toman as medidas adecuadas”. O doutor Carlos García de Leaniz advirte que a alternativa a non facer nada é a desaparición da especie e lembra a dimensión histórica e cultural desta perda: os salmóns ibéricos son dos máis antigos de Europa. “Non podemos perder nun espazo tan pequeno de tempo algo que é parte das nosas culturas e tradicións. Temos que rebelarnos e intentar facer todo o posible para evitalo, non nos queda outra. É a nosa responsabilidade”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos avalan as terapias con realidade virtual para persoas con dano cerebral adquirido

Dous estudos pioneiros demostran a eficacia dun modelo baseado en 'exergames' que combina estimulación física e cognitiva

A UVigo únese a un proxecto europeo para mellorar o diagnóstico das infeccións crónicas de feridas

A iniciativa desenvolverá modelos bioenxeñados de pel e tecnoloxías baseadas en nanomateriais para avanzar cara a un tratamento personalizado

De Vigo a Xapón para estudar novas estratexias naturais contra as mareas vermellas

A investigadora Rocío Blanca Sújar explora o potencial das macroalgas no control tóxico das proliferacións de algas nocivas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas