O Consello da Cultura Galega (CCGG) emite un informe moi crítico respecto á reforma da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia (LPCG) pola supresión da autorización previa da Xunta de Galicia, transferindo esta competencia directamente aos concellos en bens catalogados, con protección estrutural e ambiental, así como nas súas contornas. O órgano estatutario sinala no último parágrafo do seu informe que “esta vontade liberalizadora suscita problemas constitucionais“.
Esta reforma enmárcase no Proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, publicado en outubro de 2025, que acompaña á Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026 Coñécese como unha lei ómnibus, é dicir, unha norma que permite modificar múltiples leis e introducir cambios de diversas áreas dentro dun único texto legal. Dende a súa aprobación en 2016, a normativa sufriu cambios case anuais, sempre orientados a reducir os controis sobre os bens patrimoniais, pero non necesariamente a mellorar a súa protección.
Neste contexto, o informe advirte de que non existe unha base documental fiable para que os concellos podan exercer estas novas competencias. Por unha banda, a Xunta de Galicia non dispón dun inventario único, actualizado e estandarizado do patrimonio, senón dunha acumulación desordenada de datos antigos, “sen datos claros de localización, sen fichas nin atribución de proteccións”. En todo caso, explican que a maioría das fichas se limitan a situar o elemento e a reproducir normas de protección xenéricas, sen identificar elementos singulares protexidos. “Porén, as dúas principais carencias residen na identificación, que se limita a un punto e unhas coordenadas, sen información gráfica nin descritiva algunha”, recolle o informe.
Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude afirma que esta modificación pretende adaptar o contido á realidade actual, co obxectivo de “axilizar os procedementos, desburocratizar a tramitación e garantir unha protección máis eficaz e coherente co noso patrimonio”. Con todo, precisan que, no caso dos elementos máis singulares, como os Bens de Interese Cultural (BIC) ou con protección integral, a competencia continuará a ser do Goberno galego debido á necesidade de persoal técnico máis especializado.
Como pode afectar ao patrimonio cultural?
A fragmentación das competencias mediante a transferencia destas tarefas aos concellos xera diversos problemas. Un exemplo é que as autorizacións para intervir nos tramos urbanos dos cinco tramos catalogados do Camiño de Santiago (Inglés, Portugués interior e costeiro, Inverno, Vía da Prata, Fisterra -Muxía) nas cidades galegas pasarán a ser competencia exclusiva dos respectivos concellos, e non das deputacións nin do goberno galego.
Outro ámbito especialmente afectado é o forestal e enerxético, é dicir, a tala de arborado e implantación de infraestruturas eólicas. Ata agora, para cortar árbores nas contornas de protección de bens culturais catalogados era necesaria unha autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que avaliaba o impacto. Coa nova lei, esta autorización é substituída por unha “declaración responsable”, un documento no que o interesado afirma cumprir os requisitos legais e cuxa simple presentación permite iniciar a actividade.
Ademais, a nova redacción facilita a convivencia entre parques eólicos e patrimonio cultural, tal e como recolle o informe: “Decláranse legalmente compatibles os parques eólicos cos obxectivos de calidade paisaxística previstos nas Directrices da Paisaxe de Galicia”.
Falta de capacidade técnica nos concellos
Dende o Consello da Cultura Galega expresan que a Xunta de Galicia decidiu establecer estas competencias aos concellos sen garantir previamente que dispoñen dos recursos humanos e económicos necesarios para realizar tarefas de avaliación do patrimonio cultural. A pesar de que o CCGG sinala a necesidade de mellorar a formación práctica dos profesionais relacionados co patrimonio, sinalan que o problema da carencia formativa non é mellor na administración local.
Ademais, dado que moitas fichas do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia non especifican que elementos concretos deben ser protexidos, limitándose a marca un punto no mapa, os técnicos municipais carecerán dunha unha base sólida para determinar se unha intervención pode ou non prexudicar o ben catalogado.
Risco de presións
No informe, o Consello da Cultura Galega advirte da existencia dunha “alta presión social, económica e política sobre as políticas urbanísticas, de vivenda e de explotación produtiva do territorio”. Ao trasladarse a decisión aos concellos, estes quedan máis expostos a ese tipo de presións, tendo en conta a súa maior proximidade a promotores, empresas e veciños. Deste modo, nun contexto de alta demanda de vivenda e intereses económicos, os equipos municipais son máis vulnerables ás presións para axilizar ou flexibilizar a concesión de licenzas.
A isto súmase que a Xunta nin sequera mantén “unha técnica de control a posteriori que lle permita seguir e avaliar a coherencia da protección cultural brindada polos concellos”, segundo versa o informe. O problema agrávase pola falta de medios para verificar o cumprimento da normativa sobre o terreo, debido á inexistencia dun corpo de inspectores autonómicos que poida avaliar as accións municipais. O propio documento destaca así “a ausencia de sistemas de control autonómico ex post sobre a concesión de licenzas municipais, incluída a inexistencia dun corpo autonómico de inspección do patrimonio cultural”.
A “corrección de erros”
No informe, o Consello da Cultura Galega alerta da existencia dun atallo que permitiría modificar o Catálogo de Patrimonio Cultural, concretamente mediante a posibilidade de empregar o procedemento de “corrección de erros” para introducir cambios de fondo na identificación dos bens protexidos sen seguir as garantías legais existentes: “Altera a identificación dos bens modificando instrumentos que teñen o rango de regulamento mediante un acto administrativo“.
Así, a corrección de erros, un acto administrativo sinxelo, podería utilizarse para modificar os límites de protección ou mesmo a descrición dun ben catalogado. Isto implicaría que unha norma de rango inferior, como é este acto administrativo, estaría modificando unha norma de rango superior, como o regulamento de protección do patrimonio cultural.
“Ademais, non se somete a información pública cando dela derivan limitacións ao dereito de propiedade”, engaden os redactores do informe. A lexislación establece que, cando se crean ou modifican limitacións ao dereito de propiedade, o procedemento debe incluír información pública. Porén, ao recorrer á vía da corrección de erros, este trámite omítese, reducindo a transparencia do proceso.
Os riscos dunha suposta reforma anticonstitucional
O punto máis crítico do informe do Consello da Cultura Galega é a advertencia dunha posible vulneración da Constitución: “Ao camiñar nun sentido oposto ao das obrigas de conservación e enriquecemento do patrimonio cultural”, tarefas que, segundo o artigo 46 da Constitución Española, corresponden aos poderes públicos.
Así, o informe alerta tamén dos riscos que pode supor que esta reforma entre en vigor o 1 de xaneiro de 2026, tal e como está previsto. Entre as consecuencias, menciona a perda, destrución ou deterioración irreversible de moitos bens protexidos en Galicia. “Isto é, boa parte da herdanza cultural que conforma a nosa identidade como pobo, e que deberiamos legar ás seguintes xeracións”, conclúen dende o Consello da Cultura Galega, advertindo da magnitude dos perigos asociados á nova reforma impulsada pola Xunta.
Podes consultar o informe do Consello da Cultura Galega na seguinte ligazón.














