Galicia despedirá novembro con chuvias intensas e un forte descenso térmico. Ese é o prognóstico emitido por diversos servizos de meteoroloxía de cara aos próximos días. As responsables deste brusco cambio de tempo, ata o de agora dominado polo ambiente estable e seco que deixan as altas presións, son as ondas de Rossby. É dicir, grandes ondulacións do chorro polar que provocan que as masas de aire cálido ou frío se despracen cara a zonas a onde normalmente non chegarían. Este fenómeno provocará a chegada de tres valgadas consecutivas que traerán moita humidade e frío a Galicia.
Das fortes chuvias do sábado á calma do domingo
A primeira das baixas presións chega este xoves e continuará durante o venres, cando xa se agarda chuvia feble a partir do mediodía na fachada atlántica. A segunda valgada, segundo a predición de Meteored, descolgarase o sábado e descargará fortes chuvias no noroeste peninsular. De feito, en Meteogalicia prognostican chuvias xeneralizadas e de intensidade localmente forte tanto no oeste como na metade sur de Galicia, e serán máis fortes conforme avance o día. As temperaturas non experimentarán grandes cambios e manteranse en máximas de non máis de 16 graos.
O domingo será un día de transición entre as altas e as baixas presións, polo que as precipitacións serán máis probables na metade norte e irán perdendo forza conforme avance o día. A tregua durará pouco, dado que a terceira valgada chegará entre o luns e o martes, cando se dea inicio ao inverno meteorolóxico. Mais coa chegada da terceira valgada volverá a inestabilidade e o descenso de temperaturas, e deixará un escenario “totalmente invernal”, segundo indican dende Meteored. Incluso barallan a posibilidade dunha cuarta valgada, pero tan só é unha especulación.
Unha semana marcada polas precipitacións
Por tanto, a vindeira semana comezará marcada pola inestabilidade provocada por unha depresión centrada nas illas Británicas. Este escenario implica unha elevada incerteza e unha situación de probabilidade de chuvia alta. De feito, de luns a venres espérase en Galicia entre un 85% e un 90% e probabilidade de chuvia. No que respecta ás temperaturas, non se documentaron valores fóra do normal.














