A pasada fin de semana a actividade dun madeireiro provocou o dano a unha sección dunha alvariza en monte Faro, en Vimianzo. Malia que a noticia é chocante, é unha máis de moitas. Tamén no concello de Vimianzo produciuse unha importante perda patrimonial: a Pedra do Encanto, que desapareceu do seu emprazamento orixinal. O roubo provocou a indignación dos veciños e de asociacións, ao igual que no caso dun torneo de motos en Guítara, en Pantón. Os competidores utilizaron unha das mámoas como rampla de saltos e competiron en zonas próximas. Ata como grellas téñense utilizado mámoas milenarias, como foi o caso de Lousame. Ataques que deixan clara unha importante debilidade: o patrimonio que está nos montes é fráxil e está exposto a diversos tipos de danos.
En moitas ocasións, estes roubos e usos indebidos non son detectados polas forzas de seguridade, senón por asociacións e veciños. Isto ten sentido porque ese patrimonio está disperso. “Pero esa dispersión retroaliméntase coa propia dispersión da poboación. Entón, moita xente vive preto do patrimonio“, explica o divulgador de arte e arquitectura Miguel Ángel Cajigal (El Barroquista). A proximidade da xente que vive nos pobos facilita en moitos casos o seu descubrimento e a súa protección básica. Ademais, segundo destaca, isto fai que a veciñanza poida decatarse antes de que ocorre algo.
“Ao mesmo tempo, ten outro reverso: o feito de que estean tan a man fai que o que podería ser un vandalismo doutro tipo ou un dano accidental sexa máis frecuente“, resalta. Por exemplo, explica que noutras comunidades ou rexións europeas estes elementos como petróglifos e mámoas están moito máis lonxe de núcleos de poboacións. Isto provoca que, efectivamente, non haxa unha supervisión tan efectiva por parte de vilas próximas (porque non o están), pero tamén fai máis complicado que haxa persoas que, por exemplo, queiran danar ese patrimonio. Por exemplo, se alguén pensase en vandalizar algún destes elementos, probablemente non iría a un sitio de moi difícil acceso ou que non sexa moi coñecido. “Ao final son dúas caras da mesma moeda“, explica El Barroquista.
Un patrimonio fráxil
O divulgador destaca ademais a fraxilidade deste patrimonio. “En Galicia temos experiencia en todo tipo de danos, sobre todo fortuítos“, afirma. Así pareceu ser, por exemplo, no caso da pasada fin de semana en Vimianzo, froito da actividade madeireira. Unha das persoas que visitou a zona afectada foi Carme Toba, socia fundadora da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). Toba pon algúns exemplos de danos ao patrimonio que ademais, en moitas ocasións, non teñen por que ser intencionais, coma no caso do roubo da Pedra do Encanto. Por exemplo, no caso de plantacións, actividades de desbrave ou o paso de maquinaria como posibles riscos para ese patrimonio que se atopa nos montes.
“Considero que non está ben protexido, habería que inventariar sitios, como penedos, pedras con morfoloxías diferentes”, destaca Toba. A escritora do libro “A cultura do mel na Costa da Morte”, pon como exemplo tres mámoas que se atopan preto de onde vive e que teñen eucaliptos plantados por riba. Tamén considera que en moitas ocasións ao non estar inventariado é máis probable que sufran danos, polo que a catalogación deste patrimonio é un paso máis na súa protección.
Iso si, o divulgador defende que facer inventario dun ben non protexe plenamente o patrimonio. “Catalogar un ben non é ningunha medida de seguridade por si mesmo”, recorda. Ademais, explica que non sería factible utilizar recursos como, por exemplo, cámaras de seguridade para cada cruceiro, cada igrexa, cada pazo. “Se vixías 25 estacións de petróglifos sempre haberá outros centos que non poderás vixiar, e así sucesivamente”, comenta.
Educación patrimonial
Ante isto, o que tanto Toba como El Barroquista aseguran é a necesidade de educar e concienciar no patrimonio. “É o que facilita o maior éxito”, recalca o divulgador. Desta forma, considera que se poderían reducir as principais causas destes danos: tanto por mala fe como por descoidos.
Ademais hai moita xente que cre que atopar, por exemplo, unha mámoa, pode ser un gran prexuízo persoal. É, por exemplo, o medo a que lles provoque cambios no terreo, que teñan que deixar pasar a xente a ver e cuestións similares, destaca Toba. “Hai xente que ten medo de que lle quiten a leira“, afirma.
Porén, o patrimonio precisa de protección porque xustamente é o que define a unha cultura. “É unha sinal de identidade“, realza Toba, que tamén considera: “marca a estética dunha paisaxe”. Porque se todos o tratasen mal, non se conservaría o noso pasado. Algo que ademais, comenta, tamén está vinculado ás lendas e aos ritos que realizaban os nosos antepasados. “É o que viron os teus pais, avós, bisavós, tataravós… e o que verán os teus futuros descendentes”, recorda. Por iso é importante concienciar sobre a necesidade de protexelo: porque coidar cada unha desas mámoas, petróglifos e cruceiros nos montes é coidar dun anaco de Galicia.













