O vídeo que amosa os efectos da vertedura de aceite de palma nas praias da ría de Vigo

Novas imaxes obtidas no Morrazo documentan a retirada de toneladas de area contaminada, mentres persisten os riscos para o ecosistema mariño e a industria mexilloeira

Case unha semana despois, séguense a notar os efectos da vertedura de aceite de palma producida no peirao de Guixar o pasado xoves 30 de outubro. Os restos de aceite solidificado chegaron á outra beira da ría, a lugares como Moaña, dende O Con ata Domaio.

Dende a Autoridade Portuaria de Vigo aseguran que “o dispositivo de limpeza logrou recoller o 90% da vertedura das zonas afectadas” e que “a limpeza das praias está practicamente finalizada“. Porén, uns vídeos obtidos durante o sábado e o domingo no Morrazo amosan unha realidade ben diferente.

Publicidade

Nas imaxes vese maquinaria retirando toneladas de area contaminada en diferentes areais. Obsérvanse tamén grandes bloques de aceite solidificado, mesmo con mexillóns adheridos a esa mestura amarela e pastosa na que se converteu o líquido derramado desde o silo.

A Autoridade Portuaria de Vigo descoñece a cantidade de area que se está a extraer das praias a raíz da vertedura, pero sostén que o tratamento está en mans dun xestor autorizado. O labor de limpeza dos areais lévaa a cabo Tragsa, quen tampouco ofreceu datos.

Publicidade

Fauna e flora mariñas

Os efectos da vertedura non quedarán nos areais. O profesor de investigación do Centro Superior de Investigacións Científicas no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), Antonio Figueras, advirte nunha tribuna publicada en GCiencia que o suposto carácter “inocuo” do aceite de palma, como definen as autoridades, “non se sostén nin científica nin loxicamente”.

A presenza deste aceite vexetal no mar representa un risco físico para o ecosistema mariño. Este composto tende a solidificarse, como se aprecia nas imaxes captadas, formando unha capa que bloquea a luz solar. Ese efecto impide a fotosíntese do fitoplancto, base na cadea alimentaria mariña, provoca asfixia nos organismos filtradores e pode obstruír o sistema dixestivo dos animais que o inxiren.

As consecuencias sobre fauna e flora mariñas poderían afectar tamén á industria mexilloeira. As preto de 500 bateas da ría de Vigo, que producen máis de 15.000 toneladas anuais e sosteñen milleiros de empregos, corren o risco de verse afectadas pola contaminación. “Os mexillóns filtran ata vinte e cinco litros de auga ao día e acumulan contaminantes con concentracións centos de veces superiores ás da contorna”, explica Figueras.

O investigador indica unha serie de medidas preventivas para mitigar os posibles efectos secundarios da vertedura, xa visible nas praias. Entre elas, destaca o peche temporal das zonas de marisqueo e un seguimento continuado durante varios meses da evolución ambiental, pois a solución non pode limitarse á limpeza superficial.

“A ría de Vigo, a súa biodiversidade e a súa industria do mexillón merecen algo mellor que unha campaña de tranquilidade. A calma só ten sentido cando se basea en datos, non en suposicións”, conclúe o biólogo Antonio Figueras.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. O mellor do asunto é que ueda manifestamente probado que a Autoridade portuaria de Vigo non ten un plan de conmtinxencia contra este tipo de verquidos. Se houbera sido de gasóleos ou calquera outro estaría derramado pola ría de Vigo. Nin sequera despregaron unha barreira anticontaminación eficaz

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca