Un proxecto sobre o cancro de mama triplo negativo do CINBIO gaña o premio Zendal

O equipo liderado por María Mayán aproveitará os fondos para comezar cos ensaios preclínicos en modelos animais

Un proxecto sobre o cancro de mama triplo negativo e unha investigación sobre o desenvolvemento dunha vacina fronte á febre do Val do Rift foron os gañadores da VI edición dos premios Zendal. Concretamente o premio na categoría de saúde humana recaeu no grupo CellCOM do CINBIO (UVigo), liderado por María Mayán, que se fixo co galardón por un traballo sobre o cancro de mama triplo negativo —unha variante especialmente agresiva e con poucas opcións de tratamento—.

“Emocionounos moitísimo, é un premio moi competitivo a nivel internacional e que supón moitísima visibilidade para a actividade científica”, explica Mayán. O proxecto parte de que o equipo do CINBIO identificou unha diana terapéutica que axuda a aumentar a eficacia de determinados fármacos en cancro. “Para este proxecto en concreto, enfocámonos en poder aplicar esta tecnoloxía a cancro de mama triplo negativo con mutación BRCA, que é bastante frecuente pero pouco coñecido a nivel científico”, destaca.

Publicidade

A enfermidade afecta sobre todo a mozas e, malia que algúns tratamentos xa empezan a ser eficaces nun entre 10% e 20% dos pacientes, a intención deste proxecto é melloralo para ese 80% que ten unha maior resistencia a esas terapias. Os 40.000 euros que facilita Zendal polo premio servirán, explican, para poder comezar cos ensaios preclínicos en modelos animais, algo clave para tratar de chegar aos pacientes.

“Oxalá estes premios sexan de inspiración para que o ámbito privado se anime a apoiar a investigación nacional e local“, destaca Mayán. Recorda que os primeiros beneficiarios disto serán os pacientes, sociedades e centros de investigacións locais. “Tamén agradecer a Zendal por ter esta visión e este compromiso social de apoio ás actividades de investigación”, asegura.

Publicidade

Un xurado experto

O xurado estivo composto por Carlos Martín Montañés, profesor de Microbioloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Universidade de Zaragoza; Miguel Ángel Llamas, doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular, e director da organización Biocomunica; María Vallet-Regí, catedrática de Química Inorgánica e directora do Departamento de Química Inorgánica e Bioinorgánica, Universidade Complutense de Madrid; Pilar Domingo-Calap, profesora e investigadora principal en I2SysBio (UV–CSIC), e directora científica de Evolving Therapeutics; Eugenia Puentes Colorado, académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e Andrés Fernández Álvarez-Santullano, CEO de Zendal.

Este comité valorou, entre outros aspectos, os criterios de innovación científica, necesidade sanitaria, viabilidade, aplicabilidade e a súa contribución á mellora da vida en termos de progreso e benestar.

Premio á saúde animal

Polo que respecta ao premio de saúde animal, este recaeu no investigador Alejandro Brun, do Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA–INIA), por unha iniciativa centrada no desenvolvemento dunha vacina fronte á febre do Val do Rift. Trátase dunha enfermidade vírica aguda que pode afectar gravemente os animais domésticos (tales como búfalos, camelos, bovinos, cabras e ovellas) e ao home, no que adoita cursar de forma leve autolimitante, aínda que en ocasións pode producir un cadro grave.

O comité científico nesta categoría estivo composto por Juan José Badiola Díez, catedrático de Sanidade Animal e director do Centro de Encefalopatías e Enfermidades Transmisibles Emerxentes da Universidade de Zaragoza; María Jaureguízar Redondo, directora xerente da Fundación Vet+i – Plataforma Tecnolóxica Española de Sanidade Animal; Juan Carlos Castillejo, asesor senior en saúde animal; Francisco A. Rojo Vázquez, catedrático da Facultade de Veterinaria, Universidade de León, e membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Castela e León; e Andrés Fernández Álvarez-Santullano, CEO do Grupo Zendal.

Para este galardón valorouse especialmente a innovación científica, a viabilidade tecnolóxica, o potencial impacto preventivo en sanidade animal, así como o seu enfoque estratéxico para o desenvolvemento de plataformas multivalentes, en liña cos obxectivos destes galardóns.

Entrega o martes día 11

Os premios entregaranse, xunto ao premio homenaxe, pendente de desvelar, nunha gala que terá lugar o próximo día 11 de novembro en Vigo e á que se prevé, ademais da presenza de autoridades, a asistencia dunha nutrida representación do ámbito académico e científico de Galicia.

Os International Zendal Awards chegan este ano á súa VI edición, unha convocatoria á que se presentaron máis de 170 candidaturas, con maior presencia na categoría de saúde humana, o que pon de relevo a atracción e consolidación destes premios, dotados con 40.000 euros na categoría de humana e 25.000 na de animal.

Cancro, resistencia antimicrobiana, IA e zoonose

Dado o número de proxectos, as temáticas presentadas foron moi diversas, pero nesta ocasión víronse coincidencias en varias delas.

Así, na categoría de saúde humana, destacaron os proxectos de investigación contra o cancro e as propostas de terapias avanzadas e de precisión. Outro dos temas nos que coincidiron varias candidaturas é o das vacinas e a resistencia antimicrobiana, así como as enfermidades infecciosas e saúde global.

Outro dos factores que se viron nas propostas presentadas foi o da presenza da IA na aplicación médica e de investigación.

Polo que respecta á saúde animal, as propostas estiveron moi orientadas á innovación e a saúde global (One Health), con especial atención ao desenvolvemento de vacinas, zoonose, resistencia antimicrobiana e alternativas terapéuticas, así como diagnóstico de precisión e benestar animal. A sostibilidade e a aplicabilidade de tecnoloxías emerxentes foron dúas dos conceptos que tamén calaron nesta categoría.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Zendal logra luz verde para comercializar a primeira vacina trivalente contra a lingua azul

A Axencia Europea de Medicamentos valida o fármaco destinado a ovinos fronte a varios serotipos do virus polos seus efectos sanitarios e económicos

O experto Rolando Pajón Feyt únese a Zendal para liderar a fase final da vacina contra a tuberculose

O referente internacional será Director Médico e Científico da filial Biofabri nun momento decisivo para a avaliación científica do tratamento

Si, aos lagartos gústalles a pizza: esta é a ciencia máis divertida premiada nos Ig Nobel

De vacas raiadas a lagartixas 'gourmet', pasando por uñas, zapatos e a receita cientificamente perfecta de salsa de pasta

Unha bacteria presente na xudía común: a solución galega fronte o impacto da agricultura intensiva

Unha investigación da Misión Biolóxica, recoñecida polos premios Proxectos Emprendedores e Startups do CSIC por reducir o uso excesivo de fertilizantes