O cancro segue a ser unha das enfermidades máis complexas da medicina moderna. A pesar dos avances recentes, como as terapias dirixidas ou a inmunoterapia, os tumores continúan atopando formas de adaptarse e resistir e, cando o fan, convértense nun adversario moito máis perigoso. Por iso, cada pequeno avance conta, e un deles está a nacer en Galicia.
No Centro de Investigación en Nanomateriais e Biotecnoloxía (CINBIO) da Universidade de Vigo, un equipo liderado pola investigadora María Mayán, do grupo Cellcom, vén de identificar unha nova peza clave neste quebracabezas: unha proteína chamada conexina 43. A súa presenza —ou mellor dito, a súa ausencia— podería explicar por que algúns tumores se fan tan agresivos e difíciles de tratar. E restaurala podería abrir unha nova fronte na loita contra esta enfermidade.
Tumores que aprenden e se fan máis fortes
“Aínda que, para combater o cancro, nos últimos anos apareceron terapias dirixidas que están resultando de grande utilidade, non todos os pacientes responden igual a elas. Ademais, non sabemos por que, hai unha porcentaxe que mesmo desenvolve resistencia ao tratamento”, explica María Mayán desde o seu despacho no CINBIO. “Isto provoca que o tumor se volva máis maligno e difícil de tratar no ámbito clínico, o que aumenta as posibilidades de fallo na terapia”.
É precisamente esta resistencia aos tratamentos o enigma que o equipo de Mayán intenta desvelar. E a clave podería estar nas mutacións de certos xenes, como BRAF ou RAS, que fan que as células canceríxenas se multipliquen sen control e escapen aos mecanismos habituais de regulación do corpo.
“Respecto ao coñecemento que temos sobre o cancro, un dos principais avances nas últimas décadas foi a identificación de mutacións en xenes que lle dan unha vantaxe adaptativa ás células tumorais, facéndoas altamente proliferativas e resistentes á morte celular”, explica Mayán. “Iso fai que esas células tumorais, crezan a unha velocidade maior que as células normais e fai que ese tumor sexa máis maligno que un tumor que non teña esas mutacións”.
Pero isto non é todo. Os tumores tamén desenvolven outras estratexias para crecer sen límites. Unha delas é desfacerse dunha proteína chamada conexina 43, que normalmente permite que as células se comuniquen entre si. Esa proteína actúa como unha especie de canle pola que pasan sinais entre células veciñas, para coordinarse e manter o equilibrio dos tecidos. É precisamente a importancia desta proteína o que descubriu o equipo do CINBIO.
Recuperar a comunicación celular
A conexina 43 é unha proteína que actúa como ponte entre células. Forma parte dos gap junctions, uns canais que permiten a comunicación directa entre elas. Pero as células tumorais, lonxe de usala, fan todo o posible por eliminala. Segundo Mayán, isto dálle ás células malignas maior independencia e capacidade de escapar ao control do sistema inmunitario e do tecido que as rodea.
“O noso equipo centrouse na proteína conexina 43, estudando o seu papel en tumores concretos, especialmente aqueles que presentan mutacións no xene BRAF”, detalla Mayán. “Así observamos que as células tumorais con esta mutación non posuían nin os canais de comunicación celular nin a proteína presente na súa membrana. Por iso, decidimos restaurala mediante unha estratexia que permitise aplicar esta terapia tanto en pacientes como en modelos no laboratorio. Os resultados foron claros: a recuperación da conexina 43 provocou un forte efecto antitumoral”.
Para restaurar esta proteína, Mayán e o seu equipo empregaron nanopartículas naturais: pequenas vesículas que as propias células liberan para comunicarse entre si de forma natural. Estas vesículas poden illarse do medio de cultivo e enriquecerse con certas moléculas. No seu caso, explica, introduciron nelas ARN mensaxeiro da conexina 43.
“Empregamos estas vesículas como cabalos de Troia”, explica Mayán. “Cargámolas con ARN mensaxeiro da conexina 43 para que a célula destino comece a producila. A sorpresa foi que estas vesículas non só transportaban o ARN, senón tamén a propia proteína, xa que a conexina 43 é unha proteína transmembrana que queda integrada na membrana das vesículas”.
É dicir, conseguiron un dobre efecto: as vesículas funcionan como transporte natural de información xenética e da proteína funcional. É unha aproximación semellante á utilizada nas vacinas contra a COVID-19, aínda que usando nanopartículas naturais en lugar de lípidos sintéticos. A vantaxe deste método é que as vesículas son aceptadas polas células sen provocar reaccións adversas, porque forman parte do seu sistema de comunicación natural. A terapia revelou ser altamente eficaz tanto in vitro como en modelos animais.
Necesidade de financiamento para o futuro deste e doutras investigacións galegas
Desde o CINBIO explican que o reto agora é trasladar esta estratexia á práctica clínica. O equipo xa ten unha patente rexistrada, pero o camiño ata os pacientes é longo. Require ensaios preclínicos, aprobacións regulatorias e unha importante inversión económica.
“Temos os resultados, pero precisamos apoio institucional”, recoñece a científica. “Oxalá conseguiramos nós unha axuda que nos permitira desenvolver esta terapia, Pero, se non a conseguimos nós, quedamos tamén coa esperanza de que ese coñecemento está aí e que pode ser aproveitado no futuro por outro grupo de investigación”.
Mayán tamén recalca que este é un exemplo do potencial da investigación galega, e do papel que poden xogar centros como o CINBIO, recoñecido como centro singular. Mais tamén é unha chamada de atención de que a ciencia necesita financiamento, infraestrutura e estabilidade para competir a nivel internacional.
“Galicia e o estado español seguen moi por detrás doutros países europeos no investimento en I+D”, insiste a investigadora”. “Se queremos estar á altura, estaría moi ben que a sociedade comezara a reclamar máis financiamento e máis apoio a centros como o noso, que son o futuro da investigación galega”.















“Galicia e o estado español seguen moi por detrás doutros países “, mentres tanto, Rueda de Vil pagando licencias aos cazadores e regalando ” cuponsitos” para para comprar mamarrachadas. inePPto!