Un pequeno movemento que resulte en dor: iso é o que experimentan as aproximadamente 528 millóns de persoas que, segundo a Organización Mundial da Saúde, presentan artrose (OA). Esta afección adoita manifestarse a partir dos 50 anos e o envellecemento xeneralizado da poboación favorecerá que aumente a súa prevalencia. A fin de reducir a sintomatoloxía e mellorar a calidade de vida das persoas que conviven coa artrose, un equipo do CINBIO na Universidade de Vigo presenta o proxecto SENPAD. Trátase dunha iniciativa financiada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través dos fondos da convocatoria Ignicia Proba de Concepto que estuda o tratamento da doenza a través do uso de dous péptidos.
A investigadora do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO, da Universidade de Vigo) e líder de SENPAD María Mayán explica a orixe da iniciativa: “O noso grupo identificou unha diana terapéutica, a conexina 43 (Cx43), hai máis de dez anos. Dende entón, estudamos os mecanismos polos que esta nova diana está implicada no desenvolvemento e progreso da artrose. Agora temos unha patente; o obxectivo principal do proxecto é a transferencia, que dea o salto da investigación á práctica”.
A loita contra a senescencia celular
A artrose é unha enfermidade reumática que se caracteriza pola degradación do cartílago e dexeneración da articulación. A esencia da investigación, pois, está na loita contra o mecanismo implicado na dexeneración asociada ao envellecemento, a senescencia celular. Nun estudo de 2020, varios investigadores liderados por Mayán relacionaron a sobreactividade da proteína Cx43 cunha activación e aumento dos niveis de determinados marcadores asociados á senescencia, como p53, p16 e ß-galactosidasa.
“Abrimos unha liña de investigación para inhibir a actividade desta proteína e vimos que isto era positivo e permitía a rexeneración do cartílago”, apunta María Mayán. A investigadora conta que o primeiro paso foi buscar moléculas que os axudaran a lograr o seu propósito: “Deseñamos pequenas secuencias peptídicas que actuaban sobre mecanismos concretos da proteína e atopamos dúas que lograban inhibir os procesos implicados na patoloxía”.
A investigadora explica que os péptidos están en auxe no sector farmacéutico —en especial a raíz de tratamentos como o Ozempic, que se basea nunha molécula análoga do GLP-1— por diversos factores: “Non adoitan ser tóxicos, están formados por aminoácidos (os mesmos compoñentes que as proteínas), son altamente específicas… Isto fai que o seu uso teña varios beneficios”.
O estado da investigación
O CEO do proxecto, Francesco di Martino, explica que se atopa nunha fase preclínica: “Xa houbo unha validación de concepto preclínico en vivo e in vitro”. Mayán sinala que xa puideron medir a eficacia e a toxicidade en células de pacientes e modelos tipo organoides —“que son como reproducións do tecido a nivel de laboratorio”, aclara— e en ratos.
O seguinte paso para SENPAD é prepararse para a fase preclínica regulatoria, antes de entrar na clínica. Di Martino indica que hai unha serie de requisitos que necesitan cumprir para poder dar o salto: “Os ensaios teñen que estar feitos baixo o estándar de boas prácticas de laboratorio (GLP, polas súas siglas en inglés), e logo a parte relativa á produción dos péptidos como fármacos debe realizarse en condicións GMP (Good Manufacturing Practices)”.

María Mayán resalta que os resultados que lograron ata agora contaron coa colaboración de clínicos, outros grupos de investigación e entidades financiadoras: “É moi importante para nós a axuda de José Ramón Caeiro, que é o xefe de traumatoloxía do Hospital de Santiago e investigador do IDIS, e de Carlos Martín Sánchez, do Cunqueiro”. Así mesmo, ambos aluden o importante apoio que lles supón o programa Ignicia da Xunta de Galicia para poder financiar este tipo de estudos, necesarios pero moi custosos.
Da medicina á cosmética
A investigación desenvolta no marco do SENPAD está enfocada nos usos médicos dos péptidos, pero os resultados poderían ter aplicacións en varios campos: “Que atoparamos unhas moléculas como estas, que baixen a actividade da conexina nos procesos de senescencia celular, foi un fito, porque non só terá aplicacións no ámbito clínico, senón tamén na cosmética”, afirma Mayán.
Os péptidos descubertos inhiben o exceso de accións da proteína que inflúen no envellecemento ou senescencia celular. “Cando queda sobreactivada de forma crónica, que é o que pasa na artrose, causa envellecemento celular. Isto fai que os péptidos non só teñan usos no tratamento desta afección: tamén poderán aplicarse noutras patoloxías asociadas á idade, ou para promover procesos de cicatrización”, asegura a líder do estudo. Engade que estas moléculas teñen unha acción senoterapéutica.
Do laboratorio ao mercado, o salto da transferencia
Mayán sinala que o uso que propón o seu grupo estará enfocado a actuar sobre o progreso da patoloxía. “Se se diagnostica nun estadío temperán, cremos que poderá favorecer a rexeneración da articulación e frear a enfermidade, por exemplo ante unha lesión. Tamén agardamos que sexa un tratamento para fases máis evolucionadas de forma puntual ou crónica, para evitar a evolución da artrose, en función da razón da mesma. Os resultados en vivo que obtivemos no laboratorio apuntan que terá un efecto protector: non só evita o proceso dexenerativo, tamén favorece a rexeneración do tecido”, explica. Parte do traballo inclúe determinar o momento no que o paciente poida obter un maior beneficio de realizar o tratamento. As súas pesquisas ata o de agora apuntan que isto será cando xa se desenvolvera a patoloxía ou nun proceso inicial de dano na articulación, como medio de evitala ou reducir o seu impacto na vida diaria das persoas afectadas.
Este paso entre os resultados e a práctica clínica, o salto do laboratorio ao mercado, é unha cuestión de suma relevancia no proxecto. Francesco di Martino incide neste aspecto: “O noso obxectivo principal é crear unha spin-off que poida desenvolver un tratamento innovador da artrose, que se basea na identificación destes péptidos, con gran potencial terapéutico”.
A investigadora e o CEO coinciden en que o impulso económico da convocatoria de GAIN é crucial para acadar esta meta. Di Martino engade: “Debemos preparar unha estratexia de negocio para conseguir fondos, tanto públicos como privados, para poder darlle continuidade ao proxecto cando remate o Ignicia”. Así, o futuro de SENPAD vén marcado por unha liña cronolóxica na que agardan, finalmente, completar o seu obxectivo de transferir os seus coñecementos ao mercado para incluílos na práctica clínica real.














