Publicidade

“Os péptidos son estruturas moi versátiles, biocompatibles e doadas de programar e deseñar a demanda”

O científico Javier Montenegro do CiQUS coordina a XIX Iberian Peptide Meeting, un punto de encontro entre investigadores de España e Portugal para coñecer os últimos avances no campo

O XIX Iberian Peptide Meeting está a piques de comezar. Este é un evento bianual que se celebrará do 26 ao 28 de febreiro en Santiago de Compostela. O obxectivo é crear unha rede de coñecementos e colaboración entre investigadores españois e portugueses do campo dos péptidos, “moléculas formadas por monómeros repetitivos, os aminoácidos”, explica o coordinador da xornada, Javier Montenegro. É investigador no CiQUS contratado co Programa Oportunius, centrado precisamente na química orgánica sintética e nos péptidos. Con el, abordamos a importancia da posta en común dos avances realizados e a situación actual das investigacións nesta materia.

O Iberian Peptide Meeting é un evento bianual que fomenta a colaboración entre investigadores portugueses e españois. Cal é a importancia de establecer esta colaboración?

Publicidade

—En 1984, Robert Bruce Merrifield recibiu o Premio Nobel de Química polo seu método de síntese de péptidos. Nos anos seguintes comezaron a darse importantes contribucións á química sintética de péptidos, por exemplo por parte do investigador Fernando Albericio. A partir de aí a síntese destas moléculas foi refinándose e comezou a gañar moita forza. Tanto España como Portugal contribuíron a isto con diferentes desenvolvementos, especialmente no referido a como poder mellorar a síntese no laboratorio.

Esta é unha rama da ciencia química moi importante, posto que os péptidos poden ser sintetizados de maneira relativamente doada e que ademais son bioactivos. É dicir, poden utilizarse para bloquear ou mellorar a función doutras moléculas biolóxicas, como as proteínas. Por isto, poden ter moitas aplicacións en terapia e biomedicina. Estaba claro que ía ser algo con moita repercusión.

“A colaboración entre España e Portugal en investigación en péptidos sempre existiu e sempre o fará”

No que respecta a este evento, pensouse que estes avances eran unha boa ocasión para xuntar as comunidades científicas que traballaban arredor desta liña. Ao final somos veciños e temos moitos proxectos conxuntos. Con todo, este congreso tamén ten unha vocación internacional, de maneira que as nosas comunidades poidan ver os avances que se dan noutros lugares. Por iso sempre intentamos convidar a investigadores europeos ou doutros lugares do mundo.

Neste sentido, agradecemos moito a axuda que supoñen para nós os patrocinadores do evento así como a contorna da cidade de Santiago, porque ao final é o que fai que o evento sexa posible. O propio CiQUS, ademais de ser patrocinador, tamén é o lugar de traballo de moitas das persoas que participan no congreso porque é unha oportunidade marabillosa para os químicos de péptidos.

Vendo o programa das xornadas, salienta precisamente a cantidade de áreas nas que os péptidos están presentes.

—Nos seus inicios, estaban moito máis focalizados na posible síntese e nas interaccións que estes podían ter coas proteínas. Hoxe en día están moito máis estendidos en diferentes liñas das ciencias. No congreso abordamos a análise estrutural, síntese, autoensamblaxe, química supramolecular, aplicacións en medicina e bioquímica… Tamén abordamos a utilización dos péptidos como materiais, case como un andamio molecular para outras aplicacións.

En que punto está actualmente a investigación?

—Está florecendo. Cada vez ten máis forza e creo que vai seguir así. En moitas ocasións, os organismos biolóxicos sintetizan péptidos en si mesmos para todo tipo de funcións: sistemas antimicrobianos, regulación de funcións biolóxicas, creación de velenos ou sistemas de defensa… Todo isto é moi inspirador. Cando observamos a natureza comprendemos o potencial que teñen os péptidos e como se poden facer.

Ademais, a síntese de péptidos permite un control de secuencia conectando monómeros detrás doutros con precisión. Unha vez que tes isto feito, podes programar como se van ensamblar e como van a interaccionar con outros factores. Isto converte os péptidos nunha área con moitísimo potencial en case todos os campos. Son unha estrutura moi versátil, biocompatible e fácil de programar e deseñar a demanda. De feito, hai moitas persoas que aínda que non están completamente enfocadas nos péptidos, utilízanos moito na súa investigación.

Dentro desta rede de colaboración tecida entre España e Portugal, hai proxectos que se estean desenvolvendo de maneira conxunta?

—Por suposto. Hai moitísimas colaboracións entre España e Portugal. Eu mesmo teño varias, como a gran maioría das persoas que participan no congreso. Estamos moi preto e o feito de poder coñecer o que se fai e establecer relacións supón un gran beneficio mutuo. En Portugal hai unhas liñas moi fortes de química médica, sintética e biolóxica de péptidos. Esta colaboración sempre existiu e sempre o fará. Como dicía antes, son os nosos veciños. Cando xuntamos as dúas maneiras de facer as cousas xorden novas ideas e proxectos.

“A investigación en péptidos cada vez ten máis forza”

Cal diría que é o impacto deste evento que se vai celebrar nas relacións entre os investigadores de ambos países?

—Este congreso está moi orientado a iniciar e a incentivar novas interaccións e colaboracións. Queremos ter moi presente que a química de péptidos en España e Portugal ten unha tradición moi importante de colaboracións, compartir recursos e ideas e de buscar o beneficio mutuo. En moitos casos ademais é inevitable: eu fixen a tese en Santiago e ao lado do meu laboratorio está un dos meus mellores amigos, o Profesor Nuno Basilio de Lisboa, co que teño varias colaboracións e co que acabo de publicar un artigo nunha das revistas máis importantes do ámbito químico, Journal of the American Chemical Society.

É dicir, estamos preto e é bo que a xente saiba que nestas xornadas nos achegamos aínda máis. Grazas a isto podes coñecer máis de preto as investigacións que se están levando a cabo e establecer conversacións. Ao final é un congreso de tamaño mediano, e isto permite ter unha comunicación directa coas persoas que asisten. É fácil atoparse e falar coa xente. Por outra banda, a principal prioridade deste congreso é darlle a oportunidade de falar e intervir á xente nova. Queremos que todo o mundo que o pida teña o seu oco. Isto axúdanos a nós a ver que é o que se está a facer, mais tamén ás persoas a adestrarse a si mesmas e ser quen de falar en público e participar neste tipo de eventos.

Cales foron os criterios que se seguiron á hora de seleccionar os temas das conferencias?

—Contamos cun comité organizador no que estamos Ana Pina, de Portugal, e eu, e cun comité científico, formado por profesores de ambos países de maneira totalmente desinteresada. Entre todos facemos unha valoración dos estudos que se envían na solicitude que fan as persoas para presentar. Neste caso, todos os que pediron falar van poder facelo. Por isto, o traballo foi máis de ordenar e clasificar ás persoas segundo os temas que ían tratar.

Cal é o interese de facer un evento máis accesible para a xente nova?

—O primeiro obxectivo é que a comunidade poida estar ao tanto do que se está a facer. Queremos motivar intervencións de xente moza para mellorar a súas habilidades e atopar inspiración e colaboracións. É unha ocasión ideal para aprender a presentar as investigacións. Todas teñen o seu tempo de exposición máis o tempo de preguntas, e isto require experiencia e práctica. É unha maneira de continuar a formación nun ambiente relaxado, porque ao final é o que dicía, é un congreso dun tamaño axeitado e chega a sentirse como estar en familia.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un vehículo molecular de boro para levar fármacos ás células? Así o estudan na USC

Un equipo do CiQUS, en colaboración con químicos alemáns, aplica unha nova estratexia para superar a muralla de lípidos e liberar as moléculas bioactivas

Un galego inspírase en Lego para desenvolver terapias antimicrobianas

O veleno de escorpión mostrou excelentes resultados pola súa capacidade para combater unha ampla gama de patóxenos

Un equipo galego crea un composto que recoñece receptores celulares vinculados á metástase

Os resultados do estudo sinalan o potencial das nanoestruturas para inhibir receptores proteicos involucrados no cancro

O Cabalo de Troia dos fármacos: a estratexia galega contra a barreira da membrana celular

Investigadores da USC, en colaboración cun centro alemán, publican na revista Nature o seu achado, de gran interese para a administración de medicamentos