Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Non moita xente coñece a estrutura atómica da perovskita. Porén, case todo o mundo sabe das súas cualidades excepcionais, que converten este material nun dos elementos máis prometedores cara a unha transición enerxética. A perovskita emprégase para todo porque as súas propiedades semicondutoras permiten, ao mesmo tempo, aforrar enerxía e aumentar potencia. No caso das luces LED, o seu descubrimento foi unha auténtica revolución. Mais non todo brilla, nin sequera cando falamos da capacidade luminosa: tradicionalmente as perovskitas fanse cunha base de metais pesados, como o chumbo, un material de sobra coñecido pola súa capacidade para acumularse no noso organismo.

Rosana Simón, investigadora e profesora do grupo de Inmunoloxía, leva anos estudando a toxicidade dunha infinidade de nanomateriais co obxectivo de establecer cales son os límites de seguridade á súa exposición. Nun estudo publicado na revista académica Advanced Science, a doutora Simón analizou os niveis de toxicidade de dous elementos que se están a estudar na actualidade para reemprazar o chumbo: o bismuto e o estaño. Porque, tal e como defende esta científica do CINBIO (centro que pertence á rede de excelencia científica CIGUS potenciada pola Xunta de Galicia), o avance na ciencia non é incompatible coa procura de alternativas ao status quo máis seguras e sostibles.

Publicidade

Unha estrutura altamente eficiente

O descubrimento da perovskita, un mineral conformado por calcio, osíxeno e titanio (CaTiO3), remóntase ao ano 1839, durante unha expedición aos Montes Urais do químico de orixe alemá Gustav Rose. O seu nome é unha homenaxe de Rose ao mineraloxista ruso Lev Perovski. Con todo, o termo pervoskita abarca moitísimo máis, xa que tamén se emprega para denominar a todos aqueles compostos deseñados no laboratorio que manteñen a estrutura cristalina deste mineral.

As súas propiedades excepcionais son consecuencia, en parte, da sua estrutura cúbica, que é capaz de atrapar a luz no seu interior producindo enerxía dun xeito moi eficiente. Nos últimos anos, a perovskita causou unha auténtica revolución científica, máis aínda no eido da enerxía solar, onde o seu deseño versátil e de baixo custo permite que se adapte a moitas superficies diferentes, como xanelas ou roupa.

Publicidade

Válido para todo

Recentemente tamén se investiga o emprego perovskita como posible material para a creación de sistemas refrixerantes que non leven elementos contaminantes, presentándose como unha alternativa máis sostible ao arrefriamento das nosas neveiras e fogares.

Porén, segundo explica a doutora Simón, as propiedades da perovkista tamén veñen dadas polos metais pesados que leva: “Son os que favorecen as incribles capacidades semicondutoras tan avanzadas, máis aínda no caso dos nanocristais de perovskita, xa que a escala ‘nano’ axuda a que esta propiedade condutora sexa moi superior á doutros materiais que existían ata o momento”. O maior caso de éxito, de sobra coñecido, é a existencia das luces LED, moito máis eficientes dende o punto de vista enerxético e que, ademais, presentan unha maior intensidade luminosa.

Equipo do grupo de Inmunoloxía do CINBIO. Foto: Rosana Simón.

É aquí onde comezan os problemas, xa que os metais pesados teñen a característica de acumularse na contorna e no noso organismo causando enfermidades. Como é lóxico, isto xa se está intentando solucionar, implementando proteccións nos materiais xa dende o proceso de fabricación, mais a realidade é moito máis complicada: “A auga de chuvia e outros efectos atmosféricos poden facer que se liberen estes metais, pasando a formar parte de toda a cadea alimentaria, e é isto o que deu un pouco a voz de alarma”, lembra Simón.

Estudáronse diversas opcións para previr o problema, como recubrir as superficies da perovskita con outros materiais que impidan o contacto da auga co metal pesado. Con todo, sempre hai unha opción moito máis segura: empregar outros elementos que non sexan chumbo, como o bismuto ou o estaño. “Parece que ningún deles chega a ter aínda a capacidade semicondutora do chumbo, mais nestes intres as investigación céntranse en mellorar esas capacidades e así poder optar ao emprego dunha alternativa máis verde”, explica a investigadora do CINBIO.

O veleno vén nunha pequena dose

Co obxectivo de contribuír a esta nova liña de traballo, o grupo de Inmunoloxía decidiuse a estudar a toxicidade destas alternativas ás perovskitas tradicionais como froito dunha colaboración co grupo do doutor Lakshminarayana Polavarapu, investigador do CINBIO e especialista na síntese destes materiais. Como? Analizando o impacto do bismuto e do estaño en distintos tipos de células humanas e embrións de peixe cebra, un modelo animal moi empregado en estudos toxicolóxicos e no que teñen moita experiencia o grupo da doutora Laura Sánchez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que tamén colaborou neste traballo.

No estudo publicado en Advanced Science, o equipo do CINBIO céntrase nas células do sangue, dos pulmóns e do fígado, onde atoparon diferentes problemáticas, iso si, todas elas asociadas á toxicidade dos materiais estudados. Os resultados do traballo amosan ao mesmo tempo que o estaño podería presentar un perfil de impacto máis seguro tanto no medio ambiente como no organismo, o cal “apoiaría o seu potencial como alternativa máis respctuosa”. Pola contra, o bismuto presentou un perfil de toxicidade moi semellante ao do chumbo, de aí a recomendación dos autores e autoras a extremar as precaucións no seu emprego como substituto, e a recomendación de levar a cabo estudos toxicolóxicos mais avanzados.

A investigación centrouse tamén na toxicidade dos nanocristais de perovskita, que empregan como precursor para a súa síntese os mesmos elementos. Segundo explica Simón, a escala tamén é un compoñente importante á hora de falar de toxicidade: “Os nanocristais teñen unha capacidade moito máis grande para entrar nas células, son como pequenos cabalos de Troia”.

Mellorar a seguridade

Con todo, a investigadora fai unha chamada á tranquilidade, xa que a toxicidade é algo que depende, nunha medida moi grande, da exposición: na actualidade hai fármacos indicados para problemas dixestivos que levan unha base de bismuto o cal, segundo sinala a científica da UVigo, deixa constancia da súa compatibilidade co organismo: “O problema está nas grandes cantidades, como a xente que traballa cunha exposición moi grande ao material durante a sua fabricación, ou nos ríos ou encoros que se atopen cerca desa fábrica. Estes materiais poden entrar no noso organismo por distintas vías, como a respiratoria e a vía oral, a través da auga contaminada ou incluso da cadea alimentaria”, sinala Simón.

A importancia de traballos como os que se levan a cabo no grupo de Inmunoloxía é vital para avanzar cara a un futuro máis sostible sen deixar a un lado a seguridade. De feito, tal e como lembra Simón, a colaboración que deu froito a este estudo comezou grazas a un debate regulatorio e político que rematou nos laboratorios: “Había unha necesidade de definir a perigosidade destes metais, de igual xeito que aconteceu no pasado con outros materiais como o amianto”.

Porén, neste caso o que se procura é establecer unha marxe de seguridade moito antes de que isto afecte negativamente a saúde das persoas, tal e como aconteceu co amianto. Porque iso é o fin último da investigación científica, avanzar sen deixar a ninguén atrás.


Referencia: The Toxicity of Lead and Lead-Free Perovskite Precursors and Nanocrystals to Human Cells and Aquatic Organisms (Publicado en Advanced Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua