Da gastroenterite á varicela: guía das enfermidades que axexan as aulas

A volta ao cole abre a porta a contaxios frecuentes por mor de patóxenos contra os que se dispón de poderosas defensas

Co arranque do novo curso, volve un azoute que atormenta a pais e nais: os contaxios escolares. Grazas aos avances científicos e sanitarios, deixamos atrás os tempos en que infinidade de enfermidades infantís significaban unha grave ameaza para a vida dos pequenos. Pero moitas destas infeccións seguen poboando a xungla microbiolóxica de escolas e colexios.

Aínda que xa non adoitan ser letais, si son motivo de desvelo para os proxenitores e dalgunha visita a Urxencias a altas horas da noite. Unha das causas destas excursións ao centro de saúde son as diarreas, a miúdo acompañadas con vómitos e a conseguinte deshidratación. A orixe destas gastroenterites pode ser parasitaria, bacteriana ou vírica.

Publicidade

Un estudo do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), elaborado durante a pandemia de covid-19 en tres hospitais españois, mostra que, entre as primeiras, nos nenos pequenos son máis habituais as provocadas polos protozoos Giardia ou Cryptosporidium, mentres que as bacterias máis frecuentes son Escherichia coli e Campylobacter, típicas das intoxicacións alimentarias.

As aulas, territorio virus

Pero as aulas son territorio de virus. Entre eles, a investigación do ISCIII descobre o inimigo número un dos pequenos: “Observamos que o norovirus era o virus gastrointestinal detectado con maior frecuencia en nenos con diarrea”, conta a SINC a coautora do estudo María Dolores Fernández-García, responsable do grupo de Gastroenterites Víricas do Centro Nacional de Microbioloxía.

Publicidade

Os norovirus reciben o apelativo de “virus dos cruceiros” pola abundancia de gromos nestes barcos vacacionais, onde a estreita convivencia propicia o contaxio polas vías habituais: contacto entre persoas, superficies ou alimentos contaminados e unha hixiene privada non sempre óptima. Aínda que ás veces se etiqueta o norovirus como unha infección de adultos, en realidade estes patóxenos non entenden de idades; estudos como o do ISCIII mostran que son habitantes moi comúns nos centros escolares.

Fernández-García apunta que, xunto cos norovirus, os virus que con máis frecuencia causan gastroenterites e gromos en escolas e colexios son os sapovirus, adenovirus entéricos e astrovirus. Pero, sen dúbida, as estrelas das diarreas infantís que concentran maioritariamente a atención dos focos son outras: os rotavirus.

Rotavirus, a diarrea global

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o rotavirus é a causa máis común de enfermidade diarreica grave en bebés e nenos pequenos en todo o mundo. Aínda que investigacións como a do ISCIII suxiren que en España non é a primeira causa das gastroenterites infantís, a escala global trátase dunha ameaza enormemente seria: este virus mata cada ano a máis de 150.000 nenos menores de cinco anos, ao que hai que sumar preto de dous millóns de hospitalizacións e máis de 250 millóns de casos totais.

As mortes por rotavirus concéntranse nos países en desenvolvemento, sobre todo no África subsahariana. Pero aínda que en rexións como o nosa non sexa unha causa prevalecente de mortalidade, o rotavirus esténdese por todo o planeta; transmítese con gran facilidade pola vía fecal-oral a través do contacto entre persoas ou contaminando as superficies, polo que nas aulas atopa o hábitat perfecto para propagarse. Ademais, unha infección non evita outras posteriores, e os pequenos tamén poden contaxiar o patóxeno aos adultos.

Co propósito de coñecer con máis profundidade como son e como circulan estas infeccións infantís na nosa contorna próxima, un novo estudo dirixido por Fernández-García, membro da área de Epidemioloxía e Saúde Pública do Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER-ISCIII), indaga no perfil xenético dos rotavirus na Comunidade de Madrid e os factores asociados á hospitalización.

Vacinas salvadoras

Os resultados revelan que a diversidade xenética dos rotavirus madrileños non garda relación coa súa gravidade; é dicir, non parecen existir cepas do rotavirus máis benignas ou máis perigosas. No seu lugar, e alén da existencia de enfermidades previas que poden agravar os efectos da infección en certos pacientes, as conclusións iluminan un claro factor diferenciador entre unha infección leve que se cura na casa e outra máis alarmante que require un ingreso hospitalario: a vacina. En concreto, os datos indican que o risco de hospitalización é case catro veces maior nos nenos que non recibiron a pauta completa de vacinación.

En España existen dúas vacinas orais aprobadas contra rotavirus, dispoñibles desde 2006, pero que non se incluíron no calendario oficial de inmunizacións financiadas pola sanidade pública ata 2024. Desde entón fóronse implantando progresivamente nas comunidades autónomas.

A escala global, as vacinacións contra o rotavirus reduciron radicalmente os estragos que esta praga provoca na poboación infantil: a comezos de século as mortes anuais superaban o medio millón. Nos países desenvolvidos e “aínda que seguen producíndose infeccións, a vacinación reduciu de forma moi importante os casos máis graves, os ingresos hospitalarios e o impacto da enfermidade”, di a investigadora do ISCIII.

A microbióloga precisa que, a diferenza doutras inmunizacións como a do sarampelo, a vacinación contra o rotavirus non prevén a infección por completo, senón que “evita os cadros máis graves, as complicacións e os ingresos hospitalarios”. Así, a súa acción é máis comparable á de vacinas como a que cada ano se prepara contra a gripe e cuxo obxectivo é protexer fronte á enfermidade grave.

A ameaza da desinformación

O estudo do ISCIII confirma tamén que, a pesar de que existen considerables diferenzas xenéticas entre algunhas cepas de rotavirus circulantes e as que cobren as vacinas, ningunha destas variantes desenvolveu suficientes mutacións que lles permitan escapar da protección vacinal. Fernández-García subliña que esta vixilancia molecular que mantén o ISCIII actúa como un radar escaneando o panorama da xungla viral, coa fin de detectar precozmente calquera posible evolución dos virus que ameace con debilitar a protección das vacinas.

Para a científica do ISCIII, un éxito paradoxal da introdución das vacinas do rotavirus é que falamos menos do patóxeno, en comparanza cos tempos en que careciamos de defensas contra el.

O alivio da sensación de perigo para os proxenitores é un triunfo das campañas de inmunización contra as infeccións, incluíndo as que afectan os nenos e se contraen no ámbito educativo. Pero é esencial lembrar que non é unha vitoria definitiva: depende de que non se reduzan as taxas de vacinación.

Este temor está a facerse realidade. Nun contexto de desinformación sobre as vacinas que se intensificou por mor da pandemia de 2020, as taxas globais de vacinación infantil diminuíron ou estancáronse. En España, por fortuna, esta tendencia apenas se notou.

Pero Fernández-García insiste: as vacinas son vitais fronte a enfermidades como a varicela, a gripe, o sarampelo e a tosferina. “Manter unhas altas coberturas vacinais non só protexe a cada neno, senón que ademais axuda a reducir a circulación dos microorganismos na comunidade, protexendo especialmente aos máis vulnerables”.

A temida bronquiolite

Entre os contaxios que máis se propagan na poboación infantil cóntanse tamén os enterovirus; o máis temible deles, o da polio, está en camiño de erradicación en todo o mundo, precisamente grazas á vacinación. Pero outros representantes deste grupo viral ocasionan infeccións comúns na contorna escolar, como a enfermidade de man-pé-boca ou febre aftosa humana.

O cadro complétase cos virus respiratorios que causan gripe, rinovirus responsables do arrefriado común, coronavirus como o que nos cambiou a vida en 2020 e, non menos importante, un dos máis temidos por pais e nais con fillos de pouca idade: o virus respiratorio sincitial (VRS), coñecido por causar bronquiolite en bebés, se ben a inmensa maioría de casos produce só síntomas leves.

Fronte a todas estas criaturas que axexan ocultas entre a espesura da selva escolar, que poden facer quen envía aos seus fillos a esa pequena aventura diaria? “É verdade que non podemos evitar que os nenos entren en contacto con virus, porque convivir e relacionarse forma parte do seu desenvolvemento, pero si se poden reducir moito as posibilidades de contaxio”, sinala Fernández-García.

O que aprendemos e esquecemos

O segredo de como logralo non é realmente ningún segredo. O mencionado estudo do ISCIII sobre as gastroenterites infantís durante a pandemia de covid-19 descubriu algo que resulta tan sorprendente como o feito de que talvez o esqueceramos: as medidas preventivas que todos aprendemos e practivamos entón reduciron notablemente a incidencia de ditas infeccións cando se contaxian entre humanos, mentres que apenas se notou un descendo nas que adoitan contraerse de animais, como o parasito Cryptosporidium.

Os resultados recordan que certas medidas deberían ter quedado para sempre; e as máis eficaces son tamén as máis sinxelas, destaca a microbióloga: “Unha boa hixiene de mans, especialmente despois de ir ao baño e antes de comer, evitar que os nenos vaian ao colexio ou á escola cando teñen diarrea, vómitos ou febre, porque é cando máis facilmente poden transmitir a infección a outros compañeiroos, e manter ben ventiladas as aulas e outros espazos pechados para reducir a transmisión dos virus respiratorios.


Referencias:

  • Gastrointestinal pathogens in paediatric patients with diarrhoea during the COVID-19 pandemic in Spain: a multicentre molecular-based prospective study (Publicado en European Journal of Pediatrics)
  • Clinical and genomic surveillance of rotavirus causing acute gastroenteritis in the community of Madrid, Spain, 2021–2023: predominance of equine-like G3 strains (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Consellería de Sanidade activa o protocolo de actuación tras detectar un caso de sarampelo

A investigacion apunta a un paciente importado, sen contactos detectados ata o momento e cun risco moi baixo para a poboación xeral

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

A OMS alerta de que España xa non é un país libre de sarampelo

En 2024 confirmáronse 227 casos e en 2025 a cifra aumentou a 397, cunha alta porxentaxe de persoas non vacinadas e casos importados

Gastroenterite ou intoxicación alimentaria? Guía para identificar o teu malestar estomacal

É fácil culpar a un virus ou a unha mala alimentación se tes dor no estómago, diarrea e vómitos pero... que é o que che pasa?