A caza de baleas en Galicia ten unha ampla traxectoria. O catedrático de bioloxía da Universidade de Barcelona Àlex Aguilar vén de publicar un libro no que repasa a pegada desta actividade no norte da península ibérica. A obra chámase La huella ballenera en el norte de la península Ibérica e está ilustrada polo fotógrafo Max Aguilar. Recompila rutas, vilas, factorías e museos especializados de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco que reflicten o pasado da pesca destes cetáceos.
“A caza da balea no norte da península ten unha historia moi longa, de máis de 1.000 anos de explotación. Cando falamos desta actividade, a xente pensa en Noruega, Xapón… Pero teñen unha traxectoria máis curta que aquí”, explica Àlex Aguilar. O biólogo especialízase no estudo da balea. No 2013 publicou outro libro —Chimán: la pesca ballenera moderna en la Península Ibérica— no que abordaba a súa caza no presente. Así e todo, recoñece que non explicaba a pesca máis antiga: “Cando intentas comprender a demografía dunha poboación explotada, remótaste ao seu pasado“.
O libro consta de dúas partes: na primeira, o autor explica a historia baleeira na costa peninsular dun xeito narrativo, mentres que na segunda reúne unha cincuentena de localidades dende Vigo ás últimas vilas do País Vasco e as lindes francesas e repasa o papel das diferentes factorías e vilas pesqueiras na caza da balea.
O impacto da caza de baleas en Galicia
“O impacto da caza de baleas era bastante local pero moi importante”, apunta Aguilar. O catedrático pon como exemplo a factoría de Caneliñas, situada en Cee (A Coruña). “Cando se construíu, aquela zona estaba tremendamente deprimida: era moi pobre e tampouco había portos importantes como acontecía nas Rías Baixas. De entrada, a fábrica significou traballo; contaba cunhas 200 persoas”, indica o investigador. Explica que a construción da factoría tamén carreou unha serie de beneficios secundarios, como a creación de novos postos debido á necesidade de levar electricidade ata a fábrica. “Cando se fixo o tendido eléctrico para a factoría, os veciños das aldeas próximas tamén puideron conectarse”, engade Àlex Aguilar. Deste xeito, o negocio da caza de baleas xeraba emprego tanto para os propios traballadores do sector como, de xeito marxinal, para o resto da zona.
Houbo varias localidades resaltables no pasado baleeiro do litoral galego. “A aduana de Corcubión foi durante un tempo a que máis traballaba de toda España porque constantemente saía aceite cara a Noruega ou Inglaterra. En Santa Uxía de Ribeira, durante os anos setenta e oitenta, tiveron moita importancia as plantas conxeladoras. Ademais as baleas foron moi relevantes no porto de Bares, o Cabo Prior ou San Cibrao“, conta Àlex Aguiar.
A pegada das baleas na historia
O biólogo apunta que as pesquisas necesarias para redactar o libro servíronlle para comprobar o estado dalgunhas das edificacións históricas asociadas á caza de baleas: “Aínda que foron localidades con actividade importante nos seus comezos, os edificios daquela época eran de madeira, efémeros, e non deixaron rastro. Hai moita documentación, pero os edificios non chegaron a nós“.
Porén, si se conservan, en diferentes estados, os restos de tres factorías baleeiras galegas da idade moderna. “A factoría de Caneliñas estivo traballando durante máis de 80 anos. É a máis grande que houbo en Europa e é unha das mellor conservadas. É un conxunto de edificios en ruinas que se extende por tres hectáreas”, sinala Aguilar. O biólogo engade que a última balea cazouse en Galicia no 1985, hai catro décadas, no mesmo ano que pechou a factoría de Caneliñas, que foi, das tres galegas, a que tivo abertas as súas portas por máis tempo.
Había outra industria situada en Cangas do Morrazo, na Ría de Vigo. “É máis pequena e tivo menos percorrido, pero aínda así funcionou 35 anos. Agora está en ruínas; consérvanse ben“, explica o catedrático. Engade que a última factoría estaba no porto de Morás, ao lado de San Cibrao. “Esta traballou ata o 75, pero expropiáronlle os terreos para construír a fábrica Alúmina de Alcoa”, indica o investigador. Reclama que as dúas que aínda perviven en Galicia carecen dunha protección eficiente, polo que están suxeitas á “deterioración, o vandalismo e os lumes“, denuncia.
Àlex Aguilar afirma que a pegada das baleas aínda é perceptible noutras formas: “Ao longo do litoral hai unha serie de museos que son auténticos tesouros. Só en Galicia temos o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o Museo Massó en Bueu, o Aquarium Finisterrae da Coruña, o Museo de Historia Natural de Ferrol e o Museo do Mar de San Cibrao“.
Os produtos das baleas
O catedrático da Universidade de Barcelona indica que a pesca baleeira comezou en Galicia no século XIII. “Ata o XIX, o principal obxectivo da caza era conseguir aceite. Tiña moito valor porque se usaba para crear xabóns, sobre todo entre os séculos XIII e XIV”, conta Aguilar. O biólogo aclara que este produto non se usaba para a hixiene humana, senón que se empregaba para desengreasar a la.
“No século XIX, o aceite pasou usarse para a iluminación, porque era máis barato de producir. No século seguinte e, sobre todo, a partir de 1950, cando se introducen os sistemas de conxelado, tamén se caza pola súa carne“, explica o investigador. No pasado, non era posible transportar a carne de balea grandes distancias dado que non existía unha forma de conservala. “Antes comíase onde se pescaba, pero no momento no que hai xeo pode desprazarse ata grandes mercados“, apunta Aguilar.
A situación actual das baleas
A situación actual das baleas, recoñece o autor do libro, é un pouco agridoce. En Galicia explotáronse tres especies, cada unha co seu propio desenlace. “A balea franca (Eubalaena glacialis) foi a primeira. É un animal que vive preto da costa, de natación lenta e relativamente pacífico, polo que resultaba moi fácil de cazar“, conta Àlex Aguilar. Apunta que había outro gran motivo polo que se pescaba este animal: “Esta especie tiña unha propiedade moi importante: cando morría, o seu corpo non se afundía, senón que flotaba debido á cantidade de grasa”. Nos primeiros séculos de explotación da balea, a tecnoloxía náutica da época non permitía recuperar animais dese peso (“40 toneladas”, indica o investigador) do fondo mariño. “A especie está practicamente extinta en augas atlánticas. No lado americano aconteceu algo parecido, pero durante tanto tempo. Quedan uns 200 animais e a poboación está decrecendo e presenta moita endogamia”, explica o biólogo.
A segunda especie foi o rorcual común (Balaenoptera physalus). “Considérase que a súa abundancia en Galicia é a mesma que antes de que comezara a súa explotación a finais do século XIX”, afirma o catedrático. Engade que non é casual que a súa pesca comezara tantos anos despois que no caso da balea franca: “No século XIII pescábase en botes a remo con arpóns. No XIX xa hai barcos de vapor, máquinas para subir ao animal —que, neste caso, si se fundía ao morrer— e cañóns para lanzar os arpóns de como 80 quilos. Era unha tecnoloxía diferente”.
A terceira foi o cachalote (Physeter macrocephalus). “Ten o problema de ser moi difícil de censar, porque pasa a maior parte do seu tempo somerxido dado que se alimenta de peixes e calamares de grande profundidade. Non sabemos cal é o seu número exacto”, aclara Álex Aguilar. Explica que, por esta razón, non se pode asegurar que a súa poboación se recuperara por completo, mais, así e todo, conta que se estima que os seus números sexan abundantes.
























En Corrubedo (Ribeira) hai un lugar chamado Baleeiros (lido balieiros).