Os límites actuais da balea gris (Eschrichtius robustus) restrínxense ao Pacífico Norte, agás algúns “exemplares divagantes” que ocasionalmente chegan á costa atlántica. Con todo, houbo un tempo no que esta especie habitaba tamén o Atlántico Norte. A súa extinción nesta área datouse entre mediados do século XII e mediados do XIV, probablemente a causa da intensa actividade baleeira da época. Algúns dos últimos rexistros históricos localizáronse en San Cibrao (Lugo) e Cudillero (Asturias), segundo unha investigación de Carlos Nores, do Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio da Universidade de Oviedo (INDUROT).
Ata agora non se tiña constancia da balea gris como parte da fauna atlántica en época histórica. Porén, este estudo, que contou coa colaboración da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), identificou restos datados entre os séculos XI e XIII, que se engaden aos xa coñecidos de Xixón e Alxeciras, máis antigos.
Así, aínda que a especie máis relevante para a actividade baleeira cantábrica foi a balea vasca (Eubalaena glacialis), non constituíu a única présa dispoñible. Esta conclusión é froito da análise de 69 exemplares de balea gris, o conxunto de datacións máis completo realizado ata hoxe sobre a especie. O traballo, liderado polo investigador neerlandés Youri van den Hurk, empregou a técnica do radiocarbono (14C) para datar e calibrar estes achados.
Mostras do CEMMA
Dende o CEMMA explican que unha parte desta investigación ten a súa orixe no proxecto Galicia no lombo da balea, a través da cal recopilaron arredor de 500 mostras osteolóxicas ao longo de todo o Cantábrico, dende Galicia ata Euskadi. O obxectivo era coñecer o papel que tivo a caza antiga da balea en Galicia. “Aínda que atopabamos ósos correspondentes á caza moderna, primábamos a caza antiga”, precisan.
Estes ósos adoitan aparecer durante obras en portos, como en Estaca de Bares, Malpica ou, xa en Asturias, Cudillero. Grazas a estes achados, os investigadores poden reconstruír a actividade baleeira desenvolvida hai máis de 400 anos, entre a época medieval e o século XVI.
A partir desta ampla colección de mostras, van den Hurk entrou en contacto co CEMMA para incluír nelas o seu traballo, no marco dunha investigación de maior alcance sobre a caza antiga da balea en Europa. Así, os restos recompilados pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños serviron de base para que o investigador neerlandés puidese avanzar nun estudo específico sobre a balea gris. Este foi, en esencia, o papel do CEMMA na investigación.
Caza sobre unha poboación escasa
As hipóteses do estudo da Universidade de Oviedo apuntan a que a desaparición da balea gris das costas cantábricas estivo ligada á caza antiga, aínda que non foi o único factor determinante. “A poboación probablemente xa era moi pequena”, explica un técnico do CEMMA, debido á limitación de alimento e a outras cuestións aínda descoñecidas para os investigadores.
O modus operandi da caza antiga era selectivo: centrábanse nas baleas que se achegaban á costa, principalmente a balea gris e a balea vasca. Ambas especies acostumaban a nadar en augas pouco profundas, en baías e zonas costeiras onde se alimentaban e reproducían. Aínda hoxe, tanto no Pacífico como no Atlántico Americano, manteñen este mesmo comportamento.
Este patrón fixo a caza especialmente letal, non só para os exemplares costeiros, senón tamén para as nais con crías. “Os cazadores capturaban ao cachorro e levábano ata terra, para non ter que atrapar ás nais”, sinalan dende o CEMMA.
En consecuencia, a conclusión é que a caza antiga tivo un impacto devastador sobre unha poboación xa reducida de baleas cincentas establecida no Golfo de Biscaia, o que acelerou a súa extinción nesta área.
Evidencias de balea gris
Durante os tempos da caza antiga, os baleeiros empregaban termos para designar as especies que hoxe resultan enigmáticos para o CEMMA: balea, cabrote, cerea… Esta diferenza de nomes débese á fractura de coñecemento entre os cazadores tradicionais e os naturalistas do século XIX. “É posible que algún destes nomes se referise á balea cincenta, pero non o sabemos”, explican dende a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.
Neste contexto, a análise dos restos osteolóxicos convértese no único testemuño seguro da presenza da balea gris na costa cantábrica. As técnicas modernas permiten determinar a que especie pertencen e avaliar se foron cazadas nalgún momento, aínda que non poden precisar con exactitude cando ocorreu.
“Non todos os restos están datados”, advirten dende o CEMMA, lembrando que o volume de mostras é moi amplo, pero non todas foron aínda sometidas a análise. Por este motivo, a presenza da balea gris está confirmada, mais seguen abertas moitas incógnitas sobre a súa historia na zona.
As particularidades dos exemplares de San Cibrao
“San Cibrao é unha vila construída enriba das baleas”, sinalan dende o CEMMA, para describir un lugar estreitamente ligado durante séculos á caza desta especie. A veciñanza conservou sempre restos óseos procedentes da caza baleeira antiga.
De feito, investigadores do CEMMA recolleron testemuños de veciños que lembraban como, a comezos do século XX, os valos das leiras se facían con vértebras de balea. Hoxe esa práctica desapareceu, pero en San Cibrao era habitual empregar pezas óseas de cetáceo na vida cotiá.
Esta pegada histórica reflíctese tamén no Museo Provincial do Mar, situado na vila, que garda unha das mellores coleccións de balea vasca de toda Europa. Nun espazo pequeno e modesto, o museo amosa a relevancia que tiveron as baleas para a economía galega e para a memoria cultural da comundiade.
Que supuxo a desaparición da balea gris?
A desaparición dunha especie nun ecosistema sempre provoca desequilibrios. Porén, os investigadores recoñecen que aínda non coñecen con precisión como era o ecosistema das baleas que habitaban este territorio antes do século XIX, momento no que os naturalistas comezaron a documentar a explotación mariña e os seus recursos.
Dende o CEMMA subliñan que o medio daquela época debía de ser moi distinto ao actual, “sobre todo polos diversos cambios oceanógrafícos e climatolóxicos” que, segundo se supón, estiveron tamén detrás da desaparición das baleas vascas no norte do Cantábrico. Estes cambios, producidos entre a Idade Media e o século XVII, alteraron os hábitats mariños e fixeron que as especies se desprazasen cara a outras zonas de establecemento.
Neste sentido, o CEMMA matiza unha idea moi estendida: “A afirmación de que vascos, cántabros e galegos extinguiron as baleas no norte cantábrico e marcharon cazalas a Terranova é falsa”. A organización explica que, se ben a caza tivo un impacto negativo nas poboacións, non foi a súa causa directa de desaparición. O factor determinante foron os cambios no océano, que modificaron as condicións ambientais necesarias para a presenza da especie.
Volverá a balea gris?
A pregunta é inevitable: existe a posibilidade de que as baleas grises regresen algunha vez ás augas cántabras e atlánticas? Dende o CEMMA responden con rotundidade: “Neste momento as baleas grises están desaparecidas Atlántico”. Para que puidesen volver, serían necesarios profundos cambios que reequilibrasen numerosos factores ambientais. Mesmo as poboacións do Pacífico, onde a especie aínda subsiste, atravesan unha situación crítica.
Con todo, tratándose de cetáceos, nada pode considerarse imposible: o seu verdadeiro fogar son os océanos de todo o planeta. Aínda hoxe se rexistran casos de “exemplares divagantes” que chegan a outras latitudes en busca de novos recursos. Se as condicións lles resultan desfavorables, acaban por morrer; pero se atopan un medio propicio, poden mesmo atraer a outros individuos da especie.














