Que son as CAR-T, as terapias que ofrecen unha esperanza a 250 galegos

O innovador tratamento modifica xeneticamente os linfocitos T e os devolve ao corpo de forma que poidan loitar contra varios tipos de cancro e enfermidades raras

As terapias CAR-T están cada vez máis presentes no sistema de saúde. O pasado luns, a Xunta anunciou un investimento de 100 millóns de euros coa intención de axudar a máis de 250 galegos con mielomas múltiples que resistan outras terapias. É un tratamento recente e innovador, que pode servir para numerosos tipos de cáncer. Tamén é a conclusión da historia dun home que intentou curar á súa muller, vítima dun cancro de ovarios e que, agora, pode salvar a miles de persoas en todo o mundo.

Denomínase CAR-T a un tipo de terapia personalizada na que se modifican os linfocitos T. É dicir, extráense eses linfocitos, modifícanse xeneticamente e logo devóvense ao corpo. Os linfocitos T son glóbulos brancos claves na protección do corpo en infeccións e, especialmente, no caso dos cancros.

Publicidade

A experiencia do paciente

Para o paciente, é unha esperanza poder acudir a este tipo de tratamentos que, ademais, non son tan invasivos. Tras os estudos correspondentes, a persoa tratada debe realizar unha aférese: recollen o sangue para extraer as células T e a devolven ao corpo. Este proceso pode durar máis de dúas horas. Tras isto, envían estas ao laboratorio para poder realizar a súa modificación e o seu cultivo, para que se multipliquen.

O paciente recibe, en ocasións, terapias ponte. Ademais, é preciso unha sesión de quimioterapia de acondicionamento antes de introducir as células CAR-T. O paciente pode, tras o tratamento, ter algúns efectos secundarios como mareo, dores de cabeza e outros síntomas máis fortes pero polo xeral a súa aplicación resulta nunha recuperación parcial ou total.

Publicidade

Unha terapia personalizada

A tecnoloxía é moi efectiva porque está moi personalizada. Malia que é un tratamento caro de realizar de momento, é un efectivo recurso para aquelas persoas que xa esgotaron outras opcións. As terapias CAR-T seguen en investigación activa porque máis aló dos pacientes que xa están a ser curados, supón unha porta aberta a novos tratamentos. E é que aínda non funcionan ben para todos os tipos de cancro. As terapias CAR-T son máis efectivas no caso dos chamados cancros de sangue: leucemias, linfomas e mielomas como o máis común: o múltiple.

Aínda non existen terapias deste tipo aplicadas para tumores sólidos. É algo que están tamén a investigar, por exemplo, desde o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). Por iso, as terapias CAR-T aínda poden ofrecer máis oportunidades de cura para moitos outros tipos de cancro.

A historia das CAR-T

Carl H. June é o inmunólogo e oncólogo detrás deste descubrimento, aínda que as primeiras investigacións veñen de máis atrás. Nos anos oitenta comezouse a estudar a posibilidade de utilizar os linfocitos T. Porén, June foi decisivo nos avances neste eido.

O inmunólogo estaba centrado na loita contra o sida ata que, en 1996, a súa muller foi diagnosticada cun cancro de ovario. Desde ese momento, intentou desenvolver vías para que fose o propio sistema inmune o que loitase contra a enfermidade. En 2001, a pesar dos seus primeiros avances, ela faleceu.

June seguiu traballando no campo das terapias CAR-T durante varios anos, no que progresou con diferentes avances. En 2012, conseguiu por primeira vez administrar o tratamento. Foi a unha nena de apenas sete anos que logrou sobrevivir grazas a este. Tras máis dunha década de probas xa son miles os beneficiados destas terapias e con usos diferentes. Por exemplo, unha terapia CAR-T salvou en maio a unha nena cunha dermatomiosite anti-MD5, unha enfermidade rara cunha taxa de mortalidade de ata o 66%. E, de momento 138 galegos xa foron tratados. Unha oportunidade que da esperanza a moitos máis que, quizais algún día, tamén se poderán sumar a eles.

1 comentario

  1. Cal é a vida media deses linfocitos T transferidos? Se non hai modificación xenética das células nai dos linfocitos, situadas a nivel da médula ósea, haberá que facer novas transfusións cada certo tempo. Canto? En que fase/s do ciclo vital dos linfocitos actúan eses procesos innovadores?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos