Publicidade
Mércores 21 Maio 2025
Publicidade

Avance con acento galego no tratamento para persoas con linfomas refractarios

Un estudo liderado polo galego Javier Briones abre unha xanela de esperanza para pacientes con doenzas con limitadas opcións terapéuticas

Un estudo liderado polo galego Javier Briones logra bos resultados nun posible tratamento para pacientes con linfoma CD30+ refractario. É o caso, por exemplo, do linfoma de Hodking. No ensaio clínico de fase 1, os investigadores lograron obter unha alta eficacia co tratamento con células CAR-T.

O linfoma de Hodgkin e outros linfomas CD30+ representaron todo un reto para a comunidade médica, especialmente nos casos refractarios ou en recaída. Aí, os tratamentos convencionais mostraron ata o de agora unha eficacia limitada.

Publicidade

Recentemente, as terapias con células CAR-T xurdiron como unha alternativa prometedora no tratamento de neoplasias hematolóxicas, logrando resultados moi positivos en leucemias e linfomas de células B. Con todo, a súa aplicación en linfomas CD30+ estivo limitada pola falta de persistencia das células modificadas e á rápida recaída dos pacientes. Tamén cabe destacar o excepcionalmente baixo número de ensaios clínicos neste contexto, o que limitou o desenvolvemento de novas solucións.

O estudo foi testado en dez pacientes con resultados moi positivos. “O máis sorprendente é que a taxa de resposta global foi do 100%”, di o doutor Javier Briones, director do Grupo de Investigación en Hematoloxía Oncolóxica e Transplante do IR Sant Pau. Isto, asegura, é algo moi pouco común en pacientes que pasaron por múltiples liñas de tratamento. Ademais, o 50% conseguiron unha remisión completa segundo os estudos de imaxe e análises clínicos.

Publicidade

Baixo grao de recaída

O 60% dos pacientes que lograron unha resposta completa mantiñan a remisión sen signos de recaída despois dun seguimento medio de trinta e catro meses. “Isto é crucial”, explica Briones, “porque nos indica que a persistencia das células CAR-T no organismo ten un impacto real e sostido sobre a enfermidade, algo que buscamos neste tipo de terapias”.

Desde o punto de vista da seguridade, o tratamento mostrou un perfil favorable, sen que se detectasen toxicidades que limitasen a dose. Seis pacientes amosaron síndrome de liberación de citocinas (CRS) de grao 1 e ningún desenvolveu neurotoxicidade. Así, os efectos adversos observados foron leves e manexables, o que reforza a viabilidade desta terapia para a súa aplicación clínica.

Futuro prometedor

Os resultados do estudo abren unha xanela prometedora para os pacientes con linfoma de Hodkin refractario. O obxectivo é agora ampliar os traballos para determinar se a estratexia funciona a longo prazo, o que podería supor “un cambio de paradigma” no tratamento deste tipo de doenzas, que na actualidade carece de poucas opcións terapéuticas viables.

Polo momento, o ensaio fíxose en 32 pacientes que foron tratados con HSP-CAR30. Agora ampliarase a outros dez adicionais para, como explica a doutora Ana Caballero, reforzar a solidez dos resultados obtidos ata hoxe e fixar unha base máis sólida no desenvolvemento da terapia innovadora.

“O feito de que máis do 55% dos pacientes acadaran unha remisión completa na fase II anímanos a continuar adiante. Estes resultados son moi esperanzadores para unha poboación con opcións terapéuticas limitadas”, afirmou a investigadora do proxecto.


Referencia: HSP-CAR30 with a high proportion of less-differentiated T cells promotes durable responses in refractory CD30+ lymphoma (Publicado en Blood).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un macroestudo vincula o herpes labial cunha maior probabilidade de desenvolver alzhéimer

Os expertos descoñecen as causas aínda que se recoñece a efectividade de tratamentos e vacinas para reducir as posibilidades de afectación

Por que os virus e as bacterias poden contribuír ao cancro?

A relación entre doenzas oncolóxicas e infeccións fai aínda máis necesario aumentar e mellorar os recursos en poboacións de alto risco

Así é o cancro de próstata con metástase nos ósos de Biden: síntomas dun tumor sen cura

Galicia notificou en 2022, último ano do que se teñen datos, máis de 2.400 casos da enfermidade que padece o expresidente dos Estados Unidos

A gran migración humana que percorreu boa parte do mundo

Un estudo da xenética de diversas etnias descobre que unha poboación de América do Sur foi desde África cruzando polo leste de Asia