A nova Unidade Mixta SunRock-USC Biopharma presentouse este xoves no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, unha iniciativa que ten como obxectivo acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas deron a coñecer os seus obxectivos e o plan de traballo a medio prazo. Coordinada pola profesora Mabel Loza, directora científica do CiMUS, achegará os seus programas, a súa experiencia en anticorpos terapéuticos e a súa orientación ao partnering internacional.
O programa reúne a tres grupos de investigación do centro: a plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do ERIC EU-OPENSCREEN liderada por Loza; o Grupo Ciclo Celular e Oncoloxía que dirixe Anxo Vidal dedicado á identificación e validación de novas estratexias terapéuticas en cancro; e o Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, dirixido por Pablo Aguiar, que achega experiencia no estudo da biodistribución e a farmacocinética de fármacos mediante técnicas avanzadas de imaxe molecular e radiomarcaxe. Estas capacidades compleméntanse coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), unha infraestrutura singular da USC con capacidades científico-técnicas no uso de modelos animais e investigación preclínica únicas en todo o noroeste peninsular.
O proxecto centrarase no avance de novas aproximacións terapéuticas baseadas en anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo fármaco (ADCs), con especial foco en dianas como CCR9 e HER3. Estes programas constitúen o núcleo tecnolóxico e reflicten a aposta por terapias biolóxicas de alta diferenciación, con aplicacións potenciais en cancro e enfermidades inflamatorias inmunomediadas.
Da ciencia académica ao activo licenciable
O obxectivo da Unidade é acelerar o proceso de validación inicial dos fármacos para acurtar o tempo en que as novas opcións terapéuticas están dispoñibles para os pacientes. En termos industriais, o obxectivo é xerar paquetes de evidencia preclínica que permitan a SunRock priorizar candidatos, reducir incerteza técnica e abrir conversas de licencia en condicións máis sólidas. A Unidade Mixta articúlase así baixo un modelo de innovación aberta orientado a transformar coñecemento científico en activos con potencial de desenvolvemento industrial.
No acto de presentación, a vicerreitora Almudena Hospido destacou que “a incorporación desta Unidad Mixta á USC ten un significado especial porque sitúa a saúde, a biomedicina e a medicina de precisión entre os grandes ámbitos de colaboración estratéxica entre universidade e empresa en Galicia”. Ademais, engade que “reforza un ecosistema biomédico único aquí, en Compostela, que xa é unha referencia científica, pero que aspira tamén a converterse nun referente en innovación e desenvolvemento tecnolóxico”. Por outra banda, Mabel Loza destaca que a creación como resposta á necesidade de modelos colaborativos que acurten a distancia entre investigación básica e aplicación clínica. En particular, resalta que “a combinación de capacidades académicas e empresariais permitirá optimizar recursos, mellorar a calidade dos datos xerados e aumentar a probabilidade de éxito en fases temperás do desenvolvemento”.















