Mabel Loza: “O plan de biotecnoloxía aplicada á saúde sitúanos á vangarda europea”

A catedrática de Farmacoloxía da USC presenta un proxecto para avanzar no prognóstico personalizado das enfermidades

Mabel Loza é catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde ademais é a líder do grupo de investigación BioFarma. Agora presenta un Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde que busca avanzar nos prognósticos personalizados das enfermidades para mellorar a saúde dos e das pacientes.

Para unha persoa que nos lea e non o saiba, que é a biotecnoloxía aplicada á saúde? 

Publicidade

—A biotecnoloxía o que permite é aplicar todos os descubrimentos no ámbito do coñecemento da bioloxía e a tecnoloxía, que son enormes, ao ámbito da saúde. É dicir, normalmente isto aplícase a robots ou teléfonos. Deste xeito, esa mesma diferenza que pode haber entre un móbil dos iniciais, que servían para pouco máis que chamar, e os smartphones, que permiten facer moitas cousas máis; iso mesmo é que pode achegar a biotecnoloxía á saúde. Recóllese todo ese coñecemento, digamos tecnolóxico pero baseado no coñecemento dos organismos celulares, humanos e animais, e úsase para que poidamos facer fármacos máis rápido, mellores e personalizados. Fíxate, por exemplo, no xenoma humano, en toda a información que nos proporciona ese código da vida, por dicilo dalgún xeito, o libro onde está escrito todo. Se podemos aplicar toda esa información ás enfermidades, a identificalas e ver despois como se poden tratar dunha maneira personalizada, iso permitiría curar ou mellorar o dano da enfermidade, pero sen producir ou producindo moi poucas reaccións adversas.

A biotecnoloxía aplicada á saúde permítenos facer mellores fármacos, máis rápido e personalizados

Todo isto só é posible coa biotecnoloxía e a intelixencia artificial. Todo ese mundo que está explotando agora, por dicilo así. E iso hai que aproveitalo. E Galicia está moi ben situada para isto, tanto pola súa capacidade científica, como polas súas empresas, que son en xeral pequenas, pero teñen moita competencia en biotecnoloxía. Hai que potenciar iso. E iso é o que quere facer o Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde en Galicia.

Publicidade

Un plan que precisamente presentades nas xornadas deste venres. Podes explicar en que consiste?

—En primeiro lugar, antes de contestar, gustaríame agradecervos o interese. Para nós é moi importante a visibilidade porque estes son fondos públicos e é fundamental dar acollida a este plan e que o transmitades a través do xornal.

Dito isto, o Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á saúde forma parte do PERTE Saúde de Vangarda. Este é un dos PERTEs que dan cos fondos MRR pospandémicos (Mecanismos de Recuperación e Resiliencia), que se deron para mellorar o estado de moitas cousas, pero este era, en xeral, para a saúde da poboación. É un plan que forma parte das liñas transversais de colaboración territorial —somos sete comunidades autónomas— e está financiado en parte polas comunidades, e en parte polo goberno central. Galicia foi escollida xa no primeiro ano (2021), sen financiamento, por un tema de reparto de plans, pero no seguinte ano xa conseguimos que fose financiado.

Do Plan Complementario de Biotecnoloxía en Galicia forman parte sete institucións —basicamente as que xa estaban cando o pedimos no ano 2021 e que non son empresas ningunha. Non era para empresas ata agora— que teñen como finalidade principal a investigación no ámbito da biotecnoloxía. Trátase, no caso de Galicia, de tres universidades, tres institutos de investigación sanitaria e contan coa coordinación da Fundación Kaertor. Esta estrutura para min é un fito moi importante, porque son receptoras do plan todas as institucións e, polo tanto, son socias de primeira liña. Isto permite que se creen vías de comunicación directas entre territorios e o Goberno do Estado. E non hai distintos niveis de colaboración, senón que todas as institucións imos a unha. Fíxate que, para conseguilo, tiveron que asinarse 14 convenios porque cada institución tivo que asinar dous: un para fondos MRR e outro para fondos propios de Galicia. Levou moito tempo.

Que papel ten a Fundación Kaertor?

—A Fundación Kaertor ten como finalidade a transferencia da ciencia do descubrimento de fármacos. Kaertor propiamente non recibe financiamento para os seus proxectos, senón que coordina o Plan Complementario para orientar os proxectos cara a saúde e o descubrimento de fármacos.

Entendo que esta colaboración entre territorios é importante para a investigación que levades ao cabo.

—Claro. É que agora imos todos a unha, algo que é moi importante para que todas as institucións se sintan parte. Ademais, esperamos que isto continúe e, deste xeito, xa temos establecidas as canles de comunicación para transmitir os fondos directamente. Por outra banda, o Plan Complementario de Biotecnoloxía pretende crear unha gran plataforma de tecnoloxía no Estado, tamén por conexión entre terrritorios —entre as sete comunidades autónomas—, e que eleven o nivel. É dicir, que non sexa un cambio que implique máis produción, senón tamén cualitativo. Que nos permita superar barreiras que non superáramos antes.

Da unión entre universidades e hosptais, os candidatos a novos fármacos aparecen máis rápido

Así, desde hai máis dun ano, todas estas institucións fixemos un traballo de aflorar todas as nosas capacidades e coñecementos, e compartímolos. Estabamos moi fragmentados e agora o que hai que facer é ‘desfragmentar’ ou cohesionar. E iso tamén nos permitiu que estean todos os integrantes das seis liñas de actuación, por cada unha das institucións, comunicándose entre si. Este aflorar continuo está sendo moi rico e descubrimos cousas que están facendo os nosos veciños que nós non, e viceversa. Pero non hai só que quedarse no feito de identificar isto, senón que nós estamos á vez executando 15 proxectos de colaboración, de cohesión. Para iso ten que unirse polo menos unha institución universitaria, unha hospitalaria, e despois ter tamén unha conexión con algunha outra comunidade autónoma que forma parte da acción complementaria. Dese xeito, se te fixas, é como se tecésemos unha especie de malla pola que se pode comunicar mellor o que se fai, e sobre todo darlle valor coas inercias.

E claro, desa unión entre universidades e hospitais, os candidatos a novos fármacos aparecen máis rápido. E aproveitamos tamén as plataformas que temos para aceleralos despois.

E isto que supón para Galicia?

—O plan de biotecnoloxía aplicada á saúde de galicia sitúanos á vangarda da biotecnoloxía, española e europea. Porque, por outra parte, nesta gran plataforma española tamén estamos conectados con Europa e cada vez tecemos máis esa colaboración. Quédanos para a seguinte volta tamén a conexión industrial, porque isto de momento é ciencia do ámbito público e do ámbito sen ánimo de lucro. Pero agora quedan as empresas. Iso sería para o seguinte paso do plan complementario, que tamén vén co PERTE de saúde de vangarda. Con todo, nós temos tamén un consello de empresas, que aquí en Galicia coordina Zendal, e tamén está presente no Plan Complementario de España, que está coordinado desde Cataluña. Entón iso, o seguinte paso é incorporar as empresas e entón xa o unes todo. Todos os elos da cadea.

Falou da intención do plan de desenvolver ferramentas para prognosticar de xeito máis personalizado. Pode resumir un pouco as liñas principais en relación a isto?

—A primeira das liñas é como unha criomicroscopía súper avanzada que podemos utilizar todas las comunidades autónomas, que nos permite un mellor diagnóstico e tamén unha mellor definición das características moleculares e celulares que están afectadas na enfermidade. A continuación están os datos, porque realmente hai moitos datos. Están os datos que veñen dos pacientes, os que veñen dos ensaios clínicos, os que veñen dos ensaios experimentais que facemos cos novos fármacos… Entón, tratar de aliñar todos eses datos coa intelixencia artificial, entender o que significan e predecir, tamén, é moi importante. Todo isto pode axudar a predicir o risco de enfermidade e un diagnóstico a tempo para evitar a enfermidade. Deste xeito, trátase de como utilizar toda a intelixencia artifical dispoñible, pero aplicada aos datos de biomedicina e biotecnoloxía.

Buscamos desenvolver novos modelos e utilizar menos os animais

Está tamén a liña de actuación 3, que coordino eu para todo o Estado, que é a de screening de fármacos. Isto consiste en que, xa unha vez con todos eses datos e todo o coñecemento, empezar a encontrar novas moléculas que poidan curar. A liña de actuación 4 son os novos modelos, porque cada vez se tende máis a non utilizar modelos animais en investigación. Polo tanto, desenvolver novos modelos que predigan a enfermidade dunha forma, como dicimos, traslacional. Que se identifique máis coa enfermidade real do paciente e utilizando o menos posible animais. A liña de actuación 5 son os  línea de actuación 5 son los nanofármacos, todo o que é a nanotecnoloxía e a súa aplicación aos fármacos. E, por último, a liña de actuación 6 que é toda esa parte da cirurxía minimamente invasiva. Todas estas marabillas que permiten operar un pulmón, por exemplo, desde uha pequena incisión. Algo que require robots e moitísimo coñecemento. E tamén as terapias que chamamos avanzadas: a terapia xénica, la terapia inmunitaria… todo isto tamén forma parte desa liña de actuación 6.

Como pode servir todo isto para previr e diagnosticar? Pois unindo o valor que sae da intelixencia artifical aplicada aos datos, co coñecemento doutras liñas experimentais. O que intentamos é desenvolver marcadores da enfermidade para que acompañen, estratifiquen e seleccionen aqueles pacientes nos cales ese medicamento vai funcionar e, ao mesmo tempo, sen producir reaccións adversas. E tamén identificar poboacións de pacientes que poden ter reaccións graves ante determinados medicamentos. Ese é o gran obxectivo da medicina personalizada.

Por que pensas que hai que moverse cara a unha medicina como esta?

—Para ter unha mellor saúde. Se en primeiro lugar se pode prever, entendendo o risco e levando ao cabo actuacións para evitar que se desencadee a enfermidade, iso sempre é o mellor. É como as vacinas. É dicir, o mellor para calquera enfermidade vírica, se hai unha vacina, é poñer a vacina para non tela. Isto é semellante. Ao previr e ter mellor coñecemento de cal é o risco da poboación, sabes que actuacións concretas hai que facer e en que persoas para que non enfermen. E se enferman, hai que ter en conta que as enfermidades son heteroxéneas.

Un dos grandes tesouros que temos en España é a sanidade pública

É como a febre, hai moitos motivos distintos para tela. Por iso, o lóxico é entender que grupos de poboación teñen febre por causa bacteriana tes que tratalos co medicamento axeitado para esa causa; pero os que a teñen por un traumatismo, non hai que darlles ningún antibiótico. Sabendo isto, podes tratar ás persoas co medicamento axeitado. Nós o que buscamos é separar, o que nós dicimos estratificar, aos grupos de pacientes que teñen características comúns da enfermidade, para tratalos segundo esas características. Porque así pódelos curar mellor.

E para isto, fai falta unha sanidade pública forte, non? 

—Un dos grandes tesouros que temos en España é a sanidade pública. Realmente é a base de que sexamos agora o primeiro país a nivel europeo en ensaios clínicos. Estabamos na cola e agora estamos na cabeza. Os pacientes españois, en moi boa parte, proban os novos medicamentos. E despois, moitos profesionais sanitarios, e de todo tipo —porque son equipos interdisciplinares— son grandes expertos mundiais en ensaios clínicos, e hai moitos postos de traballo. Pero todo eso ten unha base, que é a sanidade pública, o bo funcionamento do hospitais e a atención primaria para facer estes ensaios clínicos.

Para rematar, dentro dos asuntos que ides tratar neste plan, é a creación dunha quimoteca pública, podes comentar sobre isto?

—Ata agora faleiche dos ensaios clínicos, que é cando os fármacos están avanzados e foron aprobados polas axencias regulatorias, porque se considera que xa hai elementos suficientes que amosan que estes novos candidatos a fármacos van ser máis seguros e eficaces que os fármacos actuais. Pero, para chegar a un ensaio clínico, fai falta investigación preclínica. E, en investigación preclínica orientada a fármacos, o certo é que non estamos tan ben como en ensaios clínicos. Aínda que si temos outro elemento forte no que apoiarnos, que é a boa ciencia no ámbito da biomedicina e a biotecnoloxía. A boa ciencia se que se fai en España, pero que despois non se aplica. Fíxate que ocupamos a novena ou décima posición na cabeza a nivel mundial de indicadores bibliométricos, é dicir, de publicacións, etc., da ciencia. Porén, estamos como de terceiros pola cola en cuanto a aplicación desa ciencia na sociedade. Que é o que realmente buscamos.

Estamos de terceiros pola cola na aplicación da ciencia á sociedade

Por iso, unha das cousas que queremos facer é crear estas redes para unir compostos químicos, e tamén de orixe natural, que están nas universidades españolas, que producen os grupos que traballan en química en España, e que non se xuntaron en condicións de pureza e nas condicións axeitadas. E que non se probaron, senón que están nos andeis dos laboratorios e poden representar inicios de curacións en enfermidades para as que agora mesmo non temos curación. Entón, o que queremos dentro desa estrutura que se está creando de rede no Estado, tanto do Plan Complementario de Biotecnoloxía como o que chamamos open screen, é empezar a xerar isto.

Xa temos unhas experiencias piloto de como podemos reunir compostos que veñan do ámbito da química, telos purificados en condicións de conservación axeitadas. Ben mantidos, caracterizados e clasificados, para despois ensaialos cando xorden novos mecanismos para a enfermidade para os que non temos compostos, digamos, polos que empezar. Probar eses compostos que están perdidos pola xeografía española. Algo que parece moi lóxico porque xa están feitos. Polo tanto, é meter un novo arsenal de futuros posibles fármacos, poñelos de algunha maneira en circulación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC e ABAC Therapeutics únense para loitar contra a resistencia aos antibióticos

As bacterias multirresistentes causan 39.000 mortes ao ano en Europa e a OMS estima que en 2050 serán a principal causa de mortalidade no mundo

A USC lidera un consorcio europeo para buscar novos fármacos contra o cancro

O proxecto, que coordina Aswin Woodhoo dende o CiMUS, tamén desenvolverá terapias contra outras enfermidades intratables

“O novo fármaco galego podería funcionar para todos os coronavirus”

Investigadores de Santiago e Cataluña ensaian un medicamento que parece diminuír a carga viral e reducir o número de ingresos hospitalarios e de UCI

Un equipo da USC deseña unha nova estratexia de inmunoterapia contra o cancro

O estudo abre unha nova vía para reactivar o sistema inmunitario e devolverlle a súa efectividade na loita contra os tumores