BioFarma, Alén Space e Neutron Insights reciben os Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Representantes institucionais, académicos e empresariais asistiron ao acto de entrega dos galardóns, que se celebrou en Santiago

O grupo BioFarma e as empresas Alén Space e Neutron Insights recibiron este xoves nun acto celebrado no Pazo de San Roque de Santiago os galardóns correspondentes á VIII edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off, que distinguen cada ano as empresas e grupos de investigación galegos máis innovadores. Ao evento asistiron diversas autoridades institucionais e académicas entre as que se atopaba o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Santiago, Manuel César Vila; e a vicerreitora da Universidade de Vigo (UVigo), Mónica Valderrama. 

Na súa intervención, que pechou o acto de entrega dos premios, o conselleiro destacou especialmente a calidade do traballo dos premiados nesta edición. Lembrou que detrás de todos os avances da humanidade está o coñecemento, como o que representan os premiados nesta oitava edición. “Atopámonos nun momento clave en moitos terreos como o da intelixencia artificial e a biotecnoloxía, e somos nós os que temos que decidir se nos subimos a ese tren ou non”, engadiu. 

Publicidade

Laura Filloy, presentadora do acto e xornalista do portal GCiencia, reivindicou a importancia da divulgación científica porque “o que non se entende non se valora. O que non é valorado é complicado que obteña o financiamento necesario para que as investigacións científicas saian adiante”. 

Descubrimento de 15 novas entidades químicas

Mabel Loza, coordinadora de BioFarma, foi a encargada de recoller o galardón ao mellor Grupo de Investigación, acompañada pola catedrática emérita e fundadora do grupo, Maribel Cadavid. BioFarma conta cunha traxectoria de máis de dúas décadas nas que participou na investigación de 15 novas entidades químicas que chegaron a ensaios clínicos. O xurado valorou especialmente o feito de tratarse dun grupo dirixido por unha muller.

Publicidade

Loza apuntou na súa intervención que Galicia conta actualmente cun ecosistema para a investigación e a innovación que permite desenvolver proxectos como os que pon en marcha o grupo BioFarma no terreo da investigación farmacolóxica. Lembrou tamén que o grupo naceu con catro investigadores e hoxe en día conta con máis de 40, o que supón un avance moi importante e que permite desenvolver diversos proxectos en colaboración con outros axentes dos sistemas galego, estatal e internacional de investigación. 

De esquerda a dereita: Mabel Loza e Maribel Cadavid, coordinadora e fundadora do grupo BioFarma, respectivamente; Aarón Nercellas, socio fundador de Alén Space; e Pablo Cabanelas, cofundador de Neutron Insights.

De sete a 80 empregados

O premio Selo de Calidade á empresa cunha traxectoria máis destacada no campo da innovación foi para Alén Space, spin-off xurdida na UVigo. O xurado valorou especialmente a súa traxectoria de máis de 15 anos xunto ao Grupo Aeroespacial da mesma universidade, que a levou a contar cun importante mercado internacional no campo dos satélites de pequeno tamaño. 

Un dos seus fundadores, Aarón Nercellas recolleu o galardón e explicou na súa intervención que a empresa tivo un crecemento moi importante nos últimos anos: pasou de contar con apenas sete empregados a máis de 80 na actualidade. “Polo de agora non hai un galego na lúa pero se nos dades tempo poñerémolo”, sinalou no peche do seu discurso. 

Tecnoloxía innovadora no uso dos neutróns

Finalmente, na categoría de Idea Emerxente tamén foi premiada a empresa spin-off do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago e da Xunta, Neutron Insights. Trátase dunha compañía nova que está a desenvolver unha tecnoloxía innovadora —o uso de neutróns— para superar as limitación das radiografías convencionais no terreo industrial, co obxectivo de producir un novo dispositivo capaz de penetrar en materiais densos. 

Pablo Cabanelas, cofundador da compañía, animou os investigadores universitarios a non ter medo a saír do mundo académico e poñer en marcha proxectos empresariais que fagan realidade as súas ideas. “O noso traballo como científicos é xerar coñecemento pero tamén transmitilo”, engadiu. 

  • Aarón Nercellas, socio fundador de Alén Space, empresa gañadora dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off na categoría Selo de Calidade.
  • Pablo Cabanelas, cofundador de Neutron Insights, empresa gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off
  • Mabel Loza e Maribel Cadavid, do grupo BioFarma, gañador na categoría Grupo de Investigación dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off

A directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez, unha das entidades patrocinadoras do certame, agradeceu o traballo na sombra que realizan moitos investigadores e destacou a vontade da súa entidade de axudar as empresas innovadoras a desenvolver os seus proxectos e xerar emprego de calidade.  

Os premios entregados consisten nunhas pezas artesanais deseñadas en exclusiva polo artista coñecido como Sátrapa, residente en Santiago. O aspecto innovador das pezas reflicte perfectamente o espíritu destes galardóns que xa cumpriron oito edicións. 

Premios creados en 2015

O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off estivo composto nesta edición pola investigadora da Universidade de Caen Alicia Bruzos —premiada esta mesma semana co galardón L’Oreal-Unesco en Francia—; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; polo director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; polo presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, Luciano Fariña; e polo director de GCiencia, Pablo López. 

Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen dende o ano 2015 as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Mestrelab, Hifas da Terra, All Genetics, Saega, o grupo SING da UVigo e o Laboratorio de Bases de Datos da UDC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alén Space, os satélites con ADN galego que conquistan o espazo

A empresa gañadora do Selo de Calidade nos Premios GCiencia Galicia Spin-Off segue a medrar cun proxecto incubado na UVigo

Alén Space, BioFarma e Neutron Insights, gañadores dos Premios GCiencia 2024

Os galardóns ás mellores spin-offs e grupo de investigación de Galicia, que este ano fan a súa oitava edición, entregaranse o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Os pioneiros (vigueses) do Novo Espazo

Alén Space quere facer accesible o firmamento a todos os proxectos que melloren as nosas vidas con satélites que non superan os dez quilos