A oitava edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off xa elixiu gañadores. As empresas Alén Space e Neutron Insights resultaron escollidas nas categorías de Selo de Calidade e Idea Emerxente, en tanto que na de grupo de investigación o recoñecemento vai para BioFarma, da USC. Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago.
Na categoría Selo de Calidade, que premia as iniciativas empresariais cunha traxectoria destacada na aposta pola innovación e a investigación, o premio foi para a empresa Alén Space, unha spin-off da UVigo xurdida no seo do Agrupación Aéreo-espacial desa universidade. O xurado valorou especialmente a traxectoria de máis de 15 anos de Alén Space no campo da enxeñería aéreo-espacial, que a levou a contar cun importante mercado internacional no terreo do deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e tamén o feito de que a empresa soubo facerse un oco nun mercado altamente competitivo, marcado pola innovación e a investigación constante.
No apartado de Idea Emerxente, que premia as empresas ou iniciativas innovadoras desenvolvidas nos dous últimos anos, a gañadora foi a spin-off da USC Neutron Insights. Trátase dunha compañía nova pero que xa está a desenvolver unha tecnoloxía innovadora —o uso de neutróns— para superar as limitación das radiografías convencionais no terreo industrial, co obxectivo de producir un novo dispositivo capaz de penetrar en materiais densos e detectar de forma precisa defectos en metais e estruturas. O xurado destacou o feito de tratarse dunha spin-off creada nun sector como o da física, non que non son habituais iniciativas deste tipo.
Na categoría de Grupos de Investigación o galardón foi para o grupo BioFarma, pertencente a o centro CiMUS da Universidade de Santiago. BioFarma, coordinado pola investigadora Mabel Loza, conta cunha traxectoria de case dúas década nas que participou na investigación de 15 novas entidades químicas, que chegaron a ensaios clínicos mediante iniciativas de descubrimento de fármacos. O xurado valorou especialmente o feito de tratarse dun grupo dirixido por unha muller, o que pon de manifesto o crecente protagonismo feminino na ciencia e na investigación en Galicia.
Membros do xurado
O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off estivo composto nesta edición pola investigadora da Universidade de Caen Alicia Bruzos —premiada esta mesma semana co galardón L’Oreal-Unesco en Francia—; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; polo director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; polo presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, Luciano Fariña, e polo director de GCiencia, Pablo López.

A alta calidade das candidaturas presentadas a estes premios foi o denominador común nas tres categorías duns galardóns que distinguen anualmente as empresas e grupos máis innovadores do panorama galego.
Nas súas deliberacións, o xurado destacou especialmente a alta calidade das candidaturas presentadas nas categorías de Idea Emerxente e Grupos de Investigación. No apartado de Selo de Calidade é o propio xurado o que achega as aspirantes entre as máis destacadas empresas do panorama galego.
Uns premios creados en 2015
Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen dende o ano 2015 as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo SING da UVigo ou Laboratorio de Bases de Datos da UDC.
O acto de entrega dos premios contará coa presenza de distintas autoridades e representantes de institucións galegas e do mundo empresarial e académico. Os galardóns contan con patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, de Unirisco e da empresa Gadis.














