A ciencia galega suma un importante recoñecemento no exterior. A investigadora Alicia L. Bruzos acaba de ser anunciada como unha das 35 gañadoras dos premios Novos Talentos L’Oréal-Unesco ‘Para as mulleres e a ciencia’ en Francia, o país onde traballa. A cerimonia de entrega será o 9 de outubro en París.
Bruzos é actualmente investigadora postdoctoral na Université de Caen Normandie (Francia) e conta cun contrato europeo MSCA (Marie Skłodowska-Curie Actions). Na súa 18 edición, os premios queren recoñecer o traballo desta galega. En videochamada, Bruzos destaca o orgullo de ter gañado no país galo, o que para ela, di, ten “un pouco máis de mérito”, posto que é un idioma que aprendeu con 14 anos. “Quen me ía dicir a min cando o escollín no colexio que me ía axudar para poder ter unha carreira científica en Francia”.
Unha traxectoria centrada no cáncer
A carreira de Bruzos está dedicada á investigación en cancro, aínda que con distintas fases. Nun primeiro momento comezou traballando en cancro humano, de onde deu o salto á análise desta enfermidade en berberechos e ameixas. “Non se coñecía case nada destes cancros”, salienta. Este traballo comezou en Galicia, destaca, primeiro en Vigo e despois en Santiago, indagando nas bases xenéticas e a historia evolutiva que deu na aparición destes cancros e que fixo que se volvesen contaxiosos.
Aquí fai un inciso para chamar á calma: “Normalmente, entre humanos, un cancro se non é contaxioso. Non se ten que ter medo cando imos ao hospital e interactuamos con pacientes”. Este tipo de transmisión dáse entre unhas poucas especies: cans, demos de Tasmania e bivalvos, o seu campo de traballo.
Volvendo á traxectoria de Bruzos, a investigadora centrou a súa tese, realizada en Galicia, no aspecto xenético, analizando o ADN dos cancros contaxiosos. Despois saíu a facer un post doutorado en Inglaterra, no que volveu a estudar a enfermidade en humanos. Pero o seu interese estaba noutro lado. “Para pedir a Marie Curie, a financiación que teño en Francia, decidinme a volver ao cancro en berberechos, porque non coñecemos case nada deles e representa un modelo moi interesante para comprender mellor a enfermidade”.
A metástase do mar
Bruzos explica como, cando se fala das mortes por cáncer, o 90% se deben á metástase, o proceso polo que dun tumor primario saen as células que se diseminan a outras partes do corpo. “A metástase ten un paralelismo moi grande co que é un contaxio de cancro no mar. É simplemente a distinta escala. No caso da metástase é dun órgano a outro, mentres que no dos berberechos e ameixas é a unha escala un pouco maior”.
Na súa investigación actual trata de entender se os animais presentan unha resposta inmune fronte ao contaxio, pero como todo proxecto deste tipo ten impacto noutras áreas. Un dos primeiros achados, a nivel ecolóxico, é confirmar a presenza do cáncer de berberechos tamén na rexión da Normandía francesa na que traballa.
Porén, non hai que esquecer que o tipo de traballo que fai Bruzos entra dentro da investigación básica, isto é, centrada na comprensión dos procesos, en xerar coñecemento, e non na súa aplicación para desenvolver ferramentas. Ela vai ás bases. “O que intentamos é entender os mecanismos, as bases biolóxicas desta enfermidade, que teñen moita importancia para a sociedade hoxe en día, porque é un verdadeiro problema”.
Un impulso para a carreira
Como unha das 35 seleccionadas na 18 edición dos premios Novos Talentos L’Oréal-Unesco, Bruzos recibirá 20.000 euros para a súa investigación, así como unha formación intensiva en liderado en París con foco en áreas como negociación, xestión e oratoria. A científica foi elixida de entre 800 candidatas por un xurado de máis de 40 membros da Academia das ciencias francesa, que buscan con estes recoñecementos contribuír a eliminar as diferencias de xénero nas carreiras en ciencias.
Para Bruzos, o premio ten tres implicacións. “O primeiro, dado que ven cunha dotación económica, vaime permitir poder seguir facendo investigacións”. Pero non só iso: ao conectala cunha rede de mulleres científicas, ten unha parte do que se chama networking que, para Bruzos, é “moi reconfortante”. “Falar con xente e que ademais sexa do teu mesmo sexo é útil porque, ao final, os nesgos aos que estamos sometidas non son os mesmos se es home ou muller”.
Por último, destaca a visibilidade. “Como científicos e, sobre todo, cando traballamos en institucións públicas” -algo que ela fixo en toda a súa carreira-, “unha das nosas tarefas é devolver á sociedade”. Non se trata unicamente de devolvelo co seu traballo, que evidentemente tamén é así, senón tamén de transmitilo. “Moitas veces esquecemos comunicalo”, destaca. “Hai que dicirlle á sociedade o que se está facendo, ten que saber en que se invisten os seus impostos e por que é útil”. De aí a importancia desta visibilidade, que estende tamén a poñer en valor a causa da muller na ciencia.
Mulleres na ciencia
Bruzos volve sobre esa vocación do premio de dar visibilidade ao traballo feminino en investigación. No que leva de traxectoria, a científica xa notou os nesgos de xénero, tanto na carga dos coidados como noutras discriminacións. “Unha delas é a carga salarial. Eu xa vin nalgúns sitios como se lle pagaba máis a homes que a mulleres”, lembra. “E logo o famoso teito de cristal. A min xa me dixeron que non debería ser tan ambiciosa, que me relaxe un pouco”.
Bruzos non ten claro que isto se lles diga aos seus colegas varóns. “Son pequenos comentarios, que por si sos non te van facer deixar a ciencia. O problema é cando os acumulas todos e os pos nunha sociedade que xa de por si te da estereotipos desde a infancia”.
A ombreiros de xigantes
O futuro desta galega nada en Lugo en 1993 e criada en plena Mariña lucense, en Viveiro, pasa por unha nova mudanza. Proximamente cambiarase ao Max Planck Institute for Marine Microbiology en Bremen, Alemania, cun contrato Minerva Fast Track Fellowship. Malia que lle encanta viaxar, como proba a súa participación en expedicións científicas, “probablemente se tivera oportunidades similares no meu país me tería quedado”, apunta. “Eu funme, obviamente elexino, ninguén me botou. Funme porque quería traballar en institucións de renome”. Subirse a ombreiros de xigantes, cita, “traballar con xente que faga un traballo excelente e ademais teña os recursos, porque de pouco te serve ser excelente se non te dan os recursos para facelo. En Galicia hai moita xente excelente”.
Igual que ten claro que quería marchar para probar esa primeira división científica, ten claro que lle gustaría volver, que “todos estes anos fora, aparte de nutrirme como persoa e como científica, sirvan para volvernos a traer á nosa terra”. “Así que a mensaxe aquí sería animar á Xunta de Galicia, ao Ministerio e a todos os organismos que poidan ter un papel nisto a que haxa unha aposta seria pola ciencia en Galicia”.