Sábado 20 Abril 2024

Un equipo da USC achega novas pistas sobre o contaxio do cancro

O achado de investigadores do CiMUS aporta tamén novos datos sobre a transmisibilidade entre especies mariñas e o potencial estudo da metastase

Afondar na aínda pouco coñecida natureza contaxiosa do cancro e aportar novas pistas para o estudo da metástase. Estes son os dous últimos logros do achado do grupo Xenomas e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que lidera Jose Tubío, e que amplían o coñecemento en caracterización genética do cancro a partir de  modelos animais mariños.

Estes achados constitúen os primeiros resultados do proxecto europeo Scuba Cancers, enfocado no uso da xenética para comprender as metástases contaxiosas baixo o mar. Nel participan —ademáis do equipo galego— equipos de Portugal, Francia, Irlanda e Croacia, e conta co financiamento do Consello Europeo de Investigación (ERC) por valor de 1,5 millóns de euros.

Publicidade

O cancro das ameixas

O persoal científico de Scuba Cancers afondou nos achados dun novo caso de cancro contaxioso que afecta a unha especie de ameixa. Para iso, recolectaron más de 500 unidades deste molusco bivalvo nas costas dos países que forman parte do proxecto, atopando nelas un tipo de cancro, semellante á leucemia, chamado neoplasia hémica.

As posteriores tecnoloxías de secuenciación de ADN permitiron descubrir que as células canceríxenas presentes na especie orixinal “poden saltar entre especies comportándose de maneira infecciosa”, segundo apunta a investigadora do CiMUS, Alicia  L. Bruzos. Amais, o estudo do ADN, ben do nuclear como do mitocondrial, amosou que este cancro fora orixinado nunha ameixa “doante” diferente, pero que habita as mesmas rexións que as primeiras especies de ameixas “receptoras”, ás que contaxiara. Un achado que alerta sobre o perigo que poden supor este tipo de cancros.

Unha enfermidade contaxiosa

Tamén coñecidos como cancros de transmisión clonal, os cancros contaxiosos son liñaxes de tumores que se transmiten entre individuos mediante a transferencia de células cancerosas vivas. Un tipo de patoloxía que só se descubriu recentemente, e grazas aos avances do campo da xenética que permiten determinar en que individuo se orixinou unha célula tumoral. Actualmente só se coñecen cancros contaxiosos en demos de Tasmania, varias especies de mexillóns, ameixas e berberechos e cans. Nestes últimos, estímase que ten uns 8.500 anos.

No caso das ameixas, o cancro contaxioso sobrevive á morte do bivalvo en que se orixinou porque infecta a novos especimes. “Futuros estudos permitirannos lanzar luz sobre a idade do cancro contaxioso das ameixas doantes, pero como mínimo, sábese que teñen uns nove anos de antigüidade, xa que as mostras analizadas neste estudo foron colleitadas entre 2011 e 2020”, sostén o investigador Daniel García-Souto.

O perigo da transmisión

“Os nosos achados confirman que os cancros transmisibles mariños poden saltar entre especies e sinalan a necesidade da súa identificación e caracterización xenética para a súa monitoraxe e prevención, porque podería supoñer un perigo para o ecosistema mariño e unha seria ameaza ecolóxica”, sostén a investigadora do CiMUS. “Un estudo previo sobre o cancro contaxioso de mexillóns que se atopa nas costas europea e suramericana propuxo como potencial vía de contaxio a viaxe de mexillóns adheridos aos cascos de barcos que realizan roteiros comerciais entre Europa e Sudamérica”.

Isto suxire que afondar no coñecemento do roteiro completo dos contaxios de cancro e as súas vías de transporte podería permitir coñecer as causas reais da súa transmisión. Amais, e tal e como engade o profesor Tubío, “o estudo xenético destes cancros contaxiosos é un novo punto de vista para tentar entender a metástase. É dicir, a propagación do cancro a outros órganos do corpo. Con este novo caso de cancro contaxioso agora contamos con máis modelos para estudar as causas xenéticas da transmisibilidade“.


ReferenciaMitochondrial genome sequencing of marine leukemias reveals cancer contagion between clam species in the Seas of Southern Europe (publicado en eLife)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde