O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

As arterias contan con mecanismos naturais que evitan que o calcio se deposite nas súas paredes. Unha nova investigación publicada na revista científica Molecular Medicine sinala que o consumo elevado e continuado de frutosa pode alterar unha desas defensas. O estudo foi realizado no grupo Homeostase Metabólica e Calcificación Vascular do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiao (IDIS), dirixido polo investigador Ricardo Villa Bellosta.

O proceso comeza no fígado, un dos principais órganos encargados de metabolizar frutosa. Cando está exposto de forma prolongada a cantidades elevadas deste azucre, as súas mitocondrias —as estruturas que producen a enerxía que necesitan as células— empezan a funcionar peor.

Publicidade

Como consecuencia, diminúe a produción de ATP, unha molécula que adoita describirse como a moeda enerxética do organismo. Pero o ATP non só achega enerxía: tamén permite fabricar pirofosfato, unha molécula que circula polo sangue e axuda a impedir que o calcio e o fosfato formen cristais na parede dos vasos sanguíneos. O estudo mostra que unha exposición prolongada á frutosa reduce os niveis de ATP e de pirofosfato. Os investigadores comprobaron ademais que, nestas condicións, o tecido vascular se calcificaba con maior facilidade no laboratorio.

Ultraprocesados e bebidas azucradas

“O traballo non demostra que o consumo de froita provoque calcificación arterial. A froita enteira contén fibra, auga e vitaminas, e posúe unha estrutura que fai que os seus azucres se absorban de forma máis gradual. A exposición estudada aproxímase máis a unha inxestión elevada e frecuente de fructosa libre, como a que pode producirse con bebidas azucradas e determinados produtos ultraprocesados”, recalca Villa-Bellosta.

Publicidade

Ata o de agora, os efectos cardiovasculares asociados ao exceso de frutosa relacionábanse principalmente coa resistencia á insulina, a inflamación, o ácido úrico e o estrés oxidativo. Os novos resultados engaden outra peza: a perda de substancias que protexen directamente as arterias fronte á acumulación de minerais. O estudo contou con financiamento de diferentes organismos e institucións, entre eles a Axencia Estatal de Investigación, a Xunta de Galicia e a Sociedade Española de Nefroloxía.


Referencia: Chronic fructose intake disrupts extracellular ATP–pyrophosphate homeostasis and increases susceptibility to aortic calcification (Publicado en Molecular Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos